Nace Proxecto Neo

Proxecto Neo é o resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro.
Estamos en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo en
Radio Burela
O programa Proxecto Neo ten como protagonistas os neofalantes, as fillas e os fillos adoptivos da nosa terra, especialmente de Burela.

15/04/15

Proxecto Neo nº 122.- DA CORUÑA PARA O MUNDO: María Liaño e Marga Pazos


Inmediatamente despois de terse celebrado na Coruña a gala de entrega dos premios Mestre Mateo aos mellores traballos do audiovisual, quixemos establecer contacto directo con persoas implicadas neste sector tan importante na cultura galega.
Primeiro -coa condución de Helena Valle- falamos con María Liaño, actriz, dobradora e produtora de longametraxes, documentarios e series televisivas. Ademais de conversarmos sobre o seu labor de dirección e xefatura de produción, tamén coñecemos a súa faceta de representante de actores e actrices. Así surxiron os nomes de Antonio Mourelos, María Bouzas, Nerea Barros, Manolo Cortés...
Mais aínda fomos alá! Antes da despedida, Maka Ledo púxolle voz a este texto literario da autoría de María Liaño.

Autobús urbano. 9 da mañá.
Todo o mundo serio, calado, cada un ao seu, cando un bebé empeza a rir coas coñas que lle fai o pai. Escachaba coa risa e cada vez ía subindo o volume.
 Comezamos todos a mirarnos de esguello e a sorrir polo baixo.
 A medida que o cativo berraba máis, o resto riamos con máis forza até que todo o bus acabou rindo co pequeno.
 Un simple riso dun neno, cambiou o ánimo de todo un autobús cheo de adultos.
Que necesario é rir!!

Despois deste magnífico momento, escoitamos a música do Sonoro Maxín, nun tema moi acaído: "Estou feliz".
Felices estábamos porque acabábamos de ter o privilexio de conversar con María Liaño e felices estábamos porque, naquel momento, Matías Nicieza xa nos confirmaba que tíñamos comunicación con Marga Pazos Barcala.
Nós queríamos felicitala, en vivo e en directo, sen mediacións. Porque na recolla do Premio Mestre Mateo que a distinguiu como "mellor comunicadora de televisión" en 2015, a presentadora do Telexornal Mediodía fixo un discurso moi sentido e moi profundo. Por iso e porque nós fixemos nosas as súas palabras, puxémonos en contacto con ela para facerlle chegar o sentir da nosa audiencia e para testemuñarlle o noso aplauso.
Como foi a entrevista que lle fixo Maka Ledo? 
A resposta é fácil: escoiten... e comenten sinceramente (que temos unha sección específica para iso).

INFORMACIÓN COMPLEMENTAR

Letra da canción

MATRIARCAS

Comezan as historias
con homes encumados.
Rematan sempre todas
con mulleres que os salvaron:

da morte do intelecto;
de insectos que os picaron;
de turbias lendas vellas,
que non queren nen lembrar.

 E nós pouquiño a pouco
 imonos situando
construindo barricadas
 no país dos alalás.

Nós en corpo e alma;
nós comprando calma;
nós cousa por cousa
sen podernos despistar.

Nós aleitadoras;
nós conquistadoras
brillantes activistas
da vida cotián.

E nós que resistimos
a séculos de forza.
E nós as matriarcas
do país dun tal Breogán.


1) Unha visión sobre o audiovisual: http://praza.gal/opinion/2450/o-audiovisual-galego-reinventase/ (ARTIGO DE OPINIÓN DE X. A. PÉREZ LEMA)
2) Entrevista a Marga Pazos (publicada por El Progreso no día 5 de abril de 2015): elprogreso.galiciae.com/noticia/374302/non-perdo-de-vista-que-tvg-e-television-de-todos-os-galegos
3) Conversas con Marga Pazos: https://www.youtube.com/watch?v=TDIt64WgUJM (Telediver, do IES Chano Piñeiro de Forcarei).
4) Castelao, biografía dun ilustre galego (LONGAMETRAXE do DR. PÉREZ PRADO): https://vimeo.com/19333127

Sem comentários:

Enviar um comentário