Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

27/11/13

Proxecto Neo nº 71.3 - Marina Mayoral + Galego en Londres


ESCOITA AQUÍ O PROGRAMA

SE CHE PEGAN, DEFÉNDETE


"Vén de facerse público un informe do Goberno sobre igualdade e prevención de violencia de xénero referido aos adolescentes. Os datos son preocupantes e parece que vamos a peor. Case un terzo das adolescentes sofren algún tipo de control ou imposición por parte das súas parellas e un tres por centro confesan ter sufrido agresións físicas. No informe aparecen datos que vinculan esa violencia ao comportamento dos adultos que transmiten a idea de que os celos son unha expresión de amor, idea errónea e nefastas consecuencias". As palabras de Marina Mayoral, tomadas directamente da súa columna xornalística, serviron para entrarmos en materia guiados pola voz de Maka Ledo.

Por xentileza de Radio Burela, puidemos reproducir integramente o programa Recuncho de Ler protagonizado por Marina Mayoral. Despois de escoitar ese magnífico documento sonoro, comezamos a nosa tertulia "ao vivo" coa escritora, que nos atendeu desde Pontevedra. Con ela falamos da familia Mayoral chegada desde Toledo para se asentar na capital da provincia mindoniense. Falamos de interculturalidade e chegamos á Compostela da Xeración das Festas Minervais para recoller o maxisterio de Ramón Piñeiro e Xosé Luís Franco Grande. Nuns segundos, demos o salto ao Madrid por cuxas rúas vagou o afiador Brais Pinto. A profesora Mayoral recordou con emoción a súa relación con Reimundo Patiño, Luís Gonçález Blasco "Foz", Xosé Luís Méndez Ferrín, etc, etc.
 Na última parte do programa fixemos unha panorámica das actividades programadas polos Centros de Ensino Galego de París, Madrid e Deusto. Fixemos parada especial no Instituto Cañada Blanch de Londres. A nosa Sra. Condutora presentounos unha visión panorámica da inxente cantidade de actividades programadas por ese departamento didáctico da capital londinense. A audición das intervencións dunha alumna e un alumno foi sinxelamente excepcional. Desas pérolas únicas que aparecen en Proxecto Neo.

20/11/13

Proxecto Neo nº 70.3 - Macarena Ledo, Rubén Fernández e Paulo O'Lema


Programa 70 da terceira etapa. Abriuno, con voz poderosa, Simón Rodríguez Rouco. Despois escoitamos novamente música de Ovidi Montllor, en recordo da entrevista que na semana anterior lle tíñamos feito ao profesor Pere Comellas Casanova. Así, como sen sentir, abrimoslle as portas a Macarena Ledo Vázquez, que nos falou das súas Asturias orixinais (da do ocidente, na Caridá; e da da conca mineira). Con ela consersamos tamén sobre creación literaria e sobre o uso das novas tecnoloxías.
Entre a música de Xenreira e as Samesugas mantivemos tertulia con Rubén Fernández Rego. Con el reflexionamos sobre a típica situación de desgaleguización ambiental e escolar. Tamén con el abordamos a non tan común regaleguización, esa transformación que chega coa maduración.
Despois, a través da voz de Paulo O'Lema, coñecemos as actividades que promoven as factorías de neofalantes de Deusto, Gastéiz e Madrid. Como non puidemos manter comunicación telefónica coa profesora Carme Lamela, Karina Parga botou man do blogue e presentounos as actividades a celebrar na Casa de Galicia da capital do Estado.
Finalmente, recibimos a chamada de Evinha, que nos fixo partícipes do concerto que, con Marcos Roca, ofrecerá nun local hostaleiro de Lugo.


