Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

12/02/14

Proxecto Neo nº 80.3 - Especial Día Mundial da Radio


ESCOITE AQUÍ O PROGRAMA

12 de febreiro. Día Mundial da Radio. Nós adiantámonos e fixemos a celebración nas vésperas. O número 80 foi un programa de celebración. Secundamos así a efeméride resultado da declaración da UNESCO en 2011. Acompañamos por vez primeira o camiño iniciado na nosa terra pola Asociación Cultural e Pedagóxica "Ponte... nas Ondas". Tal como o dixo a nosa condutora, Karina Parga: "En Proxecto Neo tamén facemos nosa esta iniciativa. Vaian os nosos parabéns para Ponte nas Ondas e para todas as entidades que apostan pola radio como instrumento de transmisión de cultura".

O primeiro dos contidos foi moi emotivo. A profesora Carme Cociña, do IES Monte Castelo, púxolle voz a un relato de Fran Alonso centrado na inmigración. Esa "Carta de amor" estaba dedicada ao alumno Mamadou Diouf, senegalés como as personaxes do relato: "É unha homenaxe a todos os que deixan a vida escapando da miseria porque cren que un mundo mellor é posíbel. Eles, os soñadores cunha nova vida, son os verdadeiros heroes; non os que pechamos portas e xanelas pensando que o vento non vai entrar, e o vento sempre entra. Non hai quen o deteña".

Despois da música, presentamos en primicia unha nova emisora educativa. O profesor e escritor Xosé Antonio Neira Cruz falounos de CampUSCulturae on line, unha iniciativa que reforzará os lazos de unión entre universidade e sociedade.

A través da nosa Ponte nas Ondas estivo con nós desde Euskadi o cineasta Rubén Sánchez. A través da súa conversa coñecemos os Arlotes, unha serie de Deseños Animados que contou coa primeira das versións lexendadas ao idioma galego. Acabamos sabendo como naceu a idea, canto tempo levou levala a cabo, a que público está dirixida e como se conseguiu financiación para a realizar.

Para o final do programa estaba prevista unha viaxe a Irlanda, de xeito que alí falásemos demoradamente con Isaac Xubín, profesor, tradutor de Pasaia blues. Os problemas técnicos impediron que fose posíbel desta vez. Será noutra ocasión. En calquera momento. 

2 comentários:

  1. Foi unha mágoa non escoitar ao poeta e tradutor Isaac Xubín. Estiven nun recital que fixo en Pontevedra e foi maxistral. El só recitando de memoria textos de Méndez Ferrín, Cunqueiro, Chus Pato e seus. Foron 45 minutos que se fixeron cortísimos.
    Tamén asistín á presentación do libro "Pasaia Blues" de Harkaitz Cano que el traduciu directamente do eúscaro ao galego. Estaban presentes os dou e máis Alejandro Tobar (editor) e falouse sobre o libro e tamén sobre a situación sociopolítca en Euskadi.
    Teremos oportunidade de escoitar a Isaac desde Radio Burela?
    Saudiños.

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas pola súa mensaxe. Encantaríanos dar a coñecer de viva voz á nosa audiencia unha crónica dese acto de presentación do Pasaia Blues. Por favor, envíenos unha mensaxe a proxectoneo@gmail.com
    Moitas grazas

    ResponderEliminar