Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

20/03/13

Proxecto Neo nº 48.2 - Santiago Pérez Docobo + Evinha

O 48.2 é un programa que enlaza co inmediatamente anterior. No 47.2 falamos con Nathalie Nowak, educadora social da BBZ ( a entidade alemá que impulsa o programa Ida Explorer). Desta vez abordamos o mesmo tema, mais fixémolo con perspectiva galega. 

Despois de escoitar música en alemán, conversamos co noso director: Santiago Pérez Docobo. Con el coñecemos o desenvolvemento da colaboración escolar coa BBZ. Soubemos que o primeiro contacto se produciu por iniciativa dun alumno e que despois se propiciaron encontros de posta-en-común, un deles en Augsburgo. A partir dese momento os intercambios fixéronse constantes e a experiencia está en activo nestes últimos catro anos. 

Santiago P. Docobo comentounos o traballo realizado nun encontro recente na Coruña, encontro que estaba auspiciado pola Fundación Paideia. Preguntado polos beneficios do proxecto para o Instituto Perdouro, o noso director manifestouse moi ilusionado, porque espera que o alumnado poida aproveitar a oferta formativa que brinda a BBZ. De feito, manifestou que conta con varios mozos dispostos a desprazarse ao país xermano para recibir a formación laboral do Proxecto Ida Explorer.

Tras escoitar música do grupo Xistra (de Celeiro), cambiamos de tema e falamos de música. No estudio de Radio Burela recibimos a visita de Evinha (a quen xa tíñamos entrevistado telefonicamente). A artista luguesa participou ao longo da mañá nun obradoiro de Música coordinado pola profesora Dolores Otero e destinado a alumnos e alumnas de 3º de ESO. En Proxecto Neo escoitamos a música da propia Evinha, mais tamén fomos testemuñas dos ánimos que lle transmitiu Xeila Villarino, en calidade de representante do Clube de Fans. Xa contra o final, entrevistamos brevemente o pai de Evinha, Julio Cajide.

O audio completo está AQUÍ

5 comentários:

  1. Non teño palabras para poder agradecer a todos os rapaces de 3º da ESO do IES Perdouro (Burela) a colaboración e o saber estar. Agradezo tamén moitísimo a disposición de Gabriel Bermúdez Álvarez, Aitor López Anello, Xoel, Álvaro, Elena.... alumnos de 4º da ESO. Moi especialmente tamén a Matías Nicieza, unha persoa con grandísimo dominio da linguaxe audiovisual.
    Moitas grazas a todos: pola atención, polo "calor" e cercanía que puiden sentir hoxe.
    GRAZAS. Sinceramente, con xente coma vós, todo é moito máis fácil.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas a ti por acercarte ata Burela e darnos a oportunidade de poder charlar contigo. Un pracer e moita sorte para o concurso!! :)

      Eliminar
  2. Ten moita razón Evinha cando di: "con xente coma vós, todo é máis fácil". Coincidimos plenamente. Estamos moi contentos da resposta tan positiva do alumnado.
    Moitas grazas, Evinha, pola disponibilidade, polo entusiasmo e por todos os coñecementos que nos transmitiche.

    ResponderEliminar
  3. Evinha foi un pracer estar contigo esta tarde. Es unha persoa encantadora e espero que che vaia moi ben no concurso. Conta co noso apoio. Moitas grazas por vires a Burela

    ResponderEliminar
  4. Este mércores participei nunha das entrevistas máis marcantes desde que estou en Proxecto Neo. Non foi só unha entrevista de grande nivel, senón que para nós -mozas e mozos interesados pola música- xente como Evinha son un faro no camiño. Persoas como Evinha anímannos a seguir, a estudar máis e máis forte. Agora dános igual que os teus amig@s anden por aí de troula, sabemos que o que estamos a facer é algo moi grande, é arte!

    Ademais hai mais dunha cousa que me chamou a atención de Evinha: a súa ledicia, a súa sinxeleza, a súa humildade, quitándolle mérito ao grande traballo que realiza e aos éxitos que, sendo tan nova, xa alcanzou.

    É un orgullo para min estar en Proxecto Neo e entrevistar a xente coma ela. Por iso: moitas grazas, Evinha

    ResponderEliminar