Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

28/11/12

Proxecto Neo nº34.2 - Mariló Candedo Gunturiz

Noutra tarde viaxeira, Burela foi punto de partida… e punto de chegada. Entretanto, fíxose a travesía; a través das ondas viaxamos á Coruña e, en soños, chegamos incluso a Cabo Verde. Para abrir boca, recibimos un novo colaborador para atender os mandos técnicos e falamos con el a micro aberto. Chámase Paulo Silva Freire, que chegou a Burela en xullo de 2011. De técnico aprendiz pasamos a técnico experimentado. No segundo corte do programa conversamos con Andrés Sáinz Evans, que xa está moi seguro no dominio da mesa técnica. Despois de escoitarmos a "Sementeira" de Fuxan e o "Vivir na Coruña" dos Diplomáticos, viaxamos á cidade herculina para facer tertulia coa profesora Mariló Candedo Gunturiz, docente da área de Pedagoxía Social na Facultade de Ciencias da Educación. Unha muller moi implicada no traballo, que o vive con tanta paixón que asumiu unha grande responsabilidade: ocuparse da presidencia de Nova Escola Galega, o colectivo profesional dos homes e mulleres que nos dedicamos á educación. Con ela falamos abertamente de varios temas: a oferta educativa da Faculdade de Ciencias da Educación, o alcance da reforma educativa e o Pedrón de Ouro outorgado a Nova Escola Galega. Naturalmente, contounos a súa experiencia como neofalante. Como sempre, as intervencións da Mocidade Modelo Burela foron colosais. Gabi, Xoel e Aitor foron capaces de facerlle falar moito e ben á nosa convidada. Diso se trataba.
A conversa íntegra está aquí: Proxecto Neo nº 34.2

Sem comentários:

Enviar um comentário