Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

19/12/12

Proxecto Neo nº37.2 - Ton Arenas & Anik Nandi

Fixemos Proxecto Neo (en orde alfabética): Aitor, Andrés, Bernardo, Gabi, Iria, Karina, Paula, Paulo e Sara. Se lle sumamos os nosos convidados, case facemos unha ducia.

Este é o programa que comeza con Vicente Fernández cantando aquilo de "Volver, volver". Noutras palabras: comeza en clave de humor. Aproxímase o tempo do descanso escolar, entón os nosos colaboradores non esconden o seu desexo de promover o ambiente festivo.

O primeiro convidado da trixésimo sétima edición chámase Antonio Rodríguez Arenas (artisticamente, “Ton”). Naceu en Córdoba, en 1977. E fillo de mindoniense e de extremeña de La Torre de Santa María, en Cáceres.
Este artista Modelo Burela é cosmopolita desde o berce. Viviu en Córdoba, en Móstoles, en Londres e... ... aos 18 anos chegou á nosa terra para asentarse.
Veu estudar Enxeñaría Técnica Agrícola no Campus de Lugo e acabou por recuperar o vínculo coas Artes. Nunha idade precoz, aos 8 anos, pediulles aos pais que o apuntasen a clases de pintura e con vinte e tantos retomou esa vocación artística e meteuse no teatro.

O segundo convidado é Anik Nandi, o investigador bengalí que chegou a Ourense e despois tomou dirección Santiago. Un sabio da terra de Tagore que se fixo galego en menos de dous anos.

Podedes escoitar o programa de radio na seguinte ligazón: Proxecto Neo nº 37.2

12/12/12

Proxecto Neo nº36.2 - Homenaxe Celso Emilio Ferreiro


O programa 36.2 estivo dedicado integramente a revitalizar a palabra de Celso Emilio Ferreiro. Aitor López púxolle voz con sotaque da Mariña á biografía que recollemos da Biblioteca Virtual Galega:

Celso Emilio Ferreiro naceu en Celanova no ano 1912. Alí estudou cos Padres Escolapios, dos que recibiu unha formación cultural moi pouco común na época. Estivo relacionado desde moi novo co movemento nacionalista e a comezos dos anos 30 afiliouse ás Mocidades Galeguistas para iniciar unha actividade política e literaria que estaría sempre marcada polo compromiso co país. Cando estalou a guerra, Celso Emilio foi obrigado a se incorporar ao exército franquista. Estivo condenado a morte e, nas catro noites que pasou na cadea até a familia conseguir o indulto, escribiu o poema "Longa noite de pedra", núcleo central do libro do mesmo título. 
     
Finalizado o conflito, cursou Maxisterio e Dereito en Compostela. Só concluíu a primeira das carreiras, mais nunca chegou a exercer como mestre. Casou con Moraima e a parella instalouse en Pontevedra. Nesta cidade fundou en 1948 a colección Benito Soto.

Seguidamente, viaxamos ás Cangas do Morrazo para falar con Xé Freire. O escritor mindoniense atendeu a nosa chamada e explicounos e recitounos o poema dedicado a María Soliño.

Con Gabriel Bermúdez e coa maxia das ondas viaxamos a Tenerife. Falamos con Luís, fillo de galegos, nacido en Francia. Contounos que traballa como conserxe na localidade de Candelaria, falounos do Barqueiro, da Estaca de Bares e recitounos tamén a Celso Emilio.

Moi caladiño, no estudio, estaba desde o comezo Suso do Correo Vello. Con el falamos máis tarde, despois de o presentar como o que é: mariñeiro de altura e poeta ou poeta que traballa como mariñeiro de altura.
Antes de irmos embora, conversamos telefonicamente con Andoni Herrera. Este cidadán de Barakaldo atendeunos desde Bilbao, onde asistía a un entrenamento do equipo de rugby. Levaba consigo unha antoloxía de tres poetas, entre eles Celso Emilio Ferreiro, e tivo a xentileza de nos recitar un poema da Viaxe ao país dos ananos

 O audio coa música e as entrevistas está aquí: Proxecto Neo nº 36.2

05/12/12

Proxecto Neo nº35.2 - Clara Pino


O 35.2 é o programa que comeza con ton saudoso, porque faltaba a nosa condutora galo-galega. Como a encontrábamos en falta, dedicámoslle aquilo de "Non te vaias, Rianxeira, que te podes marear" na voz de Uxía Senlle.
A seguir, falamos con Marina Barbosa Vicente, unha artista que canta e danza no grupo Nós Bandeira, que fai música tradicional africana, e que tamén participa nas Batuko Tabanka.

Tras ler un fragmento de Un dedo manchado de tinta (Manuel Portas; Xerais, 2011), estivemos con Clara Pino (Vigo; 1972).

