Nace Proxecto Neo

Proxecto Neo é o resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro.
Estamos en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo en
Radio Burela
O programa Proxecto Neo ten como protagonistas os neofalantes, as fillas e os fillos adoptivos da nosa terra, especialmente de Burela.

27/03/15

IRMANDADE

Bernardo Penabade

Escribo estas liñas cando faltan poucos minutos para que acabe o día 26 de marzo de 2015, unha xornada laboral que para min comezou cedo -pouco despois das sete- e que acabou case ás dez da noite na Libraría Bahía de Foz, onde estivemos presentando O tesouro do monte, unha obra narrativa escrita por Ramom Reimunde. Despois de tantas horas en intenso activo, aínda me apetece contar esta historia. Porque o merece.
Resulta que o cadro docente de Lingua e Literatura dos institutos Otero Pedraio da Coruña e o de Coristanco promoveron a correspondencia epistolar -e manuscrita- entre o seu alumnado; e, unha vez feitos os primeiros contactos, buscaron unha data para o encontro e pensaron na Mariña como o lugar en que poderían coñecerse.
Así foi: e, pouco despois das once da mañá, fun testemuña en Viveiro dunha iniciativa didáctica que me encheu de ilusión e que me fixo sentir orgulloso de traballar no ensino público.
O que máis fondamente me impactou foi o saber-estar deses dous grupos de mozas e mozos. Acababan de facer unha viaxe longa, mesmo de máis de dúas horas; acababan de saudar por vez primeira en vivo e en directo outros colegas que só coñecían através do papel ou dos medios electrónicos; estaban fóra do seu ambiente... e aínda así en trinta segundos pasaron do ambiente de festa ao silencio máis respeituoso para que o xerente da empresa Galipizza nos ofrecese unha sesión didáctica antolóxica. Tanto foi así que eu non sabía a que atender máis: se a aqueles rapaces e raparigas de comportamento tan educado ou á exposición dun comerciante que nos contaba como lle foi posíbel consolidar a súa empresa familiar que actualmente dá emprego a máis de 150 persoas.
Xusto cando saímos de tan singular sesión formativa -nomeadamente en valores-, subiron ao transporte e fixérono en irmandade, cada quen sentado co seu par. Xa non había autobús dun centro e autobús do outro. Había unha única expedición. Foi nese momento cando soou o teléfono de Radio Burela para facer unha entrevista de pulso ao directo, para transmitir a información ao instante. Respondeu un mozo do Instituto Otero Pedraio da Coruña. Eu, que estaba sentado no asento inmediatamente anterior e que puiden escoitar integramente a conversa, fiquei admirado da fluidez do discurso oral do rapaz e do seu dominio do rexistro adecuado ao contexto.
Despois de visitaren o proceso de elaboración da cerámica de Sargadelos, chegou o momento da comida, que fixemos ao quentiño na biblioteca do Instituto Perdouro, porque o tempo climatolóxico non nos permitía comer nunha área recreativa situada á beira do mar (como era o noso desexo). Non nos meteu ningún medo pedir axuda para mover entre unha sala e outra medio cento de asentos. Cada un levou o seu e ocupouse de o devolver ao seu sitio. Como estaba a biblioteca ao final? Impoluta, evidentemente.
Nun contexto así, resultounos moi gratificamente poder ofrecerlles o mellor de nós e despedímolos coa palabra dos nosos Panchitos, os protagonistas dun vídeo que titulamos O Modelo de Nación do Século XXI, e coa poesía madura de Maka Ledo e Helena Valle.

Que feliz encontro de Irmandade!

Sem comentários:

Enviar um comentário