Nace Proxecto Neo

Proxecto Neo é o resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro.
Estamos en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo en
Radio Burela
O programa Proxecto Neo ten como protagonistas os neofalantes, as fillas e os fillos adoptivos da nosa terra, especialmente de Burela.

29/01/14

Proxecto Neo nº 78.3 - David Blanco (Radio Miñoca) + Helena Valle

ESCOITA O PROGRAMA AQUÍ


O programa 78 estivo dedicado á Radio Miñoca, do CPI Castro Baxoi de Miño. En representación do equipo que fai o programa de radio educativa, atendeunos David Blanco, un mozo de 3º de ESO. Primeiro presentounos os seus compañeiros (Guillermo e Adrián) e compañeiras (Jennifer, Natalia, Raquel, Sheila e Rocío) da redacción e locución. Non se esqueceu de agradecer a coordinación da profesora Begoña Martín Acero e a colaboración técnica de Guti (o profesor de Música) e Anxo (o "director" xornalístico).
Unha vez presentado o grupo humano, David Blanco respondeu a un completo cuestionario, de maneira que acabamos coñecendo con pormenor o funcionamento. Falamos de planificación, de produción, de redacción e de locución. Sempre nun ton absolutamente espontáneo. 
Seguidamente coñecemos o noso entrevistado e a súa familia. Soubemos que naceu en Londres en 1998 e que naquela cidade se coñeceron a súa avoa e o seu avó maternos (ela galega de Cariño e el hindú). Recibimos a novidade con sorpresa e aproveitamos para facer unha sinxela semblanza do magnífico traballo no sector audiovisual de Puri Seixido (actual alcaldesa de Cariño).
NA segunda parte do programa, enviamos os parabéns para a avoa de Maca Ledo -A Sra. Loli estaba de cumpreanos-. Dedicámoslle dúas cancións: unha da Coral Polifónica de Burela (onde ela canta) e outra de Víctor Manuel. Mais, sobre todo, emocionámonos coas palabras que lle dedicou a súa neta.
Despois da música falamos do XXXV aniversario do Instituto Perdouro, do XX da Asociación Cultural OS Matos e... recibimos cos brazos abertos unha nova colaboradora, Helena Valle, que debutou como entrevistada e como locutora (púxolle voz ao currículo da artista viveiresa Gemma Pardo).
Así voou o tempo. Tanto voou que o noso técnico Jorge Monteiro Fidalgo exclamou: "Não pode ser. O tempo escapou". Xustamente, escapou acompañado de Milladoiro.

Sem comentários:

Enviar um comentário