Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

09/12/15

Proxecto Neo, 143. Leticia Breijo Fernández (Asociación de Desenvolvemento "Nordés")



O programa 143 comezou cunha excelente noticia: a licenza galega que permite a participación dos mozos inmigrantes nas competicións futbolísticas federadas. A esta medida chegouse grazas a unha proposición "non de lei" aprobada por unanimidade no Parlamento de Galiza recentemente pola que se obriga a Federación Galega a expedir esa licenza. En Proxecto Neo falamos cun dos beneficiados, Lavilson Rodrigues Monteiro, quen tivo palabras de agradecemento para todas as persoas que fixeron xestións para solucionar o problema da exclusión. Ademais de dar as grazas ao presidente da A. D. Porto de Burela, ao treinador Abel e ao delegado do equipo xuvenil (Suso Coto), o mozo de orixe caboverdiana comentounos que levaba agardando por esta decisión desde o mes de agosto e que -aínda tendo en conta os obstáculos administrativos- estivo asistindo ás sesións preparatorias durante tres días á semana ao longo destes catro meses. 
Despois de escoitarmos a música de Xiana Lastra e os Puntada sen fío, entramos en conversa con Leticia Breijo Fernández (O Vicedo, 1992). A presidenta de Nordés -a Asociación para o Desenvolvemento das Terras da Faladora- atendeunos desde Madrid, onde está realizando estudos de mestrado na especialidade de Historia Contemporánea. O tema de conversa foi a mellora da competencia comunicativa na expresión escrita, poñendo como exemplo a experiencia dun obradoiro específico organizado por Nordés e realizado na Casa da Cultura do Vicedo. Ademais de falarmos sobre o aproveitamento das novas tecnoloxías (whatsapp, SMS, correo electrónico e redes sociais), tamén tivemos tempo para comentarmos o perfil sociolingüístico da nosa convidada.
Nos minutos finais, xa co sosego que dá o paso do tempo, Karina Parga falounos de como viviu desde A Mariña os episodios bélicos entre diversos países europeos -nomeadamente Francia- e o Estado Islámico, uns episodios que levan causado centenares de vítimas. 

02/12/15

PROXECTO NEO, nº 142.- Colexio Público Antía Cal





"Esta homenaxe lembrarémola sempre. Todas as persoas que estivemos alí. Unha homenaxe cálida. Houbo tanta calor, tanta emoción, que nos chegou a todas e a todos.

Había varios ingredientes nos actos. Había a parte institucional -o nomeamento de Filla Adoptiva-, mais no principio -na descuberta da placa co nome do colexio- xa comezamos a ver o que ía dar de si a xornada. Desde o minuto 1 non quixen perder nada.

Resultou emocionante ver aqueles alumnos e alumnas e a ternura de Antía. Ver a xente do pobo, as amigas, os amigos, ver a familia... Un día fantástico. Moi completo" (Aurora Marco)


Proxecto Neo -o programa de radio educativa inspirado no modelo pedagóxico das Irmandades da Fala, concretizado e posto en práctica en iniciativas tan magníficas como a que impulsou Dona Antía Cal Vázquez en Vigo- quere contribuír a gardar na voz dos e das protagonistas actos como o celebrado o día 28 de novembro de 2015 en Muras.
Con esa intención puxémonos a traballar. Primeiro pensamos en dedicar a emisión nº 142 a Neira Vilas, Chao Rego e Antía Cal. Mais o tempo resultaba moi escaso para meter tantos contidos. Pensamos en prescindir da música e valoramos que non debíamos facelo, porque a música é unha parte esencial de Proxecto Neo. Á vista das circunstancias, decidimos tributar homenaxe a Neira e a Chao facendo aquilo que eles facían: apostar pola cultura nosa. Propuxémonos recoller as intervencións das nenas e dos nenos labregos e transmitilas á nosa audiencia neofalante para contribuír ao seu renacer no día a día. Conseguímolo.
Na primeira etapa atendeunos a Tenente da Alcaldía de Muras, Belén Chao, que nos fixo crónica do desenvolvemento dos actos do Encontro Cultural. Inmediatamente despois, puxémonos en comunicación co centro de ensino. Falamos coa súa directora -a profesora Beatriz Permui- e sentímonos como na casa, porque nos meteu en plena clase de inglés e porque nos presentou nome a nome as nosas estrelas colaboradoras: Noelia, Uxía, Bernardo, Miguel, María, Mara, Estrella e Cristian.