Falounos de música, de literatura e tamén do idioma. Díxonos que non falou en galego desde pequena; que seus pais a educaron en castelán, o mesmo idioma en que foi escolarizada (sen concesións ao galego). 
Comentounos que aos 8 anos iniciou os estudos de Música Clásica no Conservatorio Superior de Música de Vigo e que ao terminar COU licenciouse en Filoloxía Hispánica en Santiago. Recalcounos que combinou os estudos de Letras cos de Canto no Conservatorio.

Ao rematar a carreira, sentiu curiosidade pola harpa celta. Coñeceu Rodrigo Romaní, que sería o seu profesor durante 5 anos. Rodrigo propúxolle un proxecto musical,Setesaias, e saíu o seu primeiro disco.

Nesa altura, Clara Pino deu o salto definitivo ao galego "en todos os contextos comunicativos". É moi lindo como ela o conta: "Fíxenme esta pregunta: se canto en galego e dou as miñas aulas en galego....que sentido ten non falalo no resto dos contextos?". Enfín... Unha ES-TRE-LA! Os neofalantes son así!!! 

28/11/12

Proxecto Neo nº34.2 - Mariló Candedo Gunturiz

Noutra tarde viaxeira, Burela foi punto de partida… e punto de chegada. Entretanto, fíxose a travesía; a través das ondas viaxamos á Coruña e, en soños, chegamos incluso a Cabo Verde. Para abrir boca, recibimos un novo colaborador para atender os mandos técnicos e falamos con el a micro aberto. Chámase Paulo Silva Freire, que chegou a Burela en xullo de 2011. De técnico aprendiz pasamos a técnico experimentado. No segundo corte do programa conversamos con Andrés Sáinz Evans, que xa está moi seguro no dominio da mesa técnica. Despois de escoitarmos a "Sementeira" de Fuxan e o "Vivir na Coruña" dos Diplomáticos, viaxamos á cidade herculina para facer tertulia coa profesora Mariló Candedo Gunturiz, docente da área de Pedagoxía Social na Facultade de Ciencias da Educación. Unha muller moi implicada no traballo, que o vive con tanta paixón que asumiu unha grande responsabilidade: ocuparse da presidencia de Nova Escola Galega, o colectivo profesional dos homes e mulleres que nos dedicamos á educación. Con ela falamos abertamente de varios temas: a oferta educativa da Faculdade de Ciencias da Educación, o alcance da reforma educativa e o Pedrón de Ouro outorgado a Nova Escola Galega. Naturalmente, contounos a súa experiencia como neofalante. Como sempre, as intervencións da Mocidade Modelo Burela foron colosais. Gabi, Xoel e Aitor foron capaces de facerlle falar moito e ben á nosa convidada. Diso se trataba.
A conversa íntegra está aquí: Proxecto Neo nº 34.2

21/11/12

Proxecto Neo nº33.2 - Emiliano Perdiguero García

Emiliano Perdiguero García naceu en San Cosme de Barreiros. Estudou bacharelato no Instituto Mixto de Ribadeo, e a licenciatura de Matemáticas (especialidade de “Estatística e Investigacion de operacions”) na Universidade de Santiago. Leva 26 anos de profesor de ensino secundario: primeiro en Xixón, nos Institutos de Bacharelato Jovellanos e Calderón da Barca; despois en Luarca, no IES Carmen e Severo Ochoa; máis tarde no Instituto de Bacharelato de Vegadeo; e desde hai uns anos no Instituto Monte Castelo de Burela.
Foi asesor de formación do ámbito científico no Centro de Profesores de Luarca. Formou parte dun grupo de docentes que colaboraron coa administración para a redacción e implantación da Lei Xeral do Sistema Educativo (LOGSE).
No tema que nos ocupa, estivo en programas de aulas bilingües no verán do 2006 en Vichy e no verán do 2009 en Estrasburgo e participou no primeiro PALE con un grupo de 15 profesores galegos no mes de Abril do 2008, no instituto Glebe College de Ottawa en Canadá.
Na actualidade é docente de Matemáticas no turno de Adultos no IES Monte Castelo.

Este é o enlace para escoitar o programa: Proxecto Neo nº 33.2

07/11/12

Proxecto Neo nº32.2 - Águeda Barcia Iravedra

Águeda Barcia Iravedra, nacida en San Cosme de Barreiros, reside desde os oito anos en Burela, onde os seus pais exerceron de mestres. Licenciada en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, desde 1980 exerceu como profesora de Bioloxía e Xeoloxía no instituto “Monte Castelo” de Burela, despois de ter impartido docencia nos institutos de Cariño e Ortigueira.

Paralelamente ao desenvolvemento das súas clases, realiza visitas didácticas á zona xeolóxica como ambiente incomparable para facer clases prácticas. Alén do labor docente, colabora co Concello de Burela na difusión do coñecemento da zona e na súa explicación acompañando os numerosos grupos que visitan este lugar.

No ámbito asociativo, desempeñou o cargo de presidenta da Asociación de Veciños “O Vencello” durante a década dos noventa e, desde a súa fundación, é a presidenta da asociación micolóxica “Cantareliña”.

Neste programa participan moi destacadamente Xoel Geada, Gabriel Bermúdez e Aitor López, que se encargou de realizar unha entrevista virtual á foto-xornalista galega Ana Durán, residente en Tabasco (México). Da parte técnica ocupouse Juan Andrés Sainz Evans, que tivo como acompañante a Víctor Cabarcos Val

Aquí está disponíbel o arquivo de audio.

Grazas a Julia Labrador por esta magnífica reportaxe fotográfica.

 

31/10/12

Proxecto Neo nº31.2 - Daria Bakteeva

Daria Bakteeva, alumna de 3º de ESO no IES Perdouro, estivo nos estudios de Radio Burela como convidada-estrela do Programa Proxecto Neo do día 31 de outubro de 2012.

Daria chegou a Galiza a través da ONG Ledicia Cativa, asociación que durante os meses de verán acolle nenos afectados pola radiación de Chernobyl. Despois de vir durante varios anos consecutivos, Daria decidiu asentarse en Burela para realizar os seus estudos aquí.
Na parte final do programa, falamos tamén con Chus e Suso, as persoas solidarias que fixeron posible esta acollida.

Aquí podedes escoitar este encontro.

24/10/12

Proxecto Neo nº30.2 - Vitorino Pérez Prieto

Mércores 24 de outubro, falamos con Vitorino Pérez Prieto. Doutor en Teoloxía pola Universdiade de Salamanca. Doutor en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela. Docente das Universidades da Coruña e Santiago. Director de cursos da Universidade Menéndez Pelayo. Exdirector de revista Irimia, e do conselo de Redacción de Encrucillada...

Podedes escoitar o audio do programa na seguinte ligazón: Proxecto Neo nº 30.2

17/10/12

Proxecto Neo nº29.2 - María Jesús Fuentes Silveira

Mércores 17 de outubro, María Jesús Fuentes Silveira, profesora de Bioloxía, conversa connosco sobre a súa infancia en Francia e o seu labor na docencia. Fálanos das súas experiencias nos proxectos educativos europeos e nas seccións bilingues.
Podedes escoitar a tertulia aquí. 

10/10/12

Proxecto Neo nº28.2 - Manuel Parga Núñez



Non perdades a tertulia aquí: Proxecto Neo nº 28.2

Mércores 10 de outubro, contamos cun convidado lugués polifacético, Manuel Parga Núñez, profesor de Xeografía e Historia no IES Monte Castelo, especialista en Pedagoxía Terapéutica e en Lingua Galega.
Nesta tarde, Manuel Parga falounos da nenez, da etapa educativa durante a transición en Lugo para rematar contándonos as súas experiencias como docente en Galiza e Cataluña. Soubemos que combinou os seus estudos coa competición atlética de alto rendemento e puidemos falar con Paco Villanueva, Presidente da Federación Galega de Triatlón, compañeiro de Manuel Parga. Na súa etapa de docente, exerceu como director do Colexio de Cervo nos cursos 89-92, 97-98 e 2002-2005, e impulsou varios proxectos educativos  de investigación e formación a nivel galego, estatal e europeo.


Personaxe polifacético como diciamos, Manuel Parga dedícase tamén á política: foi o primeiro Alcalde do Concello de Burela no ano 1995 e deputado no Parlamento Galego durante dúas lexislaturas: na primeira exerceu como portavoz de educación e na segunda de Ben-estar social.


03/10/12

Proxecto Neo nº27.2 - Begoña Rodríguez Muñiz

Nesta tarde do mércores 3 de outubro, iniciamos unha nova andadura de Proxecto Neo con protagonismo feminino.
Falamos con Begoña Rodríguez Muñiz, profesora de Imaxe Persoal do instituto Perdouro, da súa terra da Ulla. Tivemos a oportunidade de preguntar por Requinta da Laxeira con Iván García, un dos integrantes, e puidemos conversar sobre letras e lingua cun veciño moi particular, Xosé Neira Vilas.

Podedes escoitar esta tertulia moi intimista aquí : Proxecto Neo nº 27.2



01/10/12

2ª TEMPORADA DE PROXECTO NEO

Este mércores 3 de outubro volverá a emitirse nas ondas de Radio Burela no 107.7 Proxecto Neo, o programa que recolle a voz protagonista das persoas chegadas doutras comunidades, que decidiron asentarse aquí entre nós e que día a día poñen de manifesto unha integración exemplar. Modelo Burela.
Contaremos unha vez máis coa axuda dos Equipos de Normalización Lingüística dos Institutos Monte Castelo e Perdouro.
Estaremos en riguroso directo todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Esperámosvos.

27/06/12

Proxecto Neo nº25 - Chemel Ruiz, Mago Pi

Nesta tarde do mércores 27 de xuño, concluimos esta primeira etapa de Proxecto Neo con dous convidados de excepción. Falamos de música e de maxia.
Chemel Ruíz, neofalante, é membro do grupo U And, compositor xunto a Pablo Trobo da sintonía do noso programa Proxecto Neo. Xa teñen publicado un tema electrónico no Netlabel lugués Muralla Musical. Podedes escoitalos aquí.
O mago Pi comparte o seu traballo de marineiro co mundo da ilusión. Traballa a dúo co noso benquerido compañeiro Senín Díaz. Non perdades de visitar o seu blog: http://magopimagosenin.blogspot.com.es/

Podedes escoitar o programa aquí.

Sintonía Proxecto Neo de U And:



Proxecto Neo nº 25 - Convidados: Chemel Ruíz e o mago Pi on PhotoPeach

20/06/12

Proxecto Neo nº 24 - Juan Mario Lawicki Aragón, Umer Mohammad, Xoán Eiriz, Kinga Haudek



Mércores 20 de xuño. Recén publicados os resultados das Probas de Acceso á Universidade, estivemos conversando con dous dos nosos convidados en programas anteriores: Juan Mario Lawicki Aragón (Programa nº9) e Umer Mohammad (Programa nº17), xa ex-alumnos de 2º de Bacharelato.
Nós sentímonos moi satisfeitos -incluso orgullosos- das cualificacións conseguidas por estes dous neofalantes na proba de Lingua e Literatura Galega.  Son boa mostra de que a inmersión en galego é unha magnífica estratexia pedagóxica.
No mesmo programa puidemos entrevistarnos con Xoán Eiriz, cantautor, que leva máis de 30 anos apostando pola nosa lingua e cultura galega.
Tamén viaxamos ata Hungría, e falamos con Kinga Haudek. Esta investigadora en Socioloxía da Comunicación en Santiago de Compostela presentounos o seu traballo publicado recentemente pola revista Grial: "Lingua e identidade no estudantado universitario".

13/06/12

Proxecto Neo nº 23 - Aina Noguera Tugores

Mércores 13 de xuño, recibimos nos estudios de Radio Burela a Aina Noguera Tugores. Naceu en Palma de Mallorca en 1974 e reside na nosa terra desde 2002. Licenciada en Bellas Artes pola Universidadde de Barcelona, é pintora en activo. Participa nunha iniciativa da sociedade civil, o mercado do Souto, mercado que pon en contacto vendedores e consumidores co obxetivo de dinamizar o comercio local e dar a coñecer a produción ecolóxica da zona.

Xa podedes escoitar aquí a tertulia coa nosa convidada Aina Noguera.

06/06/12

Proxecto Neo nº22 - Xavier Villaverde

Nesta ocasión, falamos con Xavier Villaverde, profesor de Tecnoloxía do IES Perdouro e con Xavier Alcalá, enxeñeiro de telecomunicacións, profesor universitario e escritor.

Xa podedes escoitar aquí a interesantísima tertulia con Xavier Alcalá.

29/05/12

Proxecto Neo nº 21 - Juan G. Sama


Neste programa nº 21 falamos con Juan G. Sama Díez, o noso director.
Despois de máis de dez anos con nós, trasládase. Vai para o IES de Cacheiras.
Neste programa tivemos ocasión de voltar a vista atrás e facer balance desta etapa no seu camiño.
Comezamos a viaxe no centro de Asturias. Despois fixemos parada en Avilés, antes de chegar a Foz. Retornamos a Xixón... para voltar de novo.
Falamos de integración, desde dentro. ... e tivemos uns axudantes de excepción. Dous, á falta dun.
Un programa para non perder.

Xa podedes escoitar a amena e entrañable tertulia con Juan Sama aquí.

Proxecto Neo nº 21 - Convidado: Juan G. Sama Diez on PhotoPeach

23/05/12

Proxecto Neo nº20 - Lavilson Rodrigues e Jordan Gonçalves




Lavilson Rodrigues e Jordan Gonçalves, ambos os dous alumnos Cabo-verdianos de 1º de ESO no Perdouro, protagonizan Proxecto Neo. Levan tan só entre un e catro anos en Burela.
Ademais, nesta ocasión, Mª Dolores Chas, Orientadora no Perdouro, fai un breve repaso de como se desenvolve o proceso de acollida dos alumnos inmigrantes nun centro educativo.
Tivemos o pracer de poder conversar con Teresa González Costa, autora do libro que leron os rapaces neste curso, A filla do ladrón de bicicletas.

Proxecto Neo nº 20 - Convidados: Lavilson Rodrigues e Jordan Gonçalves on PhotoPeach

Seguídenos nas redes sociais. (Twitter e Facebook).

Podedes escoitar a tertulia aquí.

