Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

14/11/14

Pescada de Burela e castañas de Riós

DE PRATO PRINCIPAL: Pescada de Burela (chamada polo seu nome)...
e de SOBREMESA?: Castañas de Riós

Matías Nicieza
Karina Parga
Bernardo Penabade

Desde o final do curso 2013-2014, tíñamos pendente unha manifestación de cariño para un grupo de mozas e mozos que participaron semana tras semana -durante case dez meses- nunha experiencia educativa que titulamos Proxecto Neo e que Radio Burela converteu no seu principal espazo de fomento da convivencia intercultural. Pola razón que fose, nunca aparecía o momento que viñese ben ao conxunto. Mais durante a celebración da primeira xornada do Obradoiro de Radio “O Galego na Onda” comentámoslle a Rubén Riós e Andrés Rozados que nos faría moita ilusión que aceptasen o noso convite para comermos xuntos na seguinte xornada do curso e, con grande alegría para nós, concedéronnos esa honra e deixamos marcada a data: 12 de novembro de 2014.
A responsabilidade do menú pasámoslla directamente a Luís Rubal, persoa moi comprometida co apoio á emisora. Non había que explicarlle nada, porque el sabía moi ben o que supuña para nós ter esa atención con Maka Ledo e Helena Valle, con Laura e Viviane Brito, con Serxio Rivas, Sofu Housni e Simón Rodríguez; con Rubén Riós e Andrés Rozados; e -incluso diría que moi especialmente- con Lucía Rivas, a nosa Fotógrafa Oficial e vivo exemplo do que é a superación persoal a base de dedicación. Por iso, pola parte gastronómica estábamos ben tranquilos. Só faltaba que saíse ben todo o resto.
E o resto comezou con moi bon pé. Ao acabar a xornada de mañá, esperamos polos nosos mestres Rubén e Andrés á entrada do instituto e, tan pronto como chegaron, fomos directamente para o Hotel Canaval. Nada máis chegar, os convidados xa nos fixeron entrega dun presente moi especial: unha caixiña de castañas de Riós para a sobremesa. Que delicia! Alí, en pleno bar, armados de coitelos, amosámolas ben amosadas, xusto antes de nos sentarmos a comer.
Sinceramente, creo que a comida foi de ensoño. Soará grandilocuente, si, mais os e as convivas creo que darán testemuño de que digo a verdade. Dolores do Canaval puxo todo o seu bon facer unido a unha enorme sensibilidade para que nos sentísemos como na casa e conseguiuno. Caldiño con verduras de Lourenzá delicioso -coa substancia inequívoca do feito na casa, con tempo e con cariño- e pescada do pincho de Burela, tenriña, coas patacas no seu punto e un prebe sabedor para o paladar e atractivo para os ollos. Mais iso aínda non foi o único. Porque acorde coa comida de Dolores estiveron a delicadeza no trato de Rubén; a profesionalidade de Andrés, que fixo compatíbeis a atención a nós coa posta a punto dos pormenores de produción do programa a gravar máis tarde; e a inmensa bondade de Lucía Rivas, que alí tiña preparado o seu detalliño para cada un dos protagonistas da iniciativa educativa Proxecto Neo. Foi así como tomamos as castañas de Riós misturadas cunha dose da Esmorga, na versión de Ignacio Vilar, coas imaxes en primicia da inminente Vida de Rubén Riós, coa literatura de Ledicia Costas e coas fotiños de Lucía. A ilusión feita realidade.
(Vista do prato de pescada en imaxe do teléfono)

(A recepción das castañas xa asadas, en fotografía de Lucía Rivas)

E despois? Depois Radio. Así con letra grande inicial. Radio dirixida por dous profesionais da comunicación: Andrés e Rubén (por orde alfabética). Radio feita por Helena Valle, por Simón Rodríguez, por Maka Ledo e por Serxio Rivas, acompañados por Sofu Housni, por Laura e por Viviane Brito. Radio feita con cabeza, mais con paixón. Con guión literario, gardado como tesouro para que fose sorpresa. Con guión redondo (combinando creatividade propia con entrevistas no estudio e por teléfono) con detallazos dos que se falará no seu momento, que tamén hai que intrigar un pouco.



Así foi a festa de aniversario do programa número 100, aínda que chegase no día en que se emitiu o 104. Así o celebramos, reunidos arredor dunha mesa, cara a cara, gozando do sabor da pescada de Burela (chamada polo seu nome), das castañas de Riós... e, sobre todo, do sentimento de Irmandade. Porque os Vilar Ponte non sementaron en van.


Sem comentários:

Enviar um comentário