Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

18/02/15

Proxecto Neo nº 115.4 - Uxía Otero e Nerea Barros

Programa 115. Foi emitido o día 18 de febreiro de 2015. Conduciron ao unísono Maka Ledo e Karina Parga ou o que é o mesmo a discípula e a mestra. Iso se falásemos en pasado, porque no presente xa non se pode dicir con propiedade que Maka sexa a discípula.
O caso é que tivemos a Karina e Maka noutra das súas grandes intervencións. A dúo. En colectivo. Como nos gusta en Proxecto Neo.
Despois da sinopse, falamos con Uxía Otero, diplomada en Maxisterio e Licenciada en Ciencias Químicas pola Universidade de Santiago de Compostela. Uxía atendeunos en calidade de mestra dunha das escolas unitarias agrupadas no CRA de Santa Comba. Preguntámoslle como é o día a día nunha desas escolas e ela falounos con paixón e defendeu este tipo de ensino mmoito máis personalizado que o das grandes concentracións escolares. Mais tamén nos falou de poesía e mesmo nos recitou dous poemas, incluídos en cada o seu volume colectivo en que participou a autora.
Desta maneira, a primeira media hora pasou voando e desta vez non podíamos comerlle tempo á segunda metade, porque tíñamos outra entrevista concertada e a entrevistada contaba coa nosa chamada ás cinco e media.
Como nos retrasamos un pouco, puxemos música de Los Suaves... a ver se así non se nos enfadaba Nerea Barros (que, despois de conseguir o Goya á mellor actriz revelación de 2014, non para de atender medios de comunicación).
Xustamente por isto último, agradecémoslle infinitamente a Nerea a xentileza de atendernos de xeito tan inmediato. A Nerea e a Alberto Oural, que se ocupou da produción mesmo sen llo termos pedido. Coñecía a nosa ilusión e fíxonos ese presente que tanto apreciamos.
Neste contexto emerxeu Nerea. Como unha fonte do Eixo. Xa nas súas primeiras palabras descubrimos o espírito enérxico daquela xente do Castiñeiriño, de Santa Lucía e do Eixo, que tanto se tiveron que mover para defendérense de empresas especulativas.
E as palabras de Nerea estaban en plena consonancia coa súa fonética, a fonética nosa, auténtica, na que veiculizaba o idioma común que descubriu na infancia e que aprendeu a valorar con orgullo nas aulas do Instituto Rosalía de Castro, con Ubaldo Rueda como Capitán da nave e con tripulantes tan experimentados como Xabier Mouriño.
Como o verbo de Nerea Barros era o verbo dos humildes, Maka e Karina falaban pouquiño. Aproveitaban un respiro da intérprete da "Nai Coraxe" e facían un comentario breve que daba pé á entrevistada para regalarnos a súa paixón. Porque con paixón falou da familia e coa mesma paixón falou do Rosalía, da nosa terra, dou audiovisual e do idioma.
Despois de escoitar este programa, acabarán sabendo por que razón continuamos con tanto entusiasmo cento e quince semanas despois daquel 4 de xaneiro de 2012 cando botamos a andar con Proxecto Neo, este punto de encontro entre culturas. 

Sem comentários:

Enviar um comentário