17/05/12

Proxecto Neo nº 19 - Estéfano Gudín

Nesta vixésima entrega de Proxecto Neo, contamos co ceramista Estéfano Gudín como convidado desta tarde. Asturiano orixinario de Arancedo no concello de El Franco, cóntanos como foi a súa nenez pasando polo servicio militar en Sevilla, e como acabou en Burela. Hoxe ten un obradoiro de cerámica en Cervo. Neste seguinte enlace, podederes consultar a súa web. Aquí.

Proxecto Neo nº 19 - Convidado: Estéfano Gudín on PhotoPeach

Seguídenos nas redes sociais. (Twitter e Facebook).

Podedes escoitar a tertulia aquí.

10/05/12

OS NEOFALANTES PROTAGONIZAN O PROGRAMA LUAR DA TVG PRESENTADO POR XOSÉ RAMÓN GAIOSO

Unha delegación da Mariña participará mañá nun programa dedicado á celebración do Día das Letras Galega

Un conxunto de 15 persoas da Mariña viaxarán na tarde de mañá venres a Santiago de Compostela para participaren na emisión do Luar da TVG, un programa que estará dedicado á conmemoración do Día das Letras Galegas. A delegación que sairá da estación de autobuses de Burela ás 4 da tarde, está encabezada pola Vicedirectora do IES Perdouro, Karina Parga Chao, e nela figuran diversas persoas da Mariña, todas elas cun vínculo especial: a súa procedencia de máis alá das nosas fronteiras e a máis que aceptable integración na nosa cultura.
Xunto a diversos protagonistas do documental “Modelo Burela”, de Matías Nicieza (que tamén estará na expedición), serán entrevistadas en Luar algunhas das persoas que participaron durante este curso académico nas emisións radiofónicas tituladas “Proxecto Neo” impulsadas polo Instituto Perdouro. Residente en Ferreira do Valadouro, Ayoud Sabry é un mozo marroquino que estuda mecánica do automóbel en Ribadeo; o pakistaní Umer Mohammed, residente en Burela, combina o traballo nun negocio familiar do sector hostaleiro cos estudos de 2º de Bacharelato; a focense Sol Pedreira chegou á nosa terra procedente do Perú e manifesta unha magnífica integración entre nós, sen renunciar aos vínculos cos familiares da China e o Xapón; o futbolista Miguel Gomes, xuvenil habitual nas listas do primeiro equipo da S. D. Burela de fútbol será o representante da comunidade caboverdiana.
A presenza deste conxunto de persoas representativas da implantación do “Modelo Burela” de Planificación Lingüística no Luar da TVG, é o resultado da colaboración do IES Perdouro co equipo de produción do programa televisivo durante estas últimas semanas.
Este recoñecemento ao labor da área de Innovación Educativa do instituto de Burela, programa que conta coa coordinación da profesora María José Andión Fontela, chega poucos días despois de que o propio Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, visitase o centro de ensino para participar nunha xornada de dinamización lingüística.
Ademais de continuar con proxectos como o da integración de neofalantes, a área de Innovación Educativa do IES Perdouro centra este ano o seu labor didáctico no apoio ao desenvolvemento do comercio local, unha iniciativa que xa conta co apoio de diversas empresas.

Proxecto Neo nº 18 - Angel Gavela & Julieta Durán

Nesta ocasión, entrevistamos a Angel Gavela, alumno asturiano de 2º de Bacharelato no IES Monte Castelo, e a Julieta Durán, alumna arxentina de 4º de ESO no IES Perdouro.

Proxecto Neo - nº18 - Convidados: Angel Gavela e Julieta Durán on PhotoPeach

Seguídenos nas redes sociais. (Twitter e Facebook).

Podedes escoitar a tertulia aquí.

03/05/12

Proxecto neo nº 17 - Celso Trobo Castro & Umer Mohammad & Suso Pena



Celebramos a ducia e media de programas dedicándolle unha máis que merecida homenaxe á Sociedade Deportiva Burela, a entidade que leva trinta anos facendo un magnífico servizo en favor da integración das diferentes culturas.

O programa é un agasallo para comezar o mes de maio.

Celso Trobo Castro, xerente da entidade deportiva, fai unha brillante introdución. Comenta as circunstancias en que se realizan as actividades: o número de familias involucradas no clube, o labor dos monitores, as horas de dedicación semanais, a multiculturalidade da S. D. Burela.

Os xogadores xuvenís Sito Ramos - o pichichi- e Miguel Gomes -capitán e motor do equipo- explican como combinan a práctica deportiva cos estudos e falan das condicións de convivencia entre mozos provenientes de moi diversos lugares.

Como estrela convidada, neste 18º programa participa Umer Mohammad, un estudante do segundo curso de bacharelato orixinario do Pakistán. As súas explicacións son antolóxicas. Media hora de conversa para non perder nin un segundo. Todo ambientado coa mellor música asiática.

Aínda unha pinguiña final: a conversa con Suso Pena, xornalista do grupo El Progreso e director deportivo da S. D.

