Nace Proxecto Neo

Proxecto Neo é o resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro.
Estamos en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo en
Radio Burela
O programa Proxecto Neo ten como protagonistas os neofalantes, as fillas e os fillos adoptivos da nosa terra, especialmente de Burela.

28/05/14

Proxecto Neo nº 95.3 - Nicoleta Rasuceanu + Anxo Fernández + Francisco de Limiar + Luís Ansedes

                                   Matías Nicieza no control técnico durante a retransmisión de Proxecto Neo

O programa 95 comezou co temor a que fallasen as comunicacións, porque estas eran esenciais: o desenvolvemento dos contidos dependía da conversa a distancia. 
Aínda así, botamos a andar con confianza. Presentamos o programa e escoitamos a música de Milladoiro para ambientar a viaxe á Terra de Montes, patria pequena dos Gaiteiros de Soutelo e lugar ao que chegou desde Romenia a nosa primeira convidada. Xusto cando estaba todo listo, soou o teléfono e recibimos a chamada para participarmos no programa de Ponte nas Ondas organizado polo IES de Tui. Que facer? Non había outra alternativa que non pasase por saír do guión para sintetizar as dúas emisións.
Nese momento emerxeron dúas estrelas: Viviane Furtado e Laura Sofia Semedo. Ambas conduciron unha magnífica entrevista ao vivo con Luandino Vieira (o escritor angolano autor de Luuanda). Foi a xentileza que tivo para Proxecto Neo a profesora Helena Pousa, xentileza que moito agradecemos.
Emocionados pola fluidez comunicativa de Viviane e Laura Sofia -que nos fan sentir orgullosos de as termos entre nós-, comezou o recital de Simón e Nicoleta Rasuceanu. A estudante do IES Chano Piñeiro comezou con respostas frías, moi moi pensadas e moi moi sintéticas, mais o noso Simón soubo transmitirlle confianza e a moza pasou a sentirse ben. Nese momento comezaron a escoitarse os primeiros risos e a conversa fíxose moi amena.
Despois de ouvir a música seleccionada pola convidada, cambiamos de interlocutor. O profesor Anxo Fernández expúxonos o contrapunto. A través das súas palabras coñecemos algo máis sobre a comunidade educativa do IES de Forcarei, onde estuda Nicoleta.
O intervalo musical deu paso a unha nova entrevista. Neste caso foi Helena Valle quen conduciu a conversa con Francisco de Limiar, un dos integrantes da cooperativa Avoaescola que mantén aberto un centro educativo con pedagoxía inclusiva no Concello de Narón. Como o noso interlocutor nos deu unha grande lección sobre integración, despedímolo coa música de Mamá Cabra, o grupo galego de referencia na música infantil.
Nos minutos finais, recibimos no estudio de Radio Burela a visita de Luís Ansedes, en representación da Asociación Abrindo Camiño de Mondoñedo. Este coñecido emprendedor mindoniense -tamén moi implicado no Grupo Literario Leiras Pulpeiro- presentounos as xornadas culturais a celebrar na Mariña entre os días 4 e 6 de xullo.

Sem comentários:

Enviar um comentário