Nace Proxecto Neo

Proxecto Neo é o resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro.
Estamos en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo en
Radio Burela
O programa Proxecto Neo ten como protagonistas os neofalantes, as fillas e os fillos adoptivos da nosa terra, especialmente de Burela.

04/07/15

EN SOLIDARIEDADE CON ALI LMRABET


O xornalista Ali Lmrabet está en folga de fame e protagoniza unha protesta diaria ante a sede das Nacións Unidas en Xenebra para esixir que o goberno marroquino lle permita exercer de novo a súa profesión no seu país, como explica no portal do que é director: www.demainonline.com.

Con esta protesta, que comezou o pasado 24 de xuño, Lmrabet pide ás autoridades de Marrocos os seus documentos de identidade, que lle foron negados, por relanzar a súa actividade profesional.

O xornalista acusa o Goberno de Marrocos de o ter convertido nun indocumentado no seu propio país tras negarlle a renovación da súa identificación nacional e o seu pasaporte alegando inexactitudes na súa declaración de residencia.

Esta non é a primeira folga de fame de Lmrabet. En xuño de 2003, estando no cárcere, xa fixo outra durante 50 días para protestar pola súa condena a tres anos de prisión por "aldraxe ao rei" Mohamed VI. Este último indultouno en xaneiro de 2004 despois dunha intensa campaña internacional reclamando a súa liberación.

En abril de 2005, o goberno de Marrocos prohibiulle exercer o xornalismo no seu país durante 10 anos. Rematado o prazo desta prohibición, o pasado mes de maio, Lmrabet presentouse en Tetuán, a súa cidade natal, para renovar os documentos e relanzar dous semanarios satíricos. As autoridades, non obstante, negáronlle o certificado de residencia, motivo que lle impide renovar a súa documentación persoal e relanzar os seus proxectos profesionais.

Sem comentários:

Enviar um comentário