Proxecto Neo nº 17 - Convidados: S. D. Burela. on PhotoPeach

Seguídenos nas redes sociais. (Twitter e Facebook).

26/04/12

Proxecto Neo nº 16 - Delfina Pena & Aurélie Pello

Mércores 25 de abril, décimo-sétima entrega de Proxecto Neo. Nesta ocasión, faremos unha viaxe de ida e volta á terras armoricanas.

Delfina Pena é profesora de Lingua e Cultura Francesa. Estudou Filoloxía Románica, primeiro en Lugo e despois en Santiago de Compostela. Desde hai trece anos, é a impulsora dun intercambio educativo entre a Mariña mindoniense e o corazón da Provenza. Un contacto directo, como o que fixeron os trovadores na Idade Media… mais actualizado, moderno. Unha convivencia do século XXI.

Aurélie Pello é profesora axudante de conversa. Orixinaria de Brest, na Bretaña, chegou a Galicia por vez primeira como participante nun intercambio escolar entre adolescentes de Ribadavia e daquela cidade da Costa do Amor. Durante o curso 2012 está como ensinante de lingua francesa na Mariña.

Máis outro programa Modelo Burela.

Seguídenos nas redes sociais. (Twitter e Facebook).

Podedes escoitar a tertulia aquí.

19/04/12

Proxecto Neo nº15 - Luisa Sánchez

Mércores 18 de abril, décimo-sexta entrega do noso programa radiofónico en Radio Burela que dá protagonismo aos neofalantes. A nosa convidada, Luisa Sánchez, empregada de supermercado, xunto coa súa filla, Sol Pedreira, alumna de 4º de ESO no IES Monte Castelo, narran a historia do seu percorrido do Xapón a estas nosas terras galegas.

Este é un fragmento da mensaxe que nos enviaba unha mociña de 15 anos, durante a fase de produción do programa. Reproducimos a cita textual:

"O pai de miña nai era chinés. O meu bisavó emigrou a Perú con algún dos seus fillos na época da guerra, motivo polo cal cambiaron de nome e apelidos. Pasaron a ser Sánchez. F. Sánchez criouse desde pequeno en Perú.
A miña bisavoa, J. Oyama, era de orixe xaponesa. Para sermos exactos, naceu na cidade de Fukuoka. Emigrou a Perú cando era unha cativa. Alí, na cidade de Pisco, onde residían, coñéceronse e casaron os meus avós.
Actualmente teño dous tíos vivindo en Xapón, xunto cos meus primos. A avoa e unha das tías seguen residindo en Perú.
Como se pode ver a nosa familia está repartida polo mundo".

Se lles gustou o aperitivo, gocen agora co menú.

Proxecto Neo Nº 15 - Convidada: Luisa Sánchez on PhotoPeach

Seguídenos nas redes sociais. (Twitter e Facebook).

Podedes escoitar a tertulia aquí.

11/04/12

Proxecto Neo nº 14 - Ayub Sabry

Mércores 11 de abril, décimo-quinta entrega de Proxecto Neo, o programa con protagonismo das persoas neofalantes, aquelas que nos integramos voluntariamente na cultura galega.

Nesta ocasión tocaba facer irmandade entre esta terra galega e o Norte do continente africano. Matías Nicieza presentounos a Ayub Sabry (Ouled Jaber), marroquino, que chegou a Ferreira só hai catro anos. Estuda un ciclo de automoción no CIFP Porta da Auga. A súa paixón é o fútbol e actualmente xoga no equipo do Valadouro.

Proxecto Neo nº 14 - Convidado: Ayoub Sabry on PhotoPeach
Seguídenos nas redes sociais. (Twitter e Facebook).

Podedes escoitar a tertulia aquí.

05/04/12

Proxecto Neo nº13 - Jesús Arranz González


"Eu cheguei a Galicia no 1979, porque en Valladolid tiven noticias dunha experiencia pedagóxica con nenos difíciles no colexio Santo Anxo de Rábade. Interesoume. Cando cheguei aquí tomei contacto con Suso Vaamonde, con Milladoiro, cos Soños na gaiola, con Fuxan os Ventos... A min cautivoume o tema da bruxa de Antón Seoane e Milladoiro. Comecei a utilizalo moito en recitais no colexio cos cativos. Deime conta de que era unha música moi relaxante, dentro da cal entraba a sensibilidade de Galicia. Por iso collín ese tema como símbolo da música de Galicia e de todo o que significa Galicia para min".

