Nace Proxecto Neo

Proxecto Neo é o resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro.
Estamos en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo en
Radio Burela
O programa Proxecto Neo ten como protagonistas os neofalantes, as fillas e os fillos adoptivos da nosa terra, especialmente de Burela.

23/10/13

Proxecto Neo nº 66.3 - Eider Palmou Orue-Etxebarria e Manuel Sendón


LIGAZÓN AO PROGRAMA Nº 66.3

Comezamos o programa 66.3 coa música da cantora vasca Anari e escoitamos a historia dunha persoa que perdeu o corazón e que pasou a deambular polas rúas. Esa persoa sente saudade, influenciada polo tempo climatolóxico: "Hoxe volveu a chover, había tempo que non o facía. Vexo todo como un sinistro vals". Mais aínda ten unha lixeira esperanza e por iso implora: "Déixame volverme a perder entre os teus lenzos, só alí podo encontrar o que alí perdín".
Así entramos en conversa con Eider Palmou Oru-Etxebarria. Natural de Derio, unha vila moi próxima a Bilbao, a nosa convidada é licenciada en Educación Social e Educación Infantil e leva máis de 10 anos exercendo a docencia: primeiro na ikastola Altzaga (en Erandio) e despois na ikastola Urretxindorra (en Bilbao). Con ela falamos do seu traballo e tamén do seu proceso de aprendizaxe da lingua galega nos cursos do profesor Paulo O'Lema na universidade de Deusto.
Despois da música de Benito Lertxundi sobre o outono, viaxamos a Pontevedra para conversar co profesor Manuel Sendón (da Faculdade de Belas Artes). Con el retornamos ao seu período de formación académica na Faculdade de Matemáticas (1968-1973), da docencia en Viveiro, da Asociación Cultural Sementeira e da oposición á construción dunha central nuclear en Xove. 
Tras unha nova pausa musical, continuamos co profesor Sendón para falar sobre o Centro de Estudos Fotográficos e sobre o Proxecto Inédito. Coa voz de Lluís Llach ao fondo, finalizamos viaxando á Ítaca dos Mil Ríos. Foi unha fermosa navegación contra a corrente.

Sem comentários:

Enviar um comentário