"Non te coñecíamos de nada pero, cando te coñecemos, tratáchenos como da familia" contounos Cristian Guerreiro Carballido que lle dixera a Tita, alí diante de toda a xente. E nós emocionámonos escoitándoo e escoitando todo o que nos contaron. Por exemplo: a descrición da caixiña coa que presentearon a homenaxeada, unha caixiña que levaba unha foto moi especial.

 Despois deste recital de vitalidade, o resto foi complemento. Alba García Pico presentounos unha unidade didáctica destinada a dar a coñecer ao alumnado de ensino secundario e bacharelato a obra de Antía Cal. A Dra. Aurora Marco da Universidade de Santiago contounos as súas impresións dos diferentes actos e glosounos o contido da súa intervención na mesa-redonda en que participou co Dr. Antón Costa -tamén docente na mesma universidade-, coa profesora Mariluz e coa Sra. Genoveva Guerreiro (amigas e veciñas da familia de Antía Cal, en Muras).
O alcalde da localidade, Manuel Requeijo, accedeu a poñer coas súas palabras o punto e final ao programa. Durante a súa intervención convidounos a facer un programa en directo desde o Colexio Antía Cal... e nós tomámoslle a palabra. Será unha honra!

27/11/15

VAI PARA TI, PEPE

Pepe, non nos deu tempo de ver nacido o Balbino africano. Está en xénese, aínda que non chegases a ver o primeiro dos capítulos. Nesta mesma tarde tíñamos previsto recoller os comentarios dun especialista, un profesor africano que se prestara para ler e opinar.
Non chegamos a tempo para hoxe, mais ben sabes que o compromiso está aí. Haberá un Balbino africano e sairá da Mariña. Será un Balbino auténtico, como o da raíz.
Fíxate que recordos máis lindos.
Fíxate que recordos, Pepe.
A sementeira do mañá.
Querémoste.








25/11/15

PROXECTO NEO, nº 141.- Especial 25 de novembro: Jon Amil e Belén Chao





Programa do 25 de novembro. A emisión explicitamente dedicada á igualdade entre os xéneros. Primeiro falamos con Jon Amil, titulado en Medicina, que nos presentou o blogue As Mir e Unha Noites e que compartillou con nós a súa opinión sobre moitos outros temas relacionados coa atención sanitaria (feita con sensibilidade). Mónica Palacios Ferreira ocupouse da coordinación.
No último cuarto de hora, Helena Valle conduciu a conversa con Belén Chao, Tenente da Alcaldía no Concello de Muras, para presentar o programa de actos dedicado á pedagoga Antía Cal.

ANTÍDOTO PARA SUPERAR O FUNDAMENTALISMO

A conversa entre Jon Amil e Mónica P. Ferreira é un auténtico antídoto para coñecer as situacións de fundamentalismo que nos rodean e que nos son presentadas como a única vía para saírmos dunha suposta penuria cultural. Estes son algúns fragmentos do diálogo:

