Nace Proxecto Neo

Proxecto Neo é o resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro.
Estamos en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo en
Radio Burela
O programa Proxecto Neo ten como protagonistas os neofalantes, as fillas e os fillos adoptivos da nosa terra, especialmente de Burela.

02/12/15

PROXECTO NEO, nº 142.- Colexio Público Antía Cal





"Esta homenaxe lembrarémola sempre. Todas as persoas que estivemos alí. Unha homenaxe cálida. Houbo tanta calor, tanta emoción, que nos chegou a todas e a todos.

Había varios ingredientes nos actos. Había a parte institucional -o nomeamento de Filla Adoptiva-, mais no principio -na descuberta da placa co nome do colexio- xa comezamos a ver o que ía dar de si a xornada. Desde o minuto 1 non quixen perder nada.

Resultou emocionante ver aqueles alumnos e alumnas e a ternura de Antía. Ver a xente do pobo, as amigas, os amigos, ver a familia... Un día fantástico. Moi completo" (Aurora Marco)


Proxecto Neo -o programa de radio educativa inspirado no modelo pedagóxico das Irmandades da Fala, concretizado e posto en práctica en iniciativas tan magníficas como a que impulsou Dona Antía Cal Vázquez en Vigo- quere contribuír a gardar na voz dos e das protagonistas actos como o celebrado o día 28 de novembro de 2015 en Muras.
Con esa intención puxémonos a traballar. Primeiro pensamos en dedicar a emisión nº 142 a Neira Vilas, Chao Rego e Antía Cal. Mais o tempo resultaba moi escaso para meter tantos contidos. Pensamos en prescindir da música e valoramos que non debíamos facelo, porque a música é unha parte esencial de Proxecto Neo. Á vista das circunstancias, decidimos tributar homenaxe a Neira e a Chao facendo aquilo que eles facían: apostar pola cultura nosa. Propuxémonos recoller as intervencións das nenas e dos nenos labregos e transmitilas á nosa audiencia neofalante para contribuír ao seu renacer no día a día. Conseguímolo.
Na primeira etapa atendeunos a Tenente da Alcaldía de Muras, Belén Chao, que nos fixo crónica do desenvolvemento dos actos do Encontro Cultural. Inmediatamente despois, puxémonos en comunicación co centro de ensino. Falamos coa súa directora -a profesora Beatriz Permui- e sentímonos como na casa, porque nos meteu en plena clase de inglés e porque nos presentou nome a nome as nosas estrelas colaboradoras: Noelia, Uxía, Bernardo, Miguel, María, Mara, Estrella e Cristian.

"Non te coñecíamos de nada pero, cando te coñecemos, tratáchenos como da familia" contounos Cristian Guerreiro Carballido que lle dixera a Tita, alí diante de toda a xente. E nós emocionámonos escoitándoo e escoitando todo o que nos contaron. Por exemplo: a descrición da caixiña coa que presentearon a homenaxeada, unha caixiña que levaba unha foto moi especial.

 Despois deste recital de vitalidade, o resto foi complemento. Alba García Pico presentounos unha unidade didáctica destinada a dar a coñecer ao alumnado de ensino secundario e bacharelato a obra de Antía Cal. A Dra. Aurora Marco da Universidade de Santiago contounos as súas impresións dos diferentes actos e glosounos o contido da súa intervención na mesa-redonda en que participou co Dr. Antón Costa -tamén docente na mesma universidade-, coa profesora Mariluz e coa Sra. Genoveva Guerreiro (amigas e veciñas da familia de Antía Cal, en Muras).
O alcalde da localidade, Manuel Requeijo, accedeu a poñer coas súas palabras o punto e final ao programa. Durante a súa intervención convidounos a facer un programa en directo desde o Colexio Antía Cal... e nós tomámoslle a palabra. Será unha honra!

2 comentários:

  1. O mellor do programa: os comentarios tan agarimosos dos nenos do Colexio Antía Cal. Parecían verdadeiros locutores de radio.

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas, Luz! Moitísimas grazas. O día 28 de novembro as voces daqueles nenos e nenas foron un adianto de todo o que íamos recoller durante toda a xornada. No final dos actos da mañá falache por nós, xente modesta que medramos cada vez que se fala da nosa montaña. Tiveche que reducir moito do que tiñas no guión -notouse-, mais o resultado final foi antolóxico. Claro que a intervención da Sra. Genoveva case chega a eclipsar a túa. Que satisfacción escoitar a expresividade daquela muller. Para enmarcar!

    ResponderEliminar