Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

11/03/15

Proxecto Neo nº 118.- Xosé Neira Vilas, Orlando González Cruz, Antonio Reigosa e Adela Figueroa



Comezamos o programa en conversa con Xosé Neira Vilas, que nos atendeu desde a sede da Función que leva o seu nome. Maka Ledo recordou a visita que lle fixemos o día 3 de marzo e deulle as grazas en nome de todos os compañeiros de expedición. En plena conversa, Neira Vilas foi saudado en directo por Silvera Vicente de Oliveira, que nos contou as súas impresións da visita. Uns minutos antes, Noelia Parga Gaitica puxéralle voz á biografía de Anísia Miranda (Cuba: 1932- Galiza: 2008).
No final da entrevista, Proxecto Neo quixo ofrecerlle un simbólico regalo ao autor de "Ai, Amor", o célebre poema que foi musicado con moito éxito polos integrantes d'A Quenlla (o grupo musical en que participou durante varios anos Antón Crego). Ese regalo tivo como protagonista a Maka Ledo, que recitou en directo o poema gañador do Certame de  Poesía convocado polo Concello de Foz para conmemorar o día dos namorados.
Despois de escoitarmos outra canción da formación musical capitaneada por Mini e Mero -neste caso as "Memorias dun neno labrego"-, pasamos a abordar a inauguración do Roteiro Literario Leiras Pulpeiro. O primeiro dos entrevistados foi o alcalde de Mondoñedo, Orlando González Cruz, que se mostrou orgulloso de como se desenvolveron todas as actividades ao tempo que manifestou público agradecemento a todas as entidades que o fixeron posíbel (Asociación Facendo Camiño; Comarca de Mondoñedo Unida; ACIAM; e Instituto San Rosendo).
Na mesma entrevista, Maca Ledo falou co rexedor mindoniense sobre a súa condición de neofalante do idioma galego, dado que estivo vivindo case trinta anos no Uruguai. A entrevistadora preguntoulle polas condicións de integración durante a fase de retorno á nosa terra así como polo mesmo proceso experimentado polas súas fillas, nacidas na citada república sudamericana.
Finalizada a entrevista co primeiro edil de Mondoñedo, Karina Parga púxose en contacto con Antonio Reigosa, que nos falou desta vez en calidade de Cronista Oficial "da capital da nosa provincia histórica". O autor das Memorias dun raposo tamén se mostrou moi satisfeito co resultado do evento celebrado o pasado venres, día 6 de marzo.
Na parte final do programa, falamos con Adela Figueroa Panisse. A profesora e militante ambientalista convidounos a asistir ao IIº Aturujo pola Terra a celebrar durante a xornada do 28 de marzo na Eira da Xoana, moi perto de Vilar das Donas e o Castelo de Pambre.
Como se fixera con Xosé Neira Vilas, a representante de ADEGA foi presenteada por Proxecto Neo co recitado dun poema. Neste caso a declamante foi a alumna Kátia da Veiga Gomes, que lle puxo voz ao poema intitulado "Chachauí", de Antón Avilés de Taramancos

2 comentários:

  1. Muito obrigada a Proxecto Neo pelo seu labor de cultura e de país. Avante toda
    contra as ondas do mar Cantábrico
    nessa barca em vela em que navegam
    com força e com valor.
    Avante ,ainda /
    para o mexer doce e leve das ondas/
    amorosas das suas praias/
    que lambem as areias do colo de Marosa protectora e maternal.
    Beijinhos, Adela Figueroa

    ResponderEliminar
  2. Certamente, é um navegar como se fosse contra as ondas do mar Cantábrico. Mas nom som precisamente as ondas as que se posicionam na contra. O caso é que "nessa barca em vela (...) navegam com força e com valor".

    Que felicidade recolher poesia inédita, única, dedicada a esta iniciativa!!

    ResponderEliminar