Nace Proxecto Neo

Proxecto Neo é o resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro.
Estamos en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo en
Radio Burela
O programa Proxecto Neo ten como protagonistas os neofalantes, as fillas e os fillos adoptivos da nosa terra, especialmente de Burela.

04/12/13

Proxecto Neo nº 72.3 - Adán López Sotelo + Txerra Rodríguez + Miguel Arce


A nosa locutora Maca Ledo abriu o programa 72.3 poñéndolle a voz a un breve fragmento de Termodonte, a primeira entrega narrativa da escritora Begoña Martín Acero, que nos fixo partícipes das tribulacións dunha muller que se ve obrigada a escoller entre a condición feminina e a pertenza á etnia nambiquara. Loxicamente, non quere perder ningunha das dúas. Por iso se rebela. E fai ben.
Despois desta introdución literaria, emprendemos viaxe polas terras comprendidas entre os Oscos e os ríos Eo e Navia sempre da man de Maca. Estivemos na Veiga, en Castropol e en Porcía, onde descubrimos a convocatoria dunha festa rachada. Acabamos falando de Miúdes, da Miudeira e dun tratante.
Con outro tratante falamos a seguir. Neste caso cun tratante de vinte e poucos anos, que nos atendeu desde Ourense. Adán López Sotelo falounos da compra-venda de vacas, becerros, ovellas e cabras. Presentounos o seu traballo e fixo unha valoración das máis importantes feiras e mercados do noso país.
Na segunda parte do programa conversamos con Txerra Rodríguez, o tradutor de Séchu Sende para o Euskera. A pregunta que lle fixemos foi difícil: "Despois da morte biolóxica, a cultura aínda permanece viva"? A resposta foi clara: "si". O entrevistado falounos da Lingua Viva, das Palabras que non leva o vento. Presentounos cifras impresionantes. Desas cifras que levarían os pesimistas á renuncia final e que a nós, ensinantes vocacionais, nos estimulan a buscar a afinación do discurso. Porque -tarde ou cedo- a pedagoxía logrará a transformación.
Nos últimos minutos, desde Cacabelos, atendeunos o profesor Miguel Arce. Foi a primeira vez que falamos sobre o ensino da Lingua e a Literatura na comarca berciana. A escaseza do tempo obrigounos a pedirlle ao profesor que nos atenda noutra ocasión, porque ficaron moitos temas no tinteiro.

2 comentários:

  1. Moitas grazas por esa lectura tan cariñosa e especial de "A terra dos xaguares".

    ResponderEliminar
  2. Moitos parabéns por ter escrito un relato que desenvolve con paixón ese dilema que se mostra na cabeceira do programa.

    ResponderEliminar