Mércores 4 de abril, décimo-cuarta entrega de Proxecto Neo.
Neste novo programa conversamos con Jesús Arranz González (Peñafiel), profesor de música do CEIP Virxe do Carme de Burela. Ademais tivemos como colaboradores especiais a Moncho Mariño, xornalista e colaborador do Dioivo, e a Alba García Pico, tradutora e intérprete.
Nacido na cidade de Peñafiel, en Valladolid, o profesor Arranz fíxose fillo adoptivo da Mariña, a onde chegou para exercer o ensino tras pasar por outras localidades galegas. Na conversa falamos de música: da súa participación no grupo Talanquera, que interpretaba pezas tradicionais castellanas; da dirección coral, da Semana do Jazz, da Banda de Burela, da súa familia de compositores e intérpretes...
Nos primeiros minutos, a través da audición dun romance musicado polo grupo formado por Jesús e os seus irmáns, xa se pulsa perfectamente o ritmo do resto do programa. Unha peza de grande interese educativo.

29/03/12

Proxecto Neo nº12 - Xurxo Martínez González & Marina Porteiro Deloño & Julio Peinó & Cristina García

Mércores 28 de marzo, décimo-terceira entrega de Proxecto Neo. Nela damos protagonismo á nosa audiencia. Conversamos por teléfono con Xurxo Martínez González, un filólogo vigués, de Coia, que nos falou da súa participación no colectivo sociocultural A Nave das Ideas.
Continuamos co testemuño da neofalante Marina Porteiro Deloño, alumna de 4º ESO, bisneta de Luís Porteiro Garea, un dos fundadores das Irmandades da Fala de Lugo. Tamén nos falou do seu profesor de Lingua: Sechú Sende.
Desde a Coruña falounos Julio Peinó, arquitecto, que nos sensibilizou coa súa experiencia coas linguas.
Para terminar, Cristina García, economista de Lugo, falounos do uso do galego no ambiente universitario.

Seguídenos nas redes sociais. (Twitter e Facebook).

Podedes escoitar o programa aquí.

22/03/12

Proxecto Neo nº11 - Jesús Angel Carrascal Prieto

Neste programa nº 11 do día 21 de marzo de 2012 tivemos como convitado a Jesús Angel Carrascal Prieto, profesor de Lingua Castelá no IES Monte Castelo de Burela.



Cristina González Maseda, alumna de 2º de bacharelato do IES Monte Castelo, estivo conectada coa audiencia a través das redes sociais. (Facebook e Twitter).


15/03/12

Proxecto Neo nº10 - Angie Mateos Guerrero



Mércores 14 de marzo, décimo-primeira entrega do programa de Proxecto Neo. A convidada é Angie Mateos Guerrero, alumna de 1º de bacharelato do IES Monte Castelo. Acompáñana os seus compañeiros, Daniel Álvarez, Xosé García Quelle e Iago Rubias.

Daniel Álvarez, alumno de 1º de bacharelato do IES Monte Castelo, estivo conectado cos oíntes a través das redes sociais. (Facebook e Twitter).


08/03/12

Proxecto Neo nº9 - Juan Mario Lawicki Aragón

Mércores 07 de marzo, décima entrega do programa de Proxecto Neo. O convidado é Juan Mario Lawicki Aragón, alumno de 2º de bacharelato do IES Perdouro. Acompáñao a súa profesora de Bioloxía, Monsterrat Freire Tarrida.

Proxecto Neo nº 9 - Convidado: Juan Mario Lawicki Aragón on PhotoPeach

Daniel Álvarez, alumno de 1º de bacharelato do IES Monte Castelo, estivo conectado cos oíntes a través das redes sociais. (Facebook e Twitter).

Podedes escoitar a tertulia aquí.

01/03/12

Proxecto Neo nº8 - Bruno Faustino Durán

NOVENA ENTREGA: Conversamos con Bruno Faustino Durán, educador social.

Neste novo programa toman a palabra, de novo, as persoas chegadas á Mariña para traballaren na fábrica de aluminio en San Cibrao. Os convidados son tres membros da familia Faustino Durán, cuxo fillo Bruno é diplomado en Educación Social pola Universidade de Santiago de Compostela.

Este mozo, con raíces en Extremadura e na Mancha, participa activamente en diversos proxectos culturais. Un deles é o que impulsa a asociación Altair, entidade que se ocupa da educación para unha mellor vivencia dos tempos libres.

Proxecto Neo nº 8 - Convidado: Bruno Faustino Durán on PhotoPeach

Aquí podedes escoitar a tertulia.

23/02/12

Proxecto Neo nº7 - Laura Baumgartner Lucero

Mércores 22 de febreiro, oitava entrega do programa de Proxecto Neo. A convidada é Laura Baumgartner Lucero, alumna do IES Monte Castelo entrevistada por Laura Rapa (alumna do bacharelato de artes do IES Monte Castelo).

Laura Rapa, estudante do segundo curso do Bacharelato de Artes no Instituto Monte Castelo de Burela, preséntanos e colabora na entrevista a Laura Baumgartner Lucero, filla de arxentinos e nacida no País Vasco.
Nun galego extraordinariamente fluído (agora sen as deliciosas "pinguiñas" do sotaque austral), esta moza neofalante preséntanos os seus ascendentes alemáns, italianos... e galegos. Por medio das súas palabras coñecemos as experiencias da aprendizaxe lingüística por inmersión en Inglaterra, Irlanda e a República Checa.

