Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

25/10/23

Proxecto Neo, 395.13: Apócemas da Escola dos Castros; Ana Moura ("Bentinha); Luís Roberto Prado Díaz


Na cabeceira do programa 395 recollemos dúas terroríficas apócemas que nos enviou o alumnado da Escola dos Castros. Inicialmente tivemos moito medo, mais pouco tempo nos durou no corpo: a música da Mayra Andrade foi terapéutica e a través dela conseguimos o antídoto contra o arrepío.A primeira convidada no estudio foi Ana Moura, integrante do grupo de batukadeiras Nós Herança.
Na segunda parte falamos con Luís Roberto Prado Díaz, psicólogo pola Universidade Andrés Bello, da Venezuela. O noso convidado, con raíces galegas, estivo por primeira vez na nosa terra en 2021, xusto antes de se deslocar á Dinamarca. Agora traballa no aeroporto internacional de Copenhague.
 

19/10/23

Proxecto Neo, 394.13: Bernardo Penabade; Noé López Paz; Carme Sampedro Miranda; Ana Orol González


 

Bernardo Penabade fixo a crónica dos XXV Encontros para a Normalización Lingüística organizados polo Consello da Cultura Galega.
Noé López Paz, traballador non docente no Instituto Perdouro, falounos da práctica deportiva como fonte de saúde.
Carme Sampedro Miranda presentounos unha vez máis as actividades dos 365 días pola Igualdade.
Ana Orol González falounos do clube de lectura que se reúne na biblioteca do Instituto Perdouro.

12/10/23

Proxecto Neo, 393.13: Anxo Rivas; Miruca Parga; Félix Pardo; Ineida Moreno; Pepe Peinó; María José Pardiñas

Foto de familia do equipo de realización do primeiro programa da 13ª etapa.


Día 11 de outubro de 2023. Foi a data da primeira emisión desta 13ª etapa. O programa que chegou ás ondas en xaneiro de 2012 alcanza agora a edición número 393. Varias ducias de estudantes de 13 promocións propiciaron que na radio á carta teñamos mais dun millar de voces ofrecéndonos o seu ensino a través das ondas. Finalizamos unha etapa de 12 anos en Radio Burela e abrimos un novo período a través da xenerosa colaboración de Radio Foz e Radio Valadouro.
Despois da entrada feita con voz poderosa por Yanira Lopes Martins, o noso primeiro convidado é unha autoridade na radiofonía galega: Anxo Rivas, de Radio Foz. Con el fala Sara Villarquide.
Miruca e Hugo presentan a historia do novo estudio de gravación e Yanira e Félix comentan como se fixo a montaxe técnica.
Vanesa Vila-Verde e Ineida Moreno presentaron a oferta educativa do programa de Cualificación Lingüística (CUALE) nos niveis internacionais B1 e B2.
Xa contra a parte final, acompañounos outra grande referencia na radiodifusión: o mestre Pepe Peinó, que nos lembrou o seu traballo educativo no IES de Alfoz en colaboración coa Radio Valadouro.
As palabras de María José Pardiñas, directora do IES Perdouro, puxeron o broche final a un programa en que tivemos música de Vic López, Grande Amore, Élida Almeida, Diplomáticos de Monte Alto e Ukestra do Medio.
Estamos felices de nos reencontrarmos nas ondas.

29/06/23

Proxecto Neo, 392: Christopher Reyes e Elena Pérez (IES María Sarmiento); Rosa Espiñeira (Biblioteca Maravilhas); Lionel Rexes



Abrimos o programa coa recomendación literaria feita pola profesora Inés Cortés, da Universidade da Coruña. Inmediatamente despois chegou o Momento RPA, desta vez protagonizado polo estudante Christopher Reyes Miranda e Elena Pérez, directora do Instituto María Sarmiento.
A música dedicada ás famosas Sete Mulheres do Minho, na voz do Zeca Afonso, abriu paso á conversa entre Ana Lestao e Rosa Espiñeira. A estudante debutaba como entrevistadora e a directora da Biblioteca Maravilhas facilitoulle moita información, a fundamental: a programación estival das actividades a realizar na Escola de Arroxo, en Lourenzá.
A 12ª etapa, correspondente ao curso 2022-23, levounos ás 392 semanas en antena. O protagonista da "sesión de clausura" foi o escritor Lionel Rexes, entrevistado por Carla Paz. Co cantar do galo ao fondo, coñecemos a Montaña do poeta e revisitamos a Raíña das velutinas.