13/11/13

Proxecto Neo nº 69.3 - Pere Comellas Casanova + Ramón Reimunde Noreña



Fixemos o programa nº 69 con dúas ausencias xustificadas. Faltábannos Karina Parga e Aitor López (este en "misión biolóxica"), mais tivemos o alento de Xeila Villarino (que nos acompañou a través das tecnoloxías da comunicación).
Despois de escoitar o recitado de Ovidi Montllor e a guitarra de Toti Soler, saudamos o profesor Pere Comellas Casanova, que nos atendía desde Barcelona. O tradutor para catalán de Teresa Moure, Marilar Aleixandre e Agustín Fernández Paz explicounos como foi o seu primeiro contacto co idioma galego e comentounos as súas relacións fluídas cos departamentos de Lingüística das tres universidades galegas. Tamén tivo unhas palabras moi cariñosas para as persoas implicadas no Proxecto Galauda, que implica a universidade e diversos centros de ensino secundario da cidade condal nos que se ensinan a Lingua e a Literatura Galegas.
Na segunda parte do programa, falamos co profesor Ramón Reimunde Noreña que foi presentado "a dúo" por Serxio Rivas Valiña e Simón Rodríguez Rouco con estas palabras:
"É un profesor e escritor galego nacido en 1949 na parroquia focense de San Martiño de Mondoñedo. Estudou Enxeñaría Naval en Oviedo e Madrid, Náutica na Coruña e diversas Filoloxías en Santiago de Compostela.
Foi piloto e  capitán da Mariña Mercante, con título do mesmo ano en que licenciou en Filoloxía (1979). Desde 1981 exerceu a docencia de Lingua e Literatura en diversos centros de ensino secundario, facéndoo desde 1992 coa condición de Catedrático.
En recoñecemento ao seu currículo brillante, foi recoñecido como membro da Academia Galega da Língua Portuguesa".
Co profesor Reimunde falamos da experiencia de ser neofalante entre os 18 e os 20 anos. Despois centrámonos na súa faceta de silvicultor. Fixémolo coa inspiración do célebre poema de Ramón Cabanillas:

SEMENTADOR


                       A Basilio ÁLVAREZ

¡Sementador! O trigo dos veirales


mostra as espigas mestas e douradas,

e as segadoras fouces, afiadas,

teñen tráxico brillo de puñales.



O teu verbo, estalante nos pinales,

troca, ó chegar ás chouzas das valgadas

os salaios das gorxas abafadas

en ruxidos guerreiros e trunfales.



A aldea erguéuse e-o craror da aurora

agardando a siñal, e non sosega

en axexo da loita vingadora.



¡Xa a lus do sol do mediodía cega,

sementador! ¡Sementador, xa é hora

de dar o berro e comenzar a sega!

06/11/13

Proxecto Neo nº 68.3 - Alberto Rivera Caboalles

No programa 68.3 entrevistamos a Alberto Rivera Caboalles, enxeñeiro de telecomunicacións e profesor de Sistemas Electrónicos no Instituto Perdouro.
Con el comezamos falando de música e novas tecnoloxías. Antes de escoitar a Adele, o noso convidado explicou as razóns da súa escolla: o éxito alcanzado grazas ao aproveitamento da tecnoloxía de última xeración.
Despois viaxamos á serra mineria que separa León de Asturias e coñecémola na voz dun nativo daquela terra, que nos falou de Babia e doutros paraísos colindantes. Tamén nos presentou a súa "familia itinerante", que o trouxo sendo moi neno a Becerreá, e de Becerreá a Monforte, Vigo, Vilagarcía... e agora a Burela.
Na última parte da tertulia chegamos a falar dunha empresa emblemática do sector das telecomunicacións: Televés. Coñecemos o punto de partida da empresa e recollemos as impresións dunha persoa que traballou no departamento de relacións exteriores.
No final do programa, retornamos ao punto de partida: a Mariña. Fixémolo escoitando o "Romance da Lavandeira" na versión dos Nordés.

30/10/13

Proxecto Neo nº 67.3 - Conceição da Silva e Ismael Igrejas


ENLACE AO PROGRAMA

Unha noite máis...// miro o ceo e aí están// seis estrelas abrazan o mar...// foi entón cando vin pasar// unha estrela fugaz

Así comezamos. Cunha canción da banda Amaterasu feita sobre letra e música dun mozo da Mariña: Ismael Igrejas da Silva. Primeiro recitamos os versos das Seis Estrelas, despois escoitamos os acordes e aproveitamos para presentar a primeira convidada: Conceição da Silva (a "mamá" de Ismael).
A Sra. da Silva naceu en 1961 na localidade de Mangualde (Viseu) e en 1984 marchou de Portugal para Suíza e estableceuse en Zurich. Naquela cidade coñeceu o seu futuro marido -galego da Mariña- con quen casaría en 1986. Pouco despois de naceren os fillos, São e eles retornaron a Burela. Dous anos máis tarde viría tamén o pai; a familia reagrupouse.
Con ela falamos das orixes en Viseu, da emigración a Zurich, do traballo nun restaurante e nunha escola infantil. Tamén falamos da maternidade e dos factores que a animaron a asentarse na Mariña.
Despois de escoitar a música de Metállica, entramos en conversa con Isma, que pasou máis da metade do programa moi caladiño. A primeira pregunta foi realmente complexa ("Sénteste suízo, portugués, galego... galego-português?"), mais a resposta foi rápida. Despois repasamos o repertorio de grupos musicais en que tocou ou toca. Falamos de Árvore, Torques, Amaterasu... e da Orquestra Lecer. Na parte final do programa preguntámoslle pola próxima edición do Aversion Fest e tamén polas actividades organizadas no Centro Social Xebra, unha das entidades en que participa activamente.