Ademais, neste especial, lembramos a Isaac Díaz Pardo.

Aquí podedes escoitar a tertulia.

Proxecto Neo nº 7- Convidada: Laura Baumgartner Lucero on PhotoPeach

16/02/12

Proxecto Neo nº6 - Antonina Semedo

ANTONINA SEMEDO -  CABO VERDE, SABI
É unha galega que chegou de Cabo Verde?, é unha caboverdiana que vive agora na nosa terra? ou é o resultado dunha simbiose afro-galega?

Alén das cuestións metafísicas, Antonina Semedo é unha muller traballadora. Antende nenos e velliños, coida a horta, ensaia coas Batuko, presenta espectáculos, canta, batuka... É Antonina de Cangas (de Foz).




Aquí están algunhas referencias para coñecela mellor: La Voz de Galicia, Facebook, a Maquina do Tempo


Antonina Semedo Lopes de Barros, nacida en Santa Ana, na illa caboverdiana de Santiago, chegou á Mariña un 23 de xullo de 1978, no momento en que se realizaban as obras da fábrica de aluminio en San Cibrao.
No momento en que outros cidadáns do mesmo país marchaban para Francia, Holanda ou Luxemburgo, Antonina e o seu marido instaláronse en Cangas, onde viven actualmente na compaña dos seus familiares.

Muller Traballadora

Durante os máis de trinta anos que leva vivindo nesta terra, Antonina Semedo realizou os máis diversos traballos, sen perder nunca a orientación do progreso, de buscar permanentemente un mellor nivel de vida para ella e, sobre todo, para a súa xente. En Cangas realizou as máis variadas tarefas domésticas -exactamente igual que as campesiñas galegas-, fixo traballos forestais e recolleu algas pola ribeira. Mais nunca deixou de asistir a cursos de formación, co obxectivo de conseguir unha vida máis desafogada. Actualmente dedícase á atención de persoas maiores ou con discapacidades.

Artista de Batuko Tabanka

Xunto con outras once mulleres da mesma nacionalidade (Ivone Pereira, Fátima Fafá, Fátima Beba Lopes, Ilda e Antonina Rocha, Isabel Barros, Desideria, Lidia Mendes Chuca, Anabella da Moura, María Tabares e Santiña), formou en 2002 o grupo musical Batuko Tabanka.  Ademais de gravaren dous discos, teñen actuado en toda Galiza e Portugal así como en diversidades comunidades españolas e en Cabo Verde, a onde regresaron para participaren na rodaxe da longametraxe documental Cabo Verde, Sabi. A muller e a terra, o home e o mar, dirixida polo profesor Manolo Maseda.


09/02/12

Proxecto Neo nº5 - Mocidade: Nuno García, Ana Carreira e José Manuel Vidal

A HORA DA MOCIDADE - PROTAGONISMO DOS NEOFALANTES

Desta vez os convidados son todos xente moi nova, de entre 16 e 20 anos; mozos e mozas que estudan nos institutos de Burela.
Proxecto Neo nº5 - Convidados: Nuno García, Ana Carreira e José Manuel Vidal on PhotoPeach
Contamos con guía especial: Nuno García Pico, estudante do bacharelato de Humanidades, músico, autor de narrativa moi ben premiada... Falamos de música, de poesía, de viaxes... con xente chegada de Cantabria e de Castela; xente estreitamente relacionada co Hospital da Costa. Todos e todas moi ben integrados nesta nosa cultura común: Ana Carreira e José Manuel Vidal, ambos estudantes do bacharelato de Ciencias da Saúde.
Este é, pois, un dos programas dedicados á mocidade MODELO BURELA.
Podedes escoitar a tertulia en Radio Burela de Radio Fusión aquí.

02/02/12

Proxecto Neo nº4 - Luís Manuel Ramilo Machado e Ricardo Santos Garrido

ENCONTROS DE BANDA DESEÑADA NA MARIÑA -PROTAGONISMO DOS NEOFALANTES
Este mércores 1 de febreiro (entre a 5 e as 6 da tarde) emítese un novo programa. Os convidados serán Luís Manuel Ramilo Machado e Ricardo Santos Garrido, docentes respectivamente dos ciclos de formación profesional das áreas de Imaxe Corporal e Desenvolvemento de Produtos Electrónicos.
Proxecto Neo nº 4 - Convidados: Luís Ramilo e Ricardo Santos on PhotoPeach
Orixinarios do Porriño e de Pontevedra, ambos son neofalantes e participan activamente na divulgación da Banda Deseñada entre a mocidade da Mariña. Ricardo é un dos máximos impulsores dos Encontros de B.D. e Luís participa tamén como dinamizador dos obradoiros de creación artística.
Podedes escoitar a tertulia en Radio Burela de Radio Fusión aquí.