Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

30/05/16

Proxecto Neo, 164.- Samuel Nabais; Xosé Ramón Maseda

REINO MARAVILHOSO




Mónica conduciu o programa coa axuda de Alba e Maka. Xusto despois da cabeceira, escoitamos unhas palabras de Johanna, unha estudante de Filoloxía na Universidade de Heidelberg. Foi como o foguete de saída para un programa en que a comunicación con aquel país estivo moi presente. Na sección das Fotografias do Reino Maravilhoso o encargado de axudarlle a visualizar a imaxe foi un dos profesores de Johanna: Gabriel Pérez Durán, colaborador do noso programa. Marco Pereira escoitou atentamente a descrición do tubo e das gotas, devolveu o saúdo e agradeceu a xentileza a Gabriel; e dispúxose a escoitar as palabras de Anabela Quelhas. Foron uns minutos de auténtico modelo de comunicación intercultural (Heidelberg-Burela-Vila Real).
Finalizada esta sección habitual, Maka Ledo entrevistou en primicia a gañadora na categoría de 12 a 16 anos do Certame Literario convocado pola Biblioteca Pública de Burela. Conseguimos sorprender mesmo o cadro de persoal do Equipo Neo, porque non sabían que a gañadora xa estaba na casa. Era a nosa compañeira Alba Geada, que nos presentou o relato, que nos falou das circunstancias en que o escribiu e que nos presenteou coa súa lectura íntegra. Nós démoslle un aplauso e tivemos palabras de agradecemento para Anxo Rubiños, director da biblioteca.
A terceira parte do programa estivo protagonizada por Samuel Nabais López, que nos atendeu desde Chinchón, na Comunidade de Madrid. Falounos en calidade de representante do Centro de Estudos Galegos da Universidade Complutense e con el rememoramos a viaxe de estudos que fixeron á nosa terra no pasado mes de abril, baixo a coordinación das profesoras Carmen Mejía e Lidia Teixeiro. Como a fluencia expresiva do neofalante madrileño era absoluta, tamén conversamos fóra de guión e fixémolo sobre a obra literaria de Leiras Pulpeiro, da intención de Samuel de continuar reforzando os vínculos coa cultura galega -á que pensa dedicar o traballo académico de fin de grao- e mesmo lle presentamos a través das ondas o artista caboverdiano Álex Landim, que nos visitou no estudio para transmitir unhas palabras de agradecemento a Fátima Vizoso (d'O ArMarinho), por lle ter axudado na realización dunha exposición da súa obra.
Nos minutos finais recibimos unha nova visita. Estivo con nós Xosé Ramón Maseda, con quen abordamos o perfil biográfico de Adelina Fernández García, unha das protagonistas do documentario Saúde e Sensibilidade. Poucas semanas despois de que nos deixase fisicamente, recordamos a súa infancia e adolescencia en Cádiz, a súa formación nas áreas de Maxisterio e Ciencias Químicas; o seu traballo na área de xestión do Hospital da Costa; e, sobre todo, o seu amor polo idioma e a cultura nosa (un amor que está moi vivo nos seus dous fillos).

3 comentários:

  1. Que foto tan boa... e chea de suspense.

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas! Encantaríanos que fixeses a descrición dunha das fotos. Anímate!

    ResponderEliminar
  3. Duas senhoras a fotografar gotas de água? Mas que bem!
    Abraço daqui de Vila Real.

    ResponderEliminar