Nace Proxecto Neo

Proxecto Neo é o resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro.
Estamos en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo en
Radio Burela
O programa Proxecto Neo ten como protagonistas os neofalantes, as fillas e os fillos adoptivos da nosa terra, especialmente de Burela.

07/05/14

Proxecto Neo nº 92 - Servando Barreiro +Ermitas Valencia (Libraría Suevia) + Xosé Henrique R. Corcón


Programa nº 92, gravado na tarde do día 6 de maio e emitido no día seguinte, coincidindo coa viaxe educativa que o IES Perdouro devolvía ao IES Félix Muriel de Rianxo. Son tres entrevistas: a Servando Barreiro, a Ermitas Valencia Romar (da Libraría Suevia) e a Xosé Henrique Rivadulla Corcón.
Antes de entrar en conversa co artista de Valadares, escoitamos unha súa peza musical intitulada "Dias como sonhos". Despois falamos de como se consegue ser neofalante en Vigo, abordamos o currículo musical de Servando Barreiro. A audición dunha peza dedicada a Avilés de Taramancos, escrita por Manolo Pipas e musicada polo noso convidado, serviunos de porta de entrada á última parte da entrevista, que centramos nas actividades parateatrais do contertulio. Finalmente, escoitámolo nunha singular de actualización dramático-musical da "Sabela" de Castelao.
Na segunda parte do programa, entramos en comunicación coa Coruña, onde nos atendeu Ermitas Valencia Romar, en representación da Libraría Suevia daquela cidade. A libreira abriunos as portas de par en par e mostrounos os contidos (bibliográficos, musicais e cinematográficos) dese foro da cultura galega. Alén de nos dar información de como chegar ao local, tamén nos fixo partícipes do programa de actividades convocadas para todo o mes das Letras. Puxo especial énfase nun evento protagonizado por Pedro Miguel Rocha, "o escritor portugués con alma galega", que presenta en primicia na Libraría Suevia os seus Contos Peregrinos, de publicación recente.
Faltando xa poucos minutos para o final do programa, continuamos en comunicación coa cidade herculina para falar con Xosé Henrique Rivadulla Corcón, guionista e presentador de programas da TVG. Como a tertulia estaba realmente moi interesante e non dispúñamos de máis tempo, citámonos para unha nova ocasión. Esta chegará en breve.
Nesta ocasión, a novidade estivo no final. A despedida foi locutada pola nosa fotógrafa oficial, Lucía Rivas, que aproveitou a oportunidade para pedir á audiencia a colaboración con Matías Nicieza no programa "A Sinfonola", emitido inmeditamente despois de Proxecto Neo.

Sem comentários:

Enviar um comentário