Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

22/10/14

Proxecto Neo nº 101.4 - Viviane Brito




Chegou o primeiro programa da cuarta etapa. Foi na tarde do día 22 de outubro de 2014. Nesta data recibimos no estudio de Radio Burela a visita de Viviane Furtado Brito, estudante do 1º curso de Bacharelato no Instituto Perdouro.
Abrimos esta nova entrega cunha música intercultural: a "Estreliña do Luceiro" interpretada por Milladoiro e a cantora canaria Olga Cerpa (integrante de Mestisay). Despois dun moi prometedor preámbulo en que evocamos a súa viaxe da Assomada a Burela -pasando por Lisboa e polo Porto-, Cesárea Évora animounos a falar con maior profundidade sobre diversos temas.
Tivemos tempo para avaliar os resultados académicos do alumnado procedente de Cabo Verde. Viviane fixo autocrítica e apostou por unha maior implicación das familias no proceso formativo dos seus fillos e fillas.
Durante a conversa tamén abordamos a situación socioeconómica das familias inmigrantes e coñecemos de primeira man como a nosa convidada contribúe na medida das súas posibilidades con recursos monetarios gañados por ela.
Xa contra o final, Viviane tamén nos falou de literatura e incluso nos recitou o "Deitado rente ao mar" de Celso Emilio Ferreiro. 

19/10/14

CUARTA ETAPA: Programa 101

O punto de partida foi explicado pola nosa Comandanta en Xefa: a profesora María José Andión Fontela, a quen recibimos falándolle como a unha irmá a través das palabras de Celso Emilio Ferreiro interpretadas por Mini e Mero. Era un 4 de xaneiro de 2012.
Unha semana despois, o día 11 -neste caso xa en directo-, conversamos demoradamente con Karina Parga Chao. Dedicámoslle o "Alalá das Mariñas" na voz de Uxía Senlle: "Teño unha casiña branca // na Mariña, entre os loureiros...".

E con estes precedentes... con quen comezaremos a cuarta etapa? Con quen conversaremos no programa 101?

Pois esta é a resposta:

Comezaremos ao grande. En feminino. En Feminino Neofalante. En directo. Directamente no estudio de Radio Burela.
Falaremos cunha Estreliña... e dedicarémoslle esta peza: https://www.youtube.com/watch?v=upKf6ZxtCro

Polo tanto, xa non hai enigma coa música!

Recordade: Mércores, día 22 de outubro, ás 5 da tarde. En Radio Burela, como sempre!

14/10/14

ESPECIAL 100

                  


O punto final da terceira etapa chegou xa no novo curso. Foi concretamente na tarde do 15 de outubro de 2014 e cun programa especial de dúas horas de duración. Aínda un pouco coa comida na boca, presentámonos no estudio de Radio Burela para ultimar os preparativos dado que xa levábamos dous meses sen facermos un programa xuntos. Simón púxose ao mando da sala técnica e Maca, Safou, Helena e Serxio mantivéronse no locutorio.
Ás catro da tarde, todo estivo preparado. Comezamos coa música de Roi Casal e Silvia Ferre, que despois nos concederon unha moi cariñosa entrevista. Tras escoitalos outra vez, nunha peza diferente, viaxamos a Rianxo para falarmos con Valentina Formoso, que nos presentou as liñas de traballo dos Equipos de Normalización de cuxa coordinadora ela é portavoz.
Contra o final da primeira hora, falamos con Valentín García Gómez -Secretario Xeral de Política Lingüística-, quen tamén nos transmitiu palabras de apoio, o mesmo que tiñan feito os contertulios anteriores. Só superficialmente tocamos temas espiñentos, mais fixemos por marcar unha nova cita para falarmos en profundidade. 
A segunda hora comezou coa entrevista a Miguel R. Penas, historiador, que nos atendeu en representación da AGAL, a entidade que promoveu a celebración do Día do Orgullo Neofalante, unha efeméride que nós tamén celebramos. Xuntos fixemos votos para que a próxima convocatoria sexa máis abranxente, de xeito que contribuamos a que o XXI sexa o século do Protagonismo Neo.
A seguir puxémonos en contacto con Marcos Maceira, da Mesa, que tamén nos atendeu coa máxima amabilidade. Falounos demoradamente sobre as actividades da entidade que preside e partillou connosco as súas reflexións sobre a situación xeral do idioma.
Na parte final falamos con empresas de enxeñaría lingüística: Silvia atendeunos desde a sede de Imaxín e Berto desde o estudio de A Navalla Suíza.
Seguindo a liña dos 99 programas anteriores, fixemos do 100 un novo punto de encontro.
Porque a prioridade nesta cultura está en conseguir fortalecer...
... xustamente iso: os puntos de encontro.



