Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

16/01/13

Proxecto Neo nº 39.2 - Antón Crego

PROXECTO NEO cumpriu un ano e quixemos celebralo cun programa especial. Organizamos unha festa con música ao vivo.

Pedimos colaboración a Antón Crego e tivémola non só del. Con nós estiveron tamén Xabier Mazaira López (aos mandos dun violino) e Álvaro Crego Deán (nos teclados e co acordeón).
O que fora integrante do grupo A Quenlla durante trece anos (1984-1997), compositor e intérprete (guitarra, percusión e voz), evocounos o seu período de formación en Lugo e falounos da súa relación con escritores como Uxío Novoneira, Manuel María e Darío Xoán Cabana e co profesor Xesús Alonso Montero, de quen foi alumno.
Matías Nicieza púxolle voz ás mensaxes enviadas por Mero Iglesias, Francisco Piñeiro e María do Carmo Cociña. Xa na parte final, recollemos de viva voz o cariño de Marica Campo. A nosa escritora foi presentada por Xoel Xeada desta maneira:

Marica Campo é escritora. Deu clase en San Cibrao e en Xove. Viviu durante varios anos no lugar do Torrillón, na Regueira. É autora de numerosas obras de poesía, narrativa e teatro. Mais hoxe está con nós en calidade de trovadora ou o que é o mesmo: compositora de letras de cancións. Compuxo para Fuxan os Ventos, para a Quenlla, para Tino Vaz… e seguro que para moitos outros que nós non coñecemos.

Como complemento á introdución musical de J. Sebastian Bach executada por Xabier Mazaira, despedimos o programa coa maxia de Álvaro Crego aos mandos do acordeón. Foi unha magnífica homenaxe ao seu avó, que lle transmitiu en herdo o amor por ese instrumento.

Aquí o audio do programa nº 39.2 con Antón Crego. Que haxa bon proveito.

Sem comentários:

Enviar um comentário