MÓNICA: Aínda que nacido en Vigo, a túa familia ten unha parte vasca e unha parte galega. Cóntanos.
JON: Ten. Miña nai é vasca, oriunda de Irun. Foi vivir a Vigo pouco antes de nacer eu. Levará vivindo en Vigo uns 28 anos.
MÓNICA: Xa lemos nunha entrevista que che fixeron no Portal Galego da Lingua que o teu contacto co galego non foi precisamente un camiño de rosas...
JON: Non. Imaxina. Que sexas de Vigo-cidade, do centro urbano...
... Cando ía á escola, o galego era bastante escaso. Ao ter unha mestra para todas as materias, o criterio que prevalecía era o dela. Eran profesoras que non falaban galego e nas horas de galego preferían dar outras cousas. Había unha que, en vez de dar galego, na súa hora facíamos lectura en castelán. Galego naquela época... pouco.
No instituto, máis adiante, aumentou un pouco -tampouco excesivamente, que sabemos como está a situación-. No instituto xa fun tomando consciencia do que é o galego.
Eu teño amigos que estudaron toda a vida en Vigo no instituto -que aprobaron e con boa nota- e a día de hoxe non son capaces de enfiar dúas frases seguidas en galego, o que é bastante triste.
O que cambiou a miña relación co galego na infancia e na adolescencia foi o Xabarín Club. Nenos que nunca vida estivéramos en contacto co galego estábamos no parque cantando as cancións de Xabarín -o "xa vai sendo hora de ir para a casa"- ou xogábamos ao Son Goku, que era moi divertido (eu sempre era Vexeta, que é o que máis mola).
KARINA:Chegache aos 18 anos e reivindicache orgullosamente a túa condición de neofalante.
JON: Si. Mais quero aclarar que non foi no momento de entrar na universidade. Comecei a falar en Vigo, antes de entrar na universidade, no final de 2º de Bacharelato. Non fun deses que "chega a Santiago e se bota a falar galego", como me teñen dito.
Xa nos últimos anos do instituto, cando comecei a ter conciencia propia e a pensar por min mesmo, entroume certa comichón co tema do galego. Eu preguntábame: por que non falo en galego? Eu son galego, a miña familia paterna fala toda galego, eu vou á aldea e fálase galego, por que no meu día a día non o falo?
Comecei a fixarme no autoodio que hai; na xente que cambia de idioma para falar cos nenos; na xente maior que fala castrapo por teren vergoña de falaren galego na consulta médica... Iso fíxome reflexionar. 
Pensei que a mellor maneira de defender o galego é usándoo. Así me decidín a usalo en todos os ámbitos. Boteime a falar galego e así até chegar ao día de hoxe.
KARINA: Como lle foi ao orgulloso neofalante na Faculdade de Medicina?
JON: Foime ben e mal. Ao princípio -matemático-, cando digo que son de Vigo, toda a xente pregunta "pero... de Vigo-Vigo?". Á xente estráñalle que unha persoa de Vigo-Vigo -eu son do centro; da rúa Torrecedeira- fale galego. Mais despois tiven moi boa acollida porque comecei a ter un grupo de amigos galego-falantes, a maioría falantes-de-nacenza e iso tamén me axudou a mellorar o meu propio galego, a ter un referente para cuestións como o timbre das vogais abertas e fechadas. Por exemplo: fixeime nun amigo da Limia que as marca perfectamente e iso axudoume a mellorar, a que a miña fonética sexa tan boa como se di. Fascinoume falar con xente e verificar que as variantes dialectais que aparecen nos libros de texto eran de verdade.
Mais entre o estudantado hai de todo. Tamén hai os típicos estudantes que son máis "snobs", que non falan galego. Medicina é como o Hogwarts de Harry Potter. Hai dous mundos. Os da alta alcurnia crense mellores que o resto -non xeralizo; ollo!-; teñen menosprezo polo resto da xente e iso inclúe o galego.
HELENA: Dixéchenos que entre o estudantado o ambiente era moi variado. Cóntanos agora como é o ambiente entre o profesorado.
JON: Pois... decepcionante. Podes imaxinar: temos seis anos de Medicina e cada ano teremos dez materias. Cada materia terá uns catro profesores. Fai as contas de cantos profesores pode haber en Medicina (10 X 6 = 60.... 60 X 3 = 180). Pois de todos eles penso que falaron en galego nas clases tres ou catro. E daquela maneira. Porque, aínda que lle poñen moita vontade -e falar galego está moi ben-, algún o que falaba galego-galego non era. Era así unha mestura con moitos castelanismos...
HELENA: ... vulgarmente castrapo.
JON: ... si, vulgarmente castrapo,
Isto tamén fai que a xente que estudou comigo non coñeza os termos médicos en galego. Eu coñézoos porque os busquei pola miña conta, mais os meus compañeiros non saben os termos médicos en galego. Así pérdese o idioma; é un ámbito en que non se está usando. Despois cando chegan a médicos -a médicas-, chega o momento en que se tes que facer unha historia clínica non sabes. Non sabes como tes que dicir a palabra en galego.

(...)