09/09/14

PROXECTO NEO TAMÉN NA TELEFONIA


Desde agora mesmo, as diferentes entregas semanais de Proxecto Neo están tamén disponíbeis para escoitar desde o sistema de telefonía.
É tan fácil como clicar nesta ligazón.

Ou tan fácil como entrar en  https://www.facebook.com/pages/Modelo-Burela/211272152249587

22/08/14

Primeiro foi a sementeira... agora chegan os resultados


No domingo,

 día 24 de agosto, 

ás oito da tarde


o Hotel Canabal de Burela acolle a presentación dun novo disco do Conjunto Os Folkgazais, da Veiga, liderados por Abel Pérez. Teremos a ocasión de escoitar ao vivo o directo do grupo en que participa Ruth Martín, unha das protagonistas de Proxecto Neo.
Será unha magnífica oportunidade tamén para escoitar a interpretación dun poema de Héctor Acebo, convertido en blues polo grupo musical da Veiga.
Toda a actualidade do Modelo Burela aquí.

12/08/14

NOVOS PROTAGONISTAS MODELO BURELA (DOMINGO RUIZ PINEDA e XELA CUÑARRO)


Matías Nicieza continúa ofrecendo os micros de Radio Burela aos protagonistas Modelo Burela. Na programación de hoxe fixo dúas entrevistas a persoas que destacan polo fomento da multiculturalidade. No "Aquí Burela" localizou en Manilva (Málaga) o protagonista do documentario titulado "A viaxe de Hércules". Como nel é habitual, Domingo Ruíz Pinedo fixo unha intervención extraordinaria.
A entrevista pode escoitarse aquí:  http://www.ustream.tv/recorded/51277448 (Despois da primeira media hora).

No inicio da Mañá da Mariña a entrevistada foi a xornalista Xela Cuñarro, a moza canguesa que puxo a cantar os nenos irlandeses en gaélico e galego os poemas de Rosalía de Castro.

A Mañá da Mariña escóitase nesta ligazón: http://www.ustream.tv/recorded/51280739

08/08/14

Continúan as Visitas Modelo Burela

Continúan chegando visitas para coñecer a experiencia do Modelo Burela. Son persoas de diferentes países, veciñas e veciños de Burela; e tamén turistas que están de paso ou que pasan unha ou dúas semanas na comarca da Mariña.
Nunha intensa tarde do xoves, día 7 de agosto, documentámonos cos comentarios "in situ" realizados por Manolo Maseda, que estivo acompañado no labor de guía por Toncho Trelles. Tivemos, ademais, un magnífico complemento: a información facilitada en cada unha das paradas por veciños de Burela de Cabo.
Na mañá de hoxe fixemos un percorrido máis reducido con Jerome e Silvie Aubry, chegados da Bretaña co seu fillo David. En recordo da visita, guiada nesta ocasión por Karina Parga, o hostaleiro Luís Rubal García (do Hotel Canabal) agasallou os visitantes con cada a súa camisola Modelo Burela. 

A entrevista está aquí: http://www.ustream.tv/recorded/51068516 (xusto despois de unha hora e tres cuartos: 01: 48: 00)

Lembramos que para facer as entrevistas concertadas debe enviarse mensaxe para proxectoneo@gmail.com ou mensaxe privada a través do Facebook de Proxecto Neo (https://www.facebook.com/proxecto.neo.3), de Radio Burela (https://www.facebook.com/radioburela.burelaradio) ou Hotel Canaval (https://www.facebook.com/canabalhotel?fref=ts)