Nace Proxecto Neo

Proxecto Neo é o resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro.
Estamos en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo en
Radio Burela
O programa Proxecto Neo ten como protagonistas os neofalantes, as fillas e os fillos adoptivos da nosa terra, especialmente de Burela.

10/05/12

OS NEOFALANTES PROTAGONIZAN O PROGRAMA LUAR DA TVG PRESENTADO POR XOSÉ RAMÓN GAIOSO

Unha delegación da Mariña participará mañá nun programa dedicado á celebración do Día das Letras Galega

Un conxunto de 15 persoas da Mariña viaxarán na tarde de mañá venres a Santiago de Compostela para participaren na emisión do Luar da TVG, un programa que estará dedicado á conmemoración do Día das Letras Galegas. A delegación que sairá da estación de autobuses de Burela ás 4 da tarde, está encabezada pola Vicedirectora do IES Perdouro, Karina Parga Chao, e nela figuran diversas persoas da Mariña, todas elas cun vínculo especial: a súa procedencia de máis alá das nosas fronteiras e a máis que aceptable integración na nosa cultura.
Xunto a diversos protagonistas do documental “Modelo Burela”, de Matías Nicieza (que tamén estará na expedición), serán entrevistadas en Luar algunhas das persoas que participaron durante este curso académico nas emisións radiofónicas tituladas “Proxecto Neo” impulsadas polo Instituto Perdouro. Residente en Ferreira do Valadouro, Ayoud Sabry é un mozo marroquino que estuda mecánica do automóbel en Ribadeo; o pakistaní Umer Mohammed, residente en Burela, combina o traballo nun negocio familiar do sector hostaleiro cos estudos de 2º de Bacharelato; a focense Sol Pedreira chegou á nosa terra procedente do Perú e manifesta unha magnífica integración entre nós, sen renunciar aos vínculos cos familiares da China e o Xapón; o futbolista Miguel Gomes, xuvenil habitual nas listas do primeiro equipo da S. D. Burela de fútbol será o representante da comunidade caboverdiana.
A presenza deste conxunto de persoas representativas da implantación do “Modelo Burela” de Planificación Lingüística no Luar da TVG, é o resultado da colaboración do IES Perdouro co equipo de produción do programa televisivo durante estas últimas semanas.
Este recoñecemento ao labor da área de Innovación Educativa do instituto de Burela, programa que conta coa coordinación da profesora María José Andión Fontela, chega poucos días despois de que o propio Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, visitase o centro de ensino para participar nunha xornada de dinamización lingüística.
Ademais de continuar con proxectos como o da integración de neofalantes, a área de Innovación Educativa do IES Perdouro centra este ano o seu labor didáctico no apoio ao desenvolvemento do comercio local, unha iniciativa que xa conta co apoio de diversas empresas.

Sem comentários:

Enviar um comentário