23/10/13

Proxecto Neo nº 66.3 - Eider Palmou Orue-Etxebarria e Manuel Sendón


LIGAZÓN AO PROGRAMA Nº 66.3

Comezamos o programa 66.3 coa música da cantora vasca Anari e escoitamos a historia dunha persoa que perdeu o corazón e que pasou a deambular polas rúas. Esa persoa sente saudade, influenciada polo tempo climatolóxico: "Hoxe volveu a chover, había tempo que non o facía. Vexo todo como un sinistro vals". Mais aínda ten unha lixeira esperanza e por iso implora: "Déixame volverme a perder entre os teus lenzos, só alí podo encontrar o que alí perdín".
Así entramos en conversa con Eider Palmou Oru-Etxebarria. Natural de Derio, unha vila moi próxima a Bilbao, a nosa convidada é licenciada en Educación Social e Educación Infantil e leva máis de 10 anos exercendo a docencia: primeiro na ikastola Altzaga (en Erandio) e despois na ikastola Urretxindorra (en Bilbao). Con ela falamos do seu traballo e tamén do seu proceso de aprendizaxe da lingua galega nos cursos do profesor Paulo O'Lema na universidade de Deusto.
Despois da música de Benito Lertxundi sobre o outono, viaxamos a Pontevedra para conversar co profesor Manuel Sendón (da Faculdade de Belas Artes). Con el retornamos ao seu período de formación académica na Faculdade de Matemáticas (1968-1973), da docencia en Viveiro, da Asociación Cultural Sementeira e da oposición á construción dunha central nuclear en Xove. 
Tras unha nova pausa musical, continuamos co profesor Sendón para falar sobre o Centro de Estudos Fotográficos e sobre o Proxecto Inédito. Coa voz de Lluís Llach ao fondo, finalizamos viaxando á Ítaca dos Mil Ríos. Foi unha fermosa navegación contra a corrente.

16/10/13

Proxecto Neo nº 65.3 Homenaxe á comunidade vallisoletana na Mariña


No programa 65.3 fixemos homenaxe á comunidade vallisoletana que leva asentada na Mariña uns trinta anos. Foi un recoñecemento explícito ao seu esforzo de integración, que se manifestou na implicación de moitos dos seus integrantes na vida asociativa da comarca.
Unha desas persoas son Jesús San José e Ana Díez, que chegaron a Burela e en menos dun mes xa estaban colaborando en iniciativas sociais tan emblemáticas como a Feira do Bonito. Despois colaboraron no clube de remo, no baile tradicional, no Entroido, na organización das festas patronais... En fín: na vida cultural. 
Con Ana e Jesús viña unha neniña de 5 meses, Sandra, que sempre se considerou como nacida nesta terra nosa, porque aquí xogou no Parque Rosalía de Castro, porque foi á Escola -así, con maiúscula- Infantil Guiñol "na furgoneta vermella" de Loli e Teresa; e porque aprendeu a querer a Areoura e o Cantiño, o Portelo, O Cabaliño e a Marosa. Á beira do Cantábrico naceu a súa irmá, Raquel, e ambas foron crecendo.
Agora Sandra vive en Medina del Campo e traballa nunha orquestra por toda a Comunidade de Castela e León.
Con ela falamos das súas vivencias da Mariña, da súa familia que está por aquí e da que ten en Medina e en Cigales. Obviamente, deixamos tempo para conversar sobre a música e mostramos o común propósito de que veña actuar a esta que é tamén é a súa terra. Facemos votos para que así sexa.
A intervención de Jesús San José, seu pai, é xa outra historia. Non é fácil de describir. Por iso recomendamos poñerse á escoita e prestar atención xusto no ecuador do programa.