Germán Quintana e Vreixo Cao durante a realización dun dos programas. A foto é de Lucía Rivas.


22/06/23

Proxecto Neo, 391: Aniversario RPA; Antón Becerra; Juliamny Godoy; Arcadio G. Novoa



Desta vez a Recomendación Literaria chegounos desde a Escola Pedro Caselles, de Xove. Foi na voz de Xacobo, profesor de Educación Física.
No momento do PROXECTO AMIGO emitimos o primeiro traballo co que debutaron nas ondas o día 21 de xuño de 2022.
Antón Becerra foi desta vez a primeira voz que nos falou en representación da comunidade educativa do Instituto Rafael Dieste da Coruña. A súa interlocutora foi Carla Paz, que debutaba nesta responsabilidade. Quen tamén debutaba na comunicación a través das ondas era JULIAMNI GODOY, que realizou unha brillante intervención.
Un programa así tiña que finalizar cunha coroa de loureiro. Así foi a entrevista que Nuria Ramos Cuba lle fixo a Arcadio Novoa, profesor de Filosofía e un dos integrantes do grupo OS AMIGOS DOS MÚSICOS.

Lucía Rivas recolleu para a posteridade esta imaxe da Masa Coral Modelo Burela só uns minutos despois de finalizar a retransmisión do programa do día 21 de xuño de 2023. Había moita alegría por varios motivos: a primeira entrevista de Carla Paz, a participación ao vivo de Fernando Losada, o regreso de Serxio, a felicísima improvisación de Vreixo Cao Lamelas e os ecos das palabras de Antón Becerra, Juliamni Godoy e Arcadio G. Novoa.


15/06/23

Proxecto Neo, 390: Eva Mejuto; Patricia González Mota, "Peque"; Jusvely Godoy; Dani Vilares


Abrimos o programa cunha Recomendación Literaria do profesor Luís Escolar, do IES Marqués de Sargadelos. A seguir recibimos a colaboración de Iago Mon, estudante de 1º de Bacharelato, que nos achegou unha nova entrega de Música para o Estudo da Historia. O Espazo RPA estivo dedicado á escritora Eva Mejuto, con motivo da súa visita ao Instituto María Sarmiento.O primeiro dos tres contidos centrais foi unha entrevista de María Fuente a Patricia González Mota, "Peque". A estrela do Burela FS fixo un emotivo repaso do seu longo paso pola nosa terra.
As seguintes entrevistas estiveron dedicadas á intervención educativa do Instituto Rafael Dieste da Coruña. Esta semana o protagonismo centrouse en Jusvely Godoy e Dani Vilares.




08/06/23

Proxecto Neo, 389: Andrés Calderón (Aquí tamén se fala galego); Fran R. Torrón (Franfret Handmade Guitars); Carla Paz


Johan é profesor auxiliar de Lingua Inglesa no Instituto María Sarmiento de Viveiro. Por xentileza da Radio Proxecto Amigo (RPA), puidemos reproducir unha entrevista con el.O espazo da Música para o Estudo da Historia viaxou ao Valadouro, desde onde colaborou Laura Prado Chao.
O protagonista da primeira entrevista foi Andrés Calderón, estudante do Instituto Rafael Dieste, da Coruña. Estivo con nós para presentarnos a intervención académica que leva por título "Aquí tamén se fala galego".
Para complementar este mesmo tema, tamén entramos en contacto con Fran R. Torrón, luthier con obradoiro na cidade coruñesa e unha das persoas colaboradoras desta campaña.
Na última parte do programa atendeunos Carla Paz, que nos falou de Literatura e Artes Plásticas.

Cartaz anunciador da intervención educativa promovida polo 
IES Rafael Dieste