KARINA: Falando da acollida, que tal foi a acollida que lle dispensou a clase médica ao novo titulado que se presentou no hospital falando en galego?
JON: Xa podes imaxinar. Traballar non traballei. Fixen prácticas... e téñenme pasado cousas!! Unha vez tiña prácticas dunha certa especialidade. Cheguei á consulta e o médico en cuestión tiña todo empapelado con cartaces de certa asociación galegófoba. Nada máis entrar, presenteime: "Ola. Eu son un estudante que vén facer prácticas..."
Nada máis comezar a falar galego, soltoume: "Oye, tú no serás de Galicia Nova o de los Cafres o de esa gentuza, no?!"
KARINA: Que calificativos máis...!
HELENA: Que desagradable!
JON: O dos Cafres viña por unha asociación estudantil que existía antes. Chamoulle CafRES, despectivamente. Eu flipei. Asi de entrada, que chegue alí e que me diga iso!! Eu simplemente cheguei alí falando educadamente.
Eu non me amilanei. Continuei falando galego -que pense o que queira-. E con ese médico, máis adiante, tamén me pasou..

18/11/15

PROXECTO NEO, nº 140.- Especial 18 de novembro (Manifesto de Lugo): Laura Blanco de la Barrera e Phoebe Oliver



(Vídeo realizado por Lucía Rivas)

Conmemoramos o 97º aniversario da Asemblea das Irmandades da Fala celebrada en Lugo durante os días 18 e 19 de novembro de 1918. Recordamos os contributos de Castelao, de Vilar Ponte, de -entre outros- Ramón Cabanillas, de Lence Santar e de Salvador Mosteiro para chegaren a plasmar por escrito o célebre Manifesto.
Na celebración, contamos coa colaboración das profesoras Laura Blanco de la Barrera e Phoebe Oliver, que nos atenderon desde Óxford.
Guiados por Helena Valle comezamos este programa especial. Despois escoitamos unha breve historia das Irmandades locutada por Lavilson R. Monteiro, Carla da Veiga, Álex Landim e Silvera V. de Oliveira. Nese momento quen tomou as rendas foi Mónica Palacios Ferreira. O primeiro que fixo foi dedicarnos unha canción alusiva á data conmemorada: o 18 de novembro.

Laura Blanco e Phoebe Oliver
na biblioteca da Universidade de Óxford



Feita a contextualización, viaxamos a Óxford. Alí recibiunos a profesora Laura Blanco de la Barrera, docente no Centro de Estudos Galegos daquela cidade. Por indicación súa, escoitamos unha música deliciosa de Lorena McKennitt, e despois falamos sobre o seu perfil académico. Soubemos que é licenciada en Filoloxías Galega e Portuguesa, con Diploma de Estudos Avanzados en Teoría da Literatura e Literatura Comparadas, e que está formándose en Psicoloxía a través da Universidade a Distancia.
A seguir pedímoslle que nos comentase como chegou a Óxford e a protagonista mostrouse moi espontánea e animounos moito a formarnos para poder conseguir metas tan interesante como é esta. Foi un momento de magnífica motivación para o estudo.
Non esquecemos pedir información sobre os Centros de Estudos Galegos no mundo e sobre o panorama educativo dunha das universidades de referencia mundial.
Boa mostra dos resultados docentes da Universidade de Óxford, tivémola na segunda parte do programa. Helena Valle levounos da man na tertulia con Phoebe Oliver, que combina o traballo do doutoramento coa docencia na universidade. 
Phoebe Oliver sorprendeunos. Primeiro pola súa impresionante fluidez expresiva no idioma galego, mais tamén polo coñecemento que ten da nosa terra. Con ela lembramos a súa experiencia docente no IES de Ortigueira como profesora auxiliar de conversa en inglés; falamos de gastronomía, de literatura e incluso de cinema.


Na parte final do programa sorteamos un exemplar do DVD, xentileza de Vía Láctea Films para a audiencia do noso programa. A primeira copia en ser distribuída na Mariña foi para Xove.

A ESMORGA EN PROXECTO NEO

No noso programa fixemos unha aposta contundente pola difusión do cinema galego. Alén de organizarmos unha proxección para unha parte do noso alumnado, realizamos tres programas divulgativos sobre o filme dirixido por Ignacio Vilar:

Programa 106.- Fixemos entrevista a Sonia Varela 
Programa 107.- Fixemos entrevistas a Zeltia Montes (Música) e Antonio Durán, "Morris" (actor)
Programa 108.- Fixemos entrevista a Matías Nicieza 

11/11/15

PROXECTO NEO, nº 139.- Helena Valle; Mónica Filgueira Formoso; S. D. Porto de Burela





