Nace Proxecto Neo

Proxecto Neo é o resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro.
Estamos en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo en
Radio Burela
O programa Proxecto Neo ten como protagonistas os neofalantes, as fillas e os fillos adoptivos da nosa terra, especialmente de Burela.

16/04/15

POLO PÚBLICO, EN TODOS OS SENTIDOS



Marga Pazos Barcala





A última vez que estiven nominada ao Mestre Mateo -unha vez- foi unha honra perdelo diante deste gran comunicador e hoxe é unha honra -aínda maior, se cabe- recibilo das súas mans.
Grazas á Academia. Grazas a calquera compañeiro que nalgún momento da vida pensara que merecía estar aquí esta noite, ademais nomeada a carón de Fernanda, de Marta, do gran João Simões (que me ten o corazón roubado e que, ademais, imos medio “a pachas” con este premio porque a súa filla Antía vaino ter en réxime de custodia compartida para poder maquillalo. Iso está xa fetén).
A primeira vez que presentei un telexornal tiña vinte e un anos. Foi unha inconsciencia marabillosa por parte de quen tivo que decidir que eu me podía facer cargo dunha cousa así. O primeiro día encargáronme facer tres minutos de deportes (eu xa presentaba daquela cunha persoa que era unha gran veterana). Comezamos o Telexornal, chegaron os deportes e aquela presentadora dixo “hoxe estréase aquí con nós, na Televisión de Galicia, nos Deportes, unha nova compañeira. Chámase Marga Pazos. Ola, Marga. Que tal?”. Era unha pregunta retórica para que eu comezase a falar e de repente eu díxenlle “pois moi ben. E ti que tal?”. Cando vin a cara de pánico de Irene Lamas, xa me dei conta de que aquilo se cadra non era así, que había que comezar a falar, pero -aínda así- eu esperei, educada, e ela díxome:
-Ben... eu tamén, pero... nos deportes, que pasou?
Isto foi verdade!
Afortunadamente era un Bos días e tiven a fe de que non houbese moita xente vendo a televisión, polo menos aquel día e naquel momento. Pero había dúas persoas, dúas, que coas legañas postas, en pixama -ás seis da mañá era aquilo-, arrastráronse ao sofá e os dous coas manciñas agarradas -pasando máis nervios ca min, seguro- flipaban un pouco. Eran meu pai e miña nai que dicían:
-A nosa rapaza, que está saíndo na televisión!
Estaban como incrédulos sen darse conta, sequera, que a maior parte do mérito de que eu estivese saíndo na televisión ese día era deles. Porque foron dúas persoas moi valentes, moi comprometidas coa súa identidade, que me criaron e me educaron -e tamén me berraron algunha vez-, pero que me acariñaron sempre no meu idioma: en galego.
Eles sempre me animaron. En cada capítulo da miña vida sempre me tatuaron que eu era capaz de conseguir o que fose. Falo deles, pero de toda a miña familia: miñas tías, meus tíos, meus curmáns, meus avós... a Barcalada toda, que somos un cento e -como somos un cento- temos as nosas cousas, pero si sabemos onde estamos e quen somos. E grazas ao meu idioma teño traballo -e teño traballo no meu país, que hoxe non é fácil; traballo no meu país e para o meu país- e nese idioma sigo eu acariñando tamén os meus tres "pelouros", que son o máis bonito que fixen na miña vida -Helena, Roque, Celia, que vos adoro-, os meus filliños e o seu pai que está aí comigo, o meu Castaño, o meu compinche, e o meu compañeiro de vida.
Pero se por algo estou orgullosa tamén -á parte da miña familia, á que lle estou moi agradecida-, é porque traballo na televisión pública de Galicia. Somos un servizo público.
 Seguro, seguro segurísimo, que en TVG hai cousas que mellorar. Sempre se pode facer mellor. Sempre. Pero alí hai unha chea de compañeiros moi bos, bos compañeiros -algúns, grandísimos amigos- dos que é moi difícil atopar, grandes profesionais rigorosos e serios aos que lles encanta traballar todos os días.
Así que: esixídenos, obrigádenos a dar o mellor, porque vós non sodes audiencia, non sodes clientes, non sodes usuarios. Sodes os propietarios.
Así que: polo público, en todos os sentidos.

NOTA: O presente texto reproduce a intervención da Xornalista Marga Pazos Barcala no momento de recibir de mans do seu compañeiro Alfonso Hermida o galardón que a acredita como mellor comunicadora de televisión nos Premios Mestre Mateo de 2015. O discurso está recollido directamente do vídeo da TVG. Calquera erro ou omisión é responsabilidade exclusiva nosa.

11 comentários:

  1. Marga Pazos, (re)transmisora da lingua
    Prolingua quere ser un máis dos colectivos que felicite a Marga Pazos, presentadora do Telexornal Mediodía da TVG, que foi recoñecida como a mellor comunicadora de televisión nos Mestre Mateo 2015.

    Precisamente na entrega do premio Marga Pazos ofrécenos os instantes máis valiosos de entre todas as súas horas de presenza diante das cámaras de televisión xa que nos falou do máis importante para ela e, en definitiva, do máis importante para todos. Falounos da xente á que quere, e da lingua que quere, na que traballa, e que foi a mellor herdanza que lle puideron dar os seus pais e a que co maior agarimo regala aos seus fillos. A presentadora destacou tamén o carácter de servizo público da TVG afirmando que os galegos non somos audiencia, senón os propietarios da canle galega.

    A mellor homenaxe que lle podemos facer é reproducir palabras da presentadora cando, co premio na man, comezou a falar dos seus pais:

    "a maior parte do mérito de que eu saíra na televisión era deles, porque eran dúas persoas moi valentes, moi comprometidas coa súa identidade, que me criaron, que me educaron, que me berraron temén algunha vez, pero me acariñaron sempre no meu idioma...en galego. [...]Grazas ao meu idioma teño traballo, e teño traballo no meu país, que hoxe non é fácil, traballo no meu país, para o meu país, e nese idioma sigo eu acariñando eu os meus pelouros"

    Non se pode dicir máis, nin mellor, en menos tempo.


    ProLingua, 15 de abril do 2015
    Tomado de: http://www.prolingua.gal/noticias/noticias-anteriores/2015/04/15/marga-pazos-re-transmisora-da-lingua

    ResponderEliminar
  2. IES ELVIÑA da Coruña: http://gavieira.blogspot.com.es/2015/04/marga-pazos-retransmisora-da-lingua.html

    ResponderEliminar
  3. Na bitácora de Son de noso: http://sondenoso.blogspot.com.es/2015/04/marga-pazos-agradecelles-aos-seus-pais.html
    Marga Pazos agradécelles aos seus pais a transmisión da lingua
    Parabéns a Marga Pazos, Mestre Mateo á mellor presentadora de TVG 2015. O seu discurso de recollida do premio é, como fora no seu día o de Belén Regueira, unha acendida defensa do idioma e da TV pública:

    "A maior parte do mérito de que eu saíra na televisión é de meus pais, porque eran dúas persoas moi valentes, moi comprometidas coa súa identidade, que me criaron, que me educaron, que me berraron temén algunha vez, pero me acariñaron sempre no meu idioma...en galego. [...]Toda a miña familia, que somos un cento, sabemos onde estamos e quen somos. [...]Grazas ao meu idioma teño traballo, e teño traballo no meu país, que hoxe non é fácil; traballo no meu país, para o meu país, e nese idioma sigo eu acariñando os meus pelouros, que son o mellor que fixen na vida".

    A presentadora amosouse orgullosa e agradecida de traballar nunha televisión pública, un servizo público, do que non somos audiencia nin clientes nin usuarios, senón propietarios e, polo tanto, debemos esixirlles aos profesionais que traballan nela que dean o mellor de si.

    ResponderEliminar
  4. Na Carta Xeométrica: http://cartaxeometrica.blogspot.com.es/2015/04/marga-pazos-un-premio-para-todos.html
    A Coordinadora Galega de ENDL facía mención do excelente discurso de recepción do premio da presentadora do Telexornal Mediodía da TVG, Marga Pazos que foi recoñecida como a mellor comunicadora de televisión nos Mestre Mateo 2015.
    Onte ProLingua felicitaba nun comunicado á presentadora por elevar o orgullo e a utilidade da nosa lingua no que se revelou como momento estrela da gala. Copio as palabras de Marga Pazos que reproduce ProLingua e que podemos escoitar no vídeo a partir do min 3:00, cando a premiada comenza a falar dos pais:

    ResponderEliminar
  5. Leirando coa lingua: http://leirandocoalingua.blogspot.com.es/2015/04/marga-pazos-mellor-comunicadora-de.html

    Aí vos deixo o enlace ao vídeo no que a presentadora do Telexornal mediodía, Marga Pazos, recolle o premio Mestre Mateo 2015
    á mellor comunicadora de televisión.
    Emocionante o seu discurso de agradecemento.
    Preciosa defensa do galego e do público, "en todos os sentidos da palabra".

