Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

20/01/21

Proxecto Neo 305.10: Manuela Dieste; Marta Salutregui

 

Manuela Dieste, natural de Exipto e licenciada en Filoloxía Clásica, combinou durante varios anos o exercicio da docencia coa dedicación profesional no ámbito da saúde. Con ela falamos dos puntos de confluencia das súas paixóns.
Na segunda parte do programa a protagonista da conversa foi Marta Salutregui, activista social, neofalante de Ferrol.



A SAÍDA DO ARMARIO LINGÜÍSTICO

A ilusión do desconfinamento


-Cando comezache ese proceso?


-Con 23 anos. Eu estaba en Compostela e alí falaba en galego e cando voltaba a Ferrol falaba en castelán. Todo moi metódico: de luns a xoves falaba en galego e de xoves a domingo falaba castelán.


-Cóntanos como foi a evolución.


-Durante o confinamento, por iniciativa un grupo de mulleres de Vigo -as Clandestinas-, facíamos unhas “Pandemias feministas”. Abordábamos temas relacionados co feminismo e empregábamos o galego. Eu sentinme moi cómoda. Cando iso acabou, comezamos a saír á rúa e esquecín o galego outra vez.

Agora pensei que tiña que facer algo [para recuperalo e fortalecelo] e por iso botamos a andar un proxecto participativo. Eu asocio o uso do galego á participación nos movementos sociais e iso é moi importante. Para min ser neofalante é como unha saída do armario; hai que dar explicacións constantemente (salvo en ambientes novos en que non se saiba como falabas antes).

Funme marcando obxectivos a min mesma. Por exemplo: “vou empregar o galego cando me dirixa a xente que non coñeza (no supermercado, na rúa...)”; ou “vou usar o galego nas historias das redes sociais, tipo Instagram”. No caso das redes, tiven dúas fases: primeiro usei o galego nas historias efémeras e despois nas publicacións permanentes. Son pequenos obxectivos.  


Sem comentários:

Enviar um comentário