Nace Proxecto Neo

Proxecto Neo é o resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro.
Estamos en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo en
Radio Burela
O programa Proxecto Neo ten como protagonistas os neofalantes, as fillas e os fillos adoptivos da nosa terra, especialmente de Burela.

27/01/16

Proxecto Neo, 147.- Xosé Manuel Lema; María Luísa Roselló; Helena Valle


Por indicación de Dolores Otero, a nosa profesora de Música, o programa 147 comezou coa Pequena Sonata Nocturna de Mozart, con motivo do aniversario do seu nacemento. Xusto despois botamos a andar a sinfonía intercultural: primeiro con Xosé Manuel Lema Mouzo; despois con María Luísa Roselló; e finalmente coa nosa Helena Valle.
Xosé Manuel Lema deunos unha lección sobre xornalismo escolar. A preguntas de Mónica Palacios Ferreira, o xornalista da Ponte do Porto confesounos que exerce o xornalismo desde os quince anos cando era alumno de bacharelato no Instituto de Vimianzo. Quen pode presumir de ter sido colaborador do Faladoiro de Carlos Blanco sendo un adolescente que sae a correr do autobús escolar para poder transmitir a colaboración para a Radio Galega? Pois o mesmo xornalista que tivo un papel de primeiro plano á hora de transmitir as primeiras informacións sobre o desastre ocasionado polo Prestige e tamén sobre a desastrosa xestión realizada polos poderes políticos da altura.
Con esa base, a presentación do xornal Adiante, Galicia resultounos moi gratificante, porque coñecemos o novo medio desde á xénese.
Na segunda parte do programa escoitamos desde Madrid unha voz con raíz galega en Fiobre, no concello de Bergondo. Esa voz que D Higino Martíns definiría como "de encanto" entregounos unha fermosísima relación de amor coa nosa cultura, non só co idioma. Un programa ao estilo Irmandades da Fala. Fermosa homenaxe nos brindou María Luísa Roselló, en entrevista antolóxica.
O último cuarto de hora tivo protagonista moi coñecida: Helena Valle García. Que se comentou nesta entrevista? Iso non se publica na sinopse. Hai que escoitar.





Sem comentários:

Enviar um comentário