Como complemento ao programa 132, dedicado á profesora María Dolores Reimunde Noreña, recollemos aquí as súas palabras pronunciadas no acto de despedida do traballo docente. Ao mesmo tempo, tamén facemos públicas algunhas imaxes do Caderno titulado Sorte na vida que lle ofrecemos como mostra de cariño do conxunto da comunidade educativa do IES Perdouro así como de profesores e profesoras doutros centros que nos acompañaron durante a xornada.
PALABRAS DE DESPEDIDA
de
Mª Dolores Reimunde Noreña
Amigas e amigos:
Precisamente hai uns días, unha nai comentábame que
estaba preocupada porque non sabía que centro elixir para o seu
fillo. Dixéranlle por aí que o Perdouro era o mellor por unha
razón: que seguimos moi de cerca o alumnado. Para
min, sempre é un orgullo escoitar estas cousas, porque, dende a
primeira vez que escoitei a palabra Perdouro —
daquela que me chamaron por teléfono para comunicarme o meu
novo destino — ata o día de hoxe,
teño comprobado que é verdade: o que encontrei aquí foron uns
excelentes profesores, que sodes tamén excelentes persoas. No
Perdouro nunca se aforraron esforzos para mellorar a calidade do noso
traballo e aínda con todo iso sempre nos parece pouco.
Por tal razón, quero transmitirvos a satisfacción que
sinto polos anos que pasei aquí. Síntome agradecida, en primeiro
lugar, por ter compartido tantas horas con uns compañeiros sempre dispostos a axudarme cos meus problemas e a darme ánimos en
momentos difíciles. Aprendín moito de vós durante estes anos e, no
día a día, nos pequenos detalles, conseguistes que me atopase mellor comigo mesma.
En segundo lugar, quero dicir tamén que foi un pracer
dar clase durante estes anos a uns alumnos e alumnas como os que temos nós, e
comprobar a evolución e a capacidade de superación de moitos deles.
Na entrevista que me fixeron para a revista Maruxía
preguntábanme cal era o mellor recordo que gardaba do alumnado, e a
verdade é que podería dicir moitos máis, en especial despois da
entrañable despedida que me fixeron nestes días. Contareivos unha
anécdota: cando xa rematara a glamurosa sesión de fotos que me
preparastes, xa saíndo das clases, un dos alumnos chamoume
aparte e pregunteille: “qué queres?”. Díxome: “botareite de
menos!”. Aquela frase inesperada chegoume á alma!
Pola miña parte, levo comigo un bo número de vídeos
e fotos, e o que é máis importante: levo comigo os vosos nomes, a
vosa amizade e o cariño que me demostrastes durante os meus
últimos anos da vida laboral.
Para rematar, quero dicirvos que espero que vós me
recordedes por algo máis que por ter inaugurado os aseos, que por
certo, quedaron bárbaros.
Moitas grazas por todo!
NOTA: O discurso foi pronunciado o día 26 de xuño de 2015 durante a comida de despedida celebrada no restaurante Xoíña de Foz.
Sem comentários:
Enviar um comentário