Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

13/11/13

Proxecto Neo nº 69.3 - Pere Comellas Casanova + Ramón Reimunde Noreña



Fixemos o programa nº 69 con dúas ausencias xustificadas. Faltábannos Karina Parga e Aitor López (este en "misión biolóxica"), mais tivemos o alento de Xeila Villarino (que nos acompañou a través das tecnoloxías da comunicación).
Despois de escoitar o recitado de Ovidi Montllor e a guitarra de Toti Soler, saudamos o profesor Pere Comellas Casanova, que nos atendía desde Barcelona. O tradutor para catalán de Teresa Moure, Marilar Aleixandre e Agustín Fernández Paz explicounos como foi o seu primeiro contacto co idioma galego e comentounos as súas relacións fluídas cos departamentos de Lingüística das tres universidades galegas. Tamén tivo unhas palabras moi cariñosas para as persoas implicadas no Proxecto Galauda, que implica a universidade e diversos centros de ensino secundario da cidade condal nos que se ensinan a Lingua e a Literatura Galegas.
Na segunda parte do programa, falamos co profesor Ramón Reimunde Noreña que foi presentado "a dúo" por Serxio Rivas Valiña e Simón Rodríguez Rouco con estas palabras:
"É un profesor e escritor galego nacido en 1949 na parroquia focense de San Martiño de Mondoñedo. Estudou Enxeñaría Naval en Oviedo e Madrid, Náutica na Coruña e diversas Filoloxías en Santiago de Compostela.
Foi piloto e  capitán da Mariña Mercante, con título do mesmo ano en que licenciou en Filoloxía (1979). Desde 1981 exerceu a docencia de Lingua e Literatura en diversos centros de ensino secundario, facéndoo desde 1992 coa condición de Catedrático.
En recoñecemento ao seu currículo brillante, foi recoñecido como membro da Academia Galega da Língua Portuguesa".
Co profesor Reimunde falamos da experiencia de ser neofalante entre os 18 e os 20 anos. Despois centrámonos na súa faceta de silvicultor. Fixémolo coa inspiración do célebre poema de Ramón Cabanillas:

SEMENTADOR


                       A Basilio ÁLVAREZ

¡Sementador! O trigo dos veirales


mostra as espigas mestas e douradas,

e as segadoras fouces, afiadas,

teñen tráxico brillo de puñales.



O teu verbo, estalante nos pinales,

troca, ó chegar ás chouzas das valgadas

os salaios das gorxas abafadas

en ruxidos guerreiros e trunfales.



A aldea erguéuse e-o craror da aurora

agardando a siñal, e non sosega

en axexo da loita vingadora.



¡Xa a lus do sol do mediodía cega,

sementador! ¡Sementador, xa é hora

de dar o berro e comenzar a sega!

Sem comentários:

Enviar um comentário