Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

28/09/22

Proxecto Neo, 359.12: Xoán Moreda Pinto; Vanesa Vila-Verde Lamas

 


A segunda promoción do CUALE -para a obtención do título internacional B1- xa está en camiño. No acto de inauguración participou Xoán Moreda Pinto, profesor de Filosofía, que o curso pasado realizou estudos de Lingua Portuguesa na Escola Oficial de Idiomas de Lugo.

Foi precisamente o profesor Moreda Pinto o protagonista da nosa primeira entrevista. Con el falamos de trinta anos de docencia no ensino público e mesmo do sector da hotelaría, antes de nos centrarmos na súa volta aos estudos regrados como alumno (na EOI).
A segunda entrevista estivo dedicada á incorporación da profesora Vanesa Vila-Verde Lamas ao IES Perdouro e á iniciativa educativa Modelo Burela.



22/09/22

Proxecto Neo, 358.12: Mónica Alonso



Abrimos o programa coa intervención do profesor Fernando Losada, autor dunha peza sonora sobre erros ortográficos comúns en letreiros urbanos protagonizada por estudantes de 3º de ESO (PMAR), coa orientación de Sonia Rey, a súa profesora do Ámbito Lingüístico e Social. A seguir, o noso contertulio presentounos nova colaboración para o curso 22-23: un espazo de animación á lectura.

O contido central do programa estivo dedicado Mónica Alonso. Esta profesora de Educación Física no IES Perdouro evocou para nós a etapa en que combinou os estudos no INEF en Bastiagueiro coa colaboración en CUAC FM (tanto na asociación comunitaria como na realización de programas radiofónicos). Con ela tamén falamos dos seus traballos na cadea 40 Principales e en RadioVoz. Finalmente, gardamos uns minutos para falar sobre o ensino da Educación Física nos centros escolares.
O grupo de participantes no patio da Casa da Xuventude pouco despois de finalizar o programa e antes de participar na sesión de caricias aos cabalos do prado contiguo. A foto é de Lucía Rivas.



14/09/22

Proxecto Neo, 357.12: Programa especial dedicado a Bernardo Penabade

 


No comezo do curso académico 2022-23 chegamos ás 357 semanas en antena. Nuria Ramos e Cristian Gómez redactaron e ocupáronse da realización dun programa monográfico ao profesor Bernardo Penabade. Entre outras persoas, interviron Manolo Maseda, Sechu Sende, Maribel Crecente, Aitor López Anello, Xián Liñares, Maca Ledo, Simón R. Rouco, Helena Valle, Senín Díaz, etc.

23/06/22

Proxecto Neo, 356.11: Miguel Sande; Amancio Liñares


O xornalista Miguel Sande, delegado da Voz de Galicia na Mariña, atendeu a nosa chamada e falou con Nuria Ramos Cuba sobre a súa obra de creación literaria. Aproveitamos para facer a presentación dun libro de recente publicación: O Negociador.
Con Amancio Liñares aproveitamos para evocar a figura de Avelino Pousa Antelo, xusto no momento en que se están facendo as primeiras presentacións dun novo libro: As paroladas de Avelino Pousa Antelo na Radio Galega.

16/06/22

Proxecto Neo, 355.11: Samuel Silva; Ramón Real; Henrique Sanfiz


No programa 351 contamos coa participación de Samuel Silva, xornalista do Público. Falounos da súa experiencia formativa no Centro de EStudos Galegos da Universidade do Minho, baixo a dirección educativa do profesor Alberto PAz Félix.


Co estudante Ramón REal falamos da Feira da Ciencia organizada polo Instituto PErdouro.
Nos minutos finais acