Nace Proxecto Neo

Proxecto Neo é o resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro.
Estamos en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo en
Radio Burela
O programa Proxecto Neo ten como protagonistas os neofalantes, as fillas e os fillos adoptivos da nosa terra, especialmente de Burela.

02/11/16

Proxecto Neo, 171.6: Antón Niñe


O profesor Antón Niñe no estudio de Radio Burela
en fotografía feita por Lucía Rivas


O programa 171 estivo protagonizado polo profesor Antón Niñe. A Masa Coral "Modelo Burela" reuniuse arredor da mesa do estudio da emisora e estruturou unha conversa en tres partes: a infancia e a formación académica; o exercicio da docencia e a presidencia da Asociación Cultural Os Matos; e a súa produción ensaística.
Despois dunha introdución musical de Javier Alonso "Chingla", nos primeiros minutos xa se abordaron dous temas: o do lugar de nacemento e o do apelido. Ficou claro que, vinculado durante case toda a vida a Foz, Antón Niñe naceu en Barreiros. Outro tanto ocorreu co apelido: na Internet aparece como "Níñez", "Núñez" e incluso "Niñé", mais a forma correcta é NIÑE, documentado desde o século XVIII.
De grande interese son tamén aqueles minutos en que se fala da súa familia mariñeira (porque se tratan os temas da economía pesqueira e do transporte de mercadorías) e aqueles outros en que se Antón nos evoca a súa formación no Colexio Martínez Otero e no Instituto de Ribadeo.

Unha cortina musical extraída do trillo sonoro do Clube dos Poetas Mortos deu paso a outro bloque de contidos en que falamos da experiencia didáctica no Instituto Perdouro, dos cambios na lexislación educativa e da importancia da Asociación Cultural Os Matos, que tanto leva contribuído para o noso modelo educativo cosmopolita.

Na última parte deixamos nun segundo plano o profesor para poñer no centro do foco o escritor de ensaio. Comezamos falando do libro IES PErdouro, 20 anos de vida e, como se nos foi o tempo, pasamos directamente a comentar a súa obra máis importante: Fondós, de escola a gardería infantil.

Antón Nñe co equipo de realización do programa. Encima da mesa están algúns dos seus libros


Sem comentários:

Enviar um comentário