Nace Proxecto Neo

Proxecto Neo é o resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro.
Estamos en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo en
Radio Burela
O programa Proxecto Neo ten como protagonistas os neofalantes, as fillas e os fillos adoptivos da nosa terra, especialmente de Burela.

11/12/13

Proxecto Neo nº 73.3 - Diego Larrosa + Toño Núñez + Ruth Martín

ESCOITA AQUÍ O PROGRAMA

Abrimos o programa 73.3 cunha fermosa canción de Pink. Recomendóunola o noso primeiro convidado, Diego Larrosa, que a descubriu a través da profesora Ana Bugarín, da área de Lingua Inglesa. Diego recoñece que non a cantou (por exceso de vergoña), mais di que se deixou captar pola melodía e que se fixou moi atentamente no significado da letra. Boa proba de que lle encantou é que nos pediu que a puxésemos de primeira.
Cando nos dispúñamos a falar con Diego, recibimos unha chamada en directo. A sorpresa agradabilísima déunola Toño Núñez, coordinador do Equipo Normalizador do IES do Camiño de Palas de Rei, quen atendeu á mensaxe circular que enviamos no comezo do curso a todos os centros de ensino secundario de Galiza. O profesor Núñez chamounos para nos recomendar dous posíbeis entrevistados para o programa: un profesor orixinario de Asturias e unha alumna chegada da illa de El Hierro nas Canarias. En vivo e en directo, manifestámoslle o agradecemento pola colaboración e nomeámolo embaixador de Proxecto Neo no seu centro educativo.
Finalizada a chamada, fixémoslle a entrevista a Diego Larrosa, que falou "como un libro aberto". Impresionounos moito a súa soltura á hora de nos explicar o cosmopolitismo da súa familia, a chegada á nosa terra en 2003 e os factores que favoreceron a súa integración realmente inmellorábel. Como cereixiña final, a resposta á pregunta "fóra de guión" feita por Simón R. Rouco: Diego é sobriño-neto de Oscar Washington Tabarez (treinador da Selección Uruguaia de Fútbol, aquela que xogou no Estadio San Lázaro de Compostela o primeiro partido da Selección Galega na etapa contemporánea, nun histórico 29 de decembro de 2005).
Na segunda parte do programa, despois da clásica pausa musical, puxémonos en comunicación con Ruth Martín, a vocalista dos Folkgazais.
Así nola presentou o noso Serxio Rivas Valiña:
  A historia de cómo contactamos é ben bonita. A produción fíxose a través do correo electrónico. Nós puxémonos en contacto con Ruth Martín, a vocalista do Conxunto Folkgazais. Pedíamoslle algúns datos sobre ela e sobre o grupo. Nese mesmo día, xa tivemos a resposta que agora compartimos coa audiencia.
Fixádevos que maravilla. Isto é o que nos respondía Ruth:
Boas! Aqui vos redacto algo de informacion.
 Comecei tocando a guitarra na casa co meu pai...músico autodidacta. E  no  colexio  fixen  folk asturiano. Formei parte  das  9 nenas da rondalla do colexio publico A Paloma (de Castropol, pois eu son das Figueiras).
 Ese  vrao comecei a  cantar  e tocar bandurria na rondalla de veteranos de Ribadeo, dirixida  por  John Rutheford,  e  só  un ano despois  matriculeime na escola municipal de  musica  de  Ribadeo,  co  fin  de  tocar  o  saxofon  na  banda  municipal dirixida  por Hernán Naval Parapar, home que levo comigo cada dia.
Nos anos  seguintes ­por motivos laborais­ desvinculeime da música. Grazas a  ese traballo persoal de Hernán Naval os músicos da banda sempre fomos unha pequena familia...  entón  pedinlle  a  unha  grande percusionista que me ensinase un pouco a tocar a pandeireta.
Así  foi  como  me  acheguei  a  Amigos  da  Gaita  Galega  de  Ribadeo  para  cantar  e tocar un pouquiño. A través deles enteireime que Folkgazais precisaban  vocalista e púxenme en contacto con Abel, o acordeonista do grupo.
Levo  xa  dous  aniños  ..e  grazas  a  eles  retomei  en  serio. Por  traballo  cheguei  a Santiago. Co empuxe de Abel ­que adoro, porque é unha das mellores persoas que coñezo­  matriculeime  na  escola  livre  A  Central  Folque,  dirixida  pola  nosa  veciña Ugia Pedreira.
Así comecei a  estudar técnica vocal. Para poder dar todo o mellor de min ao grupo. Como a vida é unha constante  sorpresa,  a escola deume a oportunidade de gravar un  tema ­ xunto co resto de alumnos de A Central Folque­ no novo disco de Kepa Junquera titulado Galiza.
 E a vida deume tamén a oportunidade de coñecer e disfrutar cada dia de profesores coma Davide Salvado nominado aos premios da musica galega que se celebra este venres; de Ugia Pedreira, a quen adoro; e de Paulina, con apelido polaco imposible de pronunciar (Ceremuzynska)!
Se precisades mais información, pedide
Saudiño!
Ruth Martin

Como foi o resultado? Escoiten a entrevista déixennos algún comentario. Así sabemos se coincidimos na avaliación.

Sem comentários:

Enviar um comentário