Comezamos o programa 139 cun contido pendente da semana anterior. Helena Valle fíxonos unha extraordinaria crónica do desenvolvemento da presentación da Escola de Teatro de Burela, dirixida por Juan Villarino Calvelo. A nosa locutora estivo na Casa da Cultura para asistir á primeira respresentación dos espectáculos e tomou boa nota, moi especialmente daqueles que estaban protagonizados por Xeila Villarino e por Maka Ledo.
Precisamente despois de falarmos dela, Maka Ledo tomou as rendas do programa e levounos a Ourense para transmitir os parabéns polo seu aniversario a Mónica Filgueira Formoso, a artista plástica ourensá autora dunha exposición sobre Carrapuchiña que estivo en Burela durante a Feira do Libro e a mantenedora da bitácora http://www.moflasinverguenza.com/blog/
Na segunda parte do programa, coa colaboración de Lavilson Rodrigues Monteiro, Mónica Palacios conduciu unha entrevista reivindicativa. A través dos micrófonos de Radio Burela, dous directivos da Sociedade Deportiva Porto-Burela manifestaron publicamente as súas queixas pola cantidade de trabas burocráticas que dificultan a incorporación de mozos extracomunitarios á práctica deportiva. A través das súas palabras, coñecemos o auténtico calvario que deben superar as familias, os deportistas e os clubes modestos para poderen regularizar a situación que permita aos mozos participar en competicións federadas.
Proxecto Neo solidarizouse cos afectados, transmitiu os parabéns á entidade deportiva polo continuo traballo en favor da integración social e comprometeuse a facer chegar o arquivo sonoro da entrevista á Federación Galega de Fútbol.

04/11/15

PROXECTO NEO, nº 138.- Pencha Santasmariñas; Alba Díaz Geada

A meu gaiteriño,
ainda me acordo
cando baixabas polo monte abaixo
e víñasme ti dicindo.

-Bota carne no pote, Marianiña,
bota carne no pote, Marianá,
un molete enteiro. enservelletado,
unha bota con viño, chupáená!

Muller, fartura de loita
qué che hei dicire eu, muller?!
Ti és como a terra nosa,
e a terra coma ti é!

Deixeivos a entrambas soias
anque convosco quedei
Valeira está a terra, morna
ti, sementada, abofé. (bis)

E o vento dicía
pronto hai de volver!,
pra tirar a fame, pra poder comer... (bis)

Ai, muller, cántas noitiñas
te deitaches coa tristura?,
e o vento, aínda che traguía,
as novas dos que marmuran.

E o vento dicía,
pronto hei de volver...

RECITADO FINAL:
Ti és o milagre da terra
e a terra é un milagre teu
mistura de mel e cerna
de fera e de anxo do ceo.

Pariches de pé o fillo,
como fan no monte as bestas.
E hoxe que volto vencido,
para que eu venza ti te deitas.

Ao voltar, que che hei decir?!
Maldito o día e a hora
en que te deixei aquí
pra procurar vida fora!
O inverno da emigración
roubounos a primavera,
quen eu era, xa non son,
e ti non és a que eras!
Xa poden os leiros dar
colleitas ben abondosas,
poden en Madrí falar
con palabras ben fermosas,
que nunca nos han de pagar
a nosa fame de outrora!


O programa 130, protagonizado por Pencha Santasmarinas e Alba Díaz Geada, comezou cun poema de Marica Campo -musicado por Fuxan os Ventos- titulado "Muller".
Con esa música de fondo, comezamos a conversa coa axente de Extensión Agraria e activista por mundo máis xusto tanto no económico como no ambiental e -moi especialmente- no referente ao xénero. Lembramos a súa chegada á Mariña en 1968 e as súas vivencias laborais e políticas entre este momento e 1981, o ano en que marchou da nosa comarca.
Na última parte do programa, o tema de conversa foi o marisqueo a pé. Nese momento a fluidez expresiva de Pencha era xa imparábel. O documento sonoro ten un valor extraordinario.

PAra facer a entrevista a Pencha contamos coa axuda de Alba Díaz Geada (1985), Licenciada en Historia e Premio Estatal á Excelencia no Rendemento Académico Universitario, con liñas de investigación en historia agraria e historia social, movementos sociais, cambio cultural, franquismo e transición á democracia.