Nace Proxecto Neo

Proxecto Neo é o resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro.
Estamos en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo en
Radio Burela
O programa Proxecto Neo ten como protagonistas os neofalantes, as fillas e os fillos adoptivos da nosa terra, especialmente de Burela.

26/11/14

Proxecto Neo nº 106.4 - Mohamed Sakho, Sonia Varela, Ramiro Vidal Alvarinho e Paulo O' Lema


 Equipa condutora do programa: Helena Valle, Maka Ledo e Karina Parga. De pé: Lavilson Rodrigues, Mohamed Sakho, Alexandre Lopes e Bernardo Penabade
Presentación manuscrita de Mohamed Sakho en Serer (a súa primeira lingua), Wolof (a lingua franca do Senegal) e Galego (a lingua de adopción actual)



Chegou o programa número 106 e fíxoo un 26 de novembro de 2014. Ao compás da voz de Helena Valle, que foi a nosa condutora, interviron na cabeceira Maka Ledo e Karina Parga.
Feitas as presentacións, escoitamos música do Senegal, por indicación do primeiro convidado, Mohamed Sakho. Este mozo de 15 anos, que leva dous meses no noso sistema escolar, fixo unha breve intervención para presentarse e para presentarnos a súa familia. Despois leunos o contiño intitulado O Galo Pinto (Ed. A Nosa Terra).
Xusto despois de escoitarmos esta lectura, viaxamos a Barcelona para transmitir os parabéns á profesora Sonia Varela, responsábel de iniciar na aprendizaxe do noso idioma a Karra Elejalde, o actor que interpretou o papel do Bocas na Esmorga, de Ignacio Vilar, e que tanto éxito está conseguindo entre o público.
Coa música de Nao, interpretando a peza "Ninguén", pasamos a falar co escritor Ramiro Vidal Alvarinho, que nos atendeu desde Oleiros. O autor de Letras de Amor e Guerra falou con Maka Ledo da súa infancia na comarca ártabra e do modelo aplicativo seguido polas familias das áreas industriais para a crianza de fillos e fillas.
Xa nos minutos finais, falamos co noso correspondente Paulo O'Lema, un dos integrantes da "Tropa de Breoghan" que botou a andar radiofonía galega en Euskadi. A través de Paulo, coñecemos o horario de emisión, o xeito de obter información na rede e os obxectivos e contidos deste novo espazo cultural.

Sem comentários:

Enviar um comentário