Nace Proxecto Neo

Proxecto Neo é o resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro.
Estamos en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo en
Radio Burela
O programa Proxecto Neo ten como protagonistas os neofalantes, as fillas e os fillos adoptivos da nosa terra, especialmente de Burela.

22/10/14

Proxecto Neo nº 101.4 - Viviane Brito




Chegou o primeiro programa da cuarta etapa. Foi na tarde do día 22 de outubro de 2014. Nesta data recibimos no estudio de Radio Burela a visita de Viviane Furtado Brito, estudante do 1º curso de Bacharelato no Instituto Perdouro.
Abrimos esta nova entrega cunha música intercultural: a "Estreliña do Luceiro" interpretada por Milladoiro e a cantora canaria Olga Cerpa (integrante de Mestisay). Despois dun moi prometedor preámbulo en que evocamos a súa viaxe da Assomada a Burela -pasando por Lisboa e polo Porto-, Cesárea Évora animounos a falar con maior profundidade sobre diversos temas.
Tivemos tempo para avaliar os resultados académicos do alumnado procedente de Cabo Verde. Viviane fixo autocrítica e apostou por unha maior implicación das familias no proceso formativo dos seus fillos e fillas.
Durante a conversa tamén abordamos a situación socioeconómica das familias inmigrantes e coñecemos de primeira man como a nosa convidada contribúe na medida das súas posibilidades con recursos monetarios gañados por ela.
Xa contra o final, Viviane tamén nos falou de literatura e incluso nos recitou o "Deitado rente ao mar" de Celso Emilio Ferreiro. 

1 comentário:

  1. Fermosa historia de Viviane, todo un exemplo de integración e superación persoal.

    ResponderEliminar