Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

30/10/13

Proxecto Neo nº 67.3 - Conceição da Silva e Ismael Igrejas


ENLACE AO PROGRAMA

Unha noite máis...// miro o ceo e aí están// seis estrelas abrazan o mar...// foi entón cando vin pasar// unha estrela fugaz

Así comezamos. Cunha canción da banda Amaterasu feita sobre letra e música dun mozo da Mariña: Ismael Igrejas da Silva. Primeiro recitamos os versos das Seis Estrelas, despois escoitamos os acordes e aproveitamos para presentar a primeira convidada: Conceição da Silva (a "mamá" de Ismael).
A Sra. da Silva naceu en 1961 na localidade de Mangualde (Viseu) e en 1984 marchou de Portugal para Suíza e estableceuse en Zurich. Naquela cidade coñeceu o seu futuro marido -galego da Mariña- con quen casaría en 1986. Pouco despois de naceren os fillos, São e eles retornaron a Burela. Dous anos máis tarde viría tamén o pai; a familia reagrupouse.
Con ela falamos das orixes en Viseu, da emigración a Zurich, do traballo nun restaurante e nunha escola infantil. Tamén falamos da maternidade e dos factores que a animaron a asentarse na Mariña.
Despois de escoitar a música de Metállica, entramos en conversa con Isma, que pasou máis da metade do programa moi caladiño. A primeira pregunta foi realmente complexa ("Sénteste suízo, portugués, galego... galego-português?"), mais a resposta foi rápida. Despois repasamos o repertorio de grupos musicais en que tocou ou toca. Falamos de Árvore, Torques, Amaterasu... e da Orquestra Lecer. Na parte final do programa preguntámoslle pola próxima edición do Aversion Fest e tamén polas actividades organizadas no Centro Social Xebra, unha das entidades en que participa activamente.


Sem comentários:

Enviar um comentário