Nace Proxecto Neo

Proxecto Neo é o resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro.
Estamos en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo en
Radio Burela
O programa Proxecto Neo ten como protagonistas os neofalantes, as fillas e os fillos adoptivos da nosa terra, especialmente de Burela.

30/05/14

Escolas de diferentes continentes unidas pola Ponte nas Ondas


Foto de grupo realizada no estudio de Radio Burela unha vez finalizada a retransmisión do programa. De esquerda a dereita: Aitana García, Cristina Cigarrán, Aitor López, Aitana Rodríguez, Carla Bolaños, Bruno Faustino,  Saray Gómez e Nicola Berminghan.

ESCOITA AQUI O PROGRAMA
(Se deixas descargar, podes ir directamente ao minuto 47)

O día 30 de maio de 2014 celebrouse o XX Aniversario de Ponte nas Ondas cunha xornada de 24 horas de radio e televisión en directo. Participaron alumnos e alumnas de 54 centros educativos e moitas personalidades da cultura e a comunicación como Francino, Julia Otero, Grabriela Mendes, Xurxo Souto, Ana Romaní... A maratón comezou ás 10:00 da mañá no Aulario Miralles da Universidade de Vigo e teceu unha rede entre 14 estudios de radio de Galiza e Portugal, unha delas Radio Burela.

O Instituto Perdouro realizou un programa de promoción da interculturalidade a través da música, a literatura e os tempos libres. Tras unha introdución musical a cargo das Batuko Tabanka -tocando ritmos caboverdianos desde a Praia das Catedrais-, a equipa radiofónica de 1º de Bacharelato presentou os contidos do programa e deu paso ao "Leverelem" de Ugia Pedreira e Marful. A seguir, chegou o momento dunha entrevista ao vivo coa profesora Adela Figueroa, que evocou para toda a audiencia as actividades de Ponte Intercultural en que participou tanto na cidade do Lérez como en Lugo. Na última parte da entrevista tamén falou da súa creación literaria e escoitou o recitado do seu poema "Para Adela Panisse, Minha mãe".

A profesora foi despedida con música. Neste caso o tema "O meu país", na versión de Luar na Lubre interpretada por Sara Vidal.

Na última parte do programa conversamos no estudio con Bruno Faustino Durán, educador social que nos falou do labor do grupo Chao de Castro-Altair en toda a Mariña e tamén no Mindelo (Cabo Verde).

Sem comentários:

Enviar um comentário