Nace Proxecto Neo

Proxecto Neo é o resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro.
Estamos en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo en
Radio Burela
O programa Proxecto Neo ten como protagonistas os neofalantes, as fillas e os fillos adoptivos da nosa terra, especialmente de Burela.

06/05/15

Proxecto Neo nº 125.- Especial Tíralle da Lingua (2): Vitoria Feixó, Kátia da Veiga, Sofía R. Pires e Ares Lamas. David Paul Gerards


A expedición representante do Modelo de Nación do Século XXI 
encontrouse coa profesora Cristina Loureiro na entrada da Alameda de Compostela


Abriu o programa 125 unha moza de Bande: Vitoria Feixó. Gañadora do Tíralle da Lingua na edición de 2014, concedeunos unha entrevista para falarnos da Fábrica de Soños que se foi creando no Instituto Aquis Querquernis. Comentounos que comezou a subir aos escenarios con motivo da celebración do Certame de Teatro de Bande e que no instituto aproveitou a oportunidade de facerse contadora de historias. Tamén nos dixo que lle gusta escribir, tanto poesía como narrativa. Despois de nos contar en vivo e en directo un breve fragmento do relato co que participou no Tíralle da Lingua, adiantounos que espera dedicarse ás artes e que para iso pensa facer estudos da especialidade de Fotografía.
Sobre as 17:15 da tarde recibimos a colaboración de Kátia da Veiga Gomes, que nos colleu da man para levarnos en viaxe imaxinaria a Cabo Verde. Despois de facermos un percorrido polo conxunto das nove illas de nome galego, tivo unhas palabras de recordo para o seu tío Silvino, falecido poucos días antes de que ela emigrase á nosa terra.
Finalizada a lectura de Kátia, saltamos outra vez de Burela a Bande, onde nos esperaba Sofía, unha moza de 1º de ESO. E esa moza de 1º de ESO contounos unha historia tan ben contada como se fose unha estudante do primeiro curso dunha carreira universitaria. Bromeamos con ela e bromeou ela connosco. Escoitámola e pasámolo moi ben.
Aínda coas palabras de Sofía T. Pires na cabeza, emprendemos viaxe a Zürich, onde xa estaba á nosa espera David Paul Gerards. Este estudante de Filoloxía Románica atendeunos desde a propia faculdade universitaria, onde estaba acompañado polo profesor Johannes Kabatek. Con David tamén falamos de linguas -porque el fala fluidamente alemán, inglés, romanés, francés, castelán e galego-portugués- e falamos tamén de viaxes: da que fixo a Santiago de Compostela para participar nun curso de galego para estranxeiros; da que fixo á Mariña para facer diversas entrevistas relacionadas cunha investigación sobre o noso idioma; e da que fixo cos seus compañeiros e compañeiras a Mondoñedo para coñecer "in situ" os lugares en que se ambienta a obra literaria de Álvaro Cunqueiro.
O punto final púxoo outra representante da Fábrica de Soños de Bande. Ares Lamas fíxonos voar a imaxinación a través das ondas e levounos coñecer unha singular Fábrica... nesta vez de palabras (para concretizar os soños).

Sem comentários:

Enviar um comentário