    ResponderEliminar
  6. O compromiso. Sempre o compromiso. Sermos tépedos só conduce á compracencia e á autodestrución. Pero que difícil é convencer os outros de que sigan o exemplo. Este de aquí é un bon, desde logo. O mellor, sen dúbida, é tomar referencias, exemplos como este e, se son de persoas de altura, de vultos relevantes, da vida pública, do deporte, etc., aínda mellor. Pero hai que estar sempre na brecha, e a custo de esforzo, de enfrontamentos e até da saúde mesmo.
    Henrique da Costa López (https://www.facebook.com/profile.php?id=100008911008026&fref=ufi&pnref=story)

    ResponderEliminar
  7. Encantoume o discurso de Marga Pazos, Demostrou ser a mellor comunicadora. Parabéns¡¡

    ResponderEliminar
  8. RECOLLIDO DO TWITTER:
    Alicia Conchas ‏@AliciaConchas: Que grande #MargaPazos! https://www.youtube.com/watch?v=GZXmH5nRngo …

    Alberto Devesa ‏@adevesa: @GxDRadioGalega pois eu aproveito o GxD para que lle digan a #MargaPazos que de faga un twiter e xa de paso un wasap tamén.Bicos e parabéns

    Quique Morales ‏@quique_morales: E unha mañá espertas e #MargaPazos gaña o #MestreMateo15 . Por comunicar os días bos, os regulares e os malos tamén .

    Suso López Fernández ‏@Susolopez: "Polo público en todos os sentidos", Parabéns, #MargaPazos, #MestreMateo15 merecido e un "entregador" de luxo, o tamén grande @alfhermida

    X.Cotelo ‏@XCotelo: Xenial #MargaPazos recollendo o #MestreMateo na defensa da lingua galega e unha TVG pública. ♥♥♥

    Cándido P Betanzos ‏@candidobetanzos: Compromiso coa lingua e o pais #margapazos recoñecida nos #MestreMateo Heite seguir a ver nas noticias da @agalegapublica

    olga pazos ‏@olgapazos: "Non sodes audiencia, nin clientes, nin usuarios...sodes propietarios!!" #MargaPazos #MestreMateo2015

    pitu_albarellos ‏@pitu_albarellos: #MestreMateo15 grande #MargaPazos como mellor comunicadora e gran discurso "somos un servizo público"

    Alberto Freire ‏@albertofreire83: #Chapeau por esa defensa da @crtvg #EuMediosPúblicosEnGalego #MestreMateo15 #MargaPazos #MellorComunicadora

    LLou ‏@LLoudelCampo: Grande o discurso de #margapazos, excelente comunicadora, como non lle ian a dar o premio! #MestreMateo15

    Cris López Graça ‏@CrisEleGue: Incríble discurso de #MargaPazos
    Como espectadora, como asistente aos #MestreMateo15 e, sobre todo, como galegofalante! Grazas!

    Alberto Freire ‏@albertofreire83: Eu o q me conte MargaPazos cómprollo!Por fiiiiiiin!Parabéns #MargaPazos @RamonCastanoFdz #MellorComunicadora #AEstradaPower #MestreMateo15
    AcademiaGalegaAudiov ‏@AcademiaGalegaAÇ: #MargaPazos recorda que a audiencia é a propietaria dos medios públicos e recibe un forte aplauso #MestreMateo15

    Silvia Pena ‏@silpenacastro: Grazas ao meu idioma teño traballo". Di que si! #MestreMateo15 #MargaPazos

    AcademiaGalegaAudiov ‏@AcademiaGalegaA: #MargaPazos recorda aos seus pais e ao resto da súa familia, que a "acariñou" sempre no seu idioma #MestreMateo15

    ResponderEliminar
  9. Marga Pazos subiu ao escenario para facer unha vez máis o que mellor sabe: COMUNICAR. E escribo comunicar en maíuscula, sen esquecer ningunha letra, así como ela tampouco esqueceu as seis letras que son a razón da súa profesión e do seu premio: galego. Un galego que, afirma, a acompañou dende o berce de mans dos seus proxenitores. Un galego que ao contrario do que moitos cren, ou tentan facer crer, non pecha portas, senón que as abre. Un idioma universal, capaz, con futuro e cheo de sentimentalismo.
    O sentimentalismo que todas as galegas e os galegos defenden, cargados do orgullo de poder chegar ao máis alto, á cima, ao cume, para berrar con todo o alento que o éxito vén envolto nun papel de agasallo ben especial. Un papel que acolle "morriña", "aloumiño", "bolboreta", "lingua", "aperta", "rir", "chorar", e moitas outras letras que se unen para poder expresar o que nos percorre os miolos.
    E Marga Pazos non quixo que esquezamos. É máis, quixo traer unha vez máis á nosa mente unha idea clara.
    A vida témola que querer no noso. En galego.

    ResponderEliminar
  10. María Xosé Alfonso Torres21 de abril de 2015 às 17:41

    Sinxelas palabras que chegan ao corazón.
    A nosa lingua transmitida con agarimo, naturalidade e normalidade de pais a fillos é do melloriño que temos.

    ResponderEliminar
  11. Noraboa !! Moi ben dito ...co corazón e a razón.Xustamente o que queriamos escoitar @s que nos sentimos galegas e galegos.

    ResponderEliminar