Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

17/06/15

PROXECTO NEO, nº 131: Xosé María García Palmeiro; María G. Albert; Julio Lorenzo; Chus Amieiro






Teño unha casiña branca
na Mariña entre loureiros.
Teño paz e teño amor
e estou vivindo no ceo.

Así cantaba Faustino Santalices, a peza que lle dedicamos no comezo do programa ao primeiro decano do Colexio de Xornalistas de Galiza. Xosé María García Palmeiro resolveunos a dúbida -"teño unha casiña case branca no lugar das Valgas, en San Miguel de Reinante, no Concello de Barreiros, que foi onde eu nacín; na casiña que construíu coas súas mans o meu avó, Ramón"- e así confirmamos cal é o seu lugar de orixe e corrixiu en directo algunhas informacións erradas que están publicadas na rede cibernética. Despois fixo unha síntese da súa experiencia profesional e nós interesámonos por algunhas etapas: a de Radio Galicia (1971), da revista Teima (1976)  e de Radio Popular de Vigo (1982).

"Teima foi unha ilusión (...). Dirixíaa Ánxel Vence e reuniu nomes tan significativos como Perfecto Conde, Vítor Freixanes, Luís Álvarez Pousa, Xavier Navaza. Comezaba Manuel Rivas, que fixo traballos moi valiosos. Fixo fotografías Xurxo Lobato... Houbo colaboradores de grande valía, de compromiso co país, coa liberdade, coa innovación e co futuro de Galicia".

Deixamos un xornalista para falar con outra, dunha xeración diferente. Desde a Rúa de Valdeorras, no seu primeiro día de exercicio no cargo, atendeunos a alcaldesa, María G. Albert. 
Julio Lorenzo animounos a secundar a campaña para que a TVG se faga con novos capítulos da serie Dragon Ball Z. Nós escoitámolo atentamente e apoiamos a iniciativa. 
Nos minutos finais, viaxamos a Vilamor para conversar con Chus Amieiro, que nos explicou moi ben explicado o que hai Alén do silencio.

Sem comentários:

Enviar um comentário