Nace Proxecto Neo

Proxecto Neo é o resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro.
Estamos en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo en
Radio Burela
O programa Proxecto Neo ten como protagonistas os neofalantes, as fillas e os fillos adoptivos da nosa terra, especialmente de Burela.

23/01/13

Proxecto Neo nº 40.2 - Ton Formoso + Rodrigo Pereira + Evinha

Chegamos ao número 40. Desta vez comezamos co ritmo da Sra. Condutora. Frenéticos. Por iso, para non desentoar, puxemos a música de Manu Chao. Con ela ambientamos as primeiras entrevistas, que lle dedicamos ao Servizo de Normalización do Concello de Carballo. Ton Formoso e Elísabeth presentáronnos un  vídeo cheíño de emoción e de cariño intercultural.

Despois, a música de Joaquín Sabina fixo de tránsito á entrevista a Rodrigo Pereira Trillo. Este mozo chegou a Burela en feliz reencontro coa terra da que marchara súa avoa á idade de 7 anos. Alentado por Aitor, Xoel e Gabi, Rodrigo falounos tamén de seu pai, ex-porteiro de fútbol na liga da primeira división uruguaia. A fonética, o ritmo da fala e os contidos da conversa merecen moito a pena.

Na última parte, escoitamos música orixinal de Ana Kiro e interpretada por Evinha Pedreira. Recomendóunola Xeila Villarino Coto, que se encargou de a presentar con estas palabras: 

A intérprete chámase Eva Cajide Pedreira, anda polos 21 anos e desde os 3 toca o piano (está rematando a carreira). Aos 17 comezou a dar as clases de Música. Colleulle o gusto e desde hai un ano rexenta unha academia, o centro Rossini en Lugo.

Evinha é unha das participantes no Recantos, o certame para novos intérpretes que organiza o Luar da TVG.
A modo de guinda, Aitor púxolle voz á mensaxe que nos fixo chegar o Doutor Bellino:

Ola!!! Hoxe enteireime de que están aí Xeila Vilariño Coto e Evinha!! Asi que facédeme o favor e saudádeme esas duas mociñas que son encantadoras e moi boas amigas miñas!! Que vaia todo moi ben.

A entrevista completa está aquí

 

Sem comentários:

Enviar um comentário