Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

08/03/17

Proxecto Neo, 187.6: Lidia L. Teixeiro; Radio Miñoca; Luís Davila; Sofía Espiñeira





"As miñas mans sempre teñen feridas
urbanas"

Estes son dous dos versos dun poema en catro partes que Lidia López Teixeiro nos recitou en vivo e en directo desde Madrid. Foi unha das maneiras que tivemos de celebrar o Día Internacional da Muller Traballadora. 
Como primeira entrevista escollemos unha traballadora da cultura, con destino temporal no Centro de Estudos Galegos da Universidade Complutense. 
Tan ben nos entendemos que acabamos recitando a tres voces unha mostra da poesía galega do século XXI.

Inmediatamente despois, comunicamos con Miño, onde nos agardaba unha representación da Radio Miñoca -emisora moi amiga-. Atendéronnos Lian e Adrián, que nos presentaron o sexteto radiofonista e que nos informaron sobre a periodicidade das emisións, a cobertura e o ambiente en que realizan este traballo de comunicación. Encantounos falar con esta xente, coa que teremos unha xornada de convivencia na primeira semana de maio.

O humorista gráfico Luís Davila presentounos a exposición de viñetas que mantén aberta na sala de exposicións de Burela. Falounos do Museo do Humor e adiantounos que a súa selección de dous centenares de tiras viaxará proximamente ás Pontes. 

Nos minutos finais, conversamos brevemente con Sofía Espiñeira, a cantautora da Terra de Trasancos que está presentando o seu primeiro disco.





Sem comentários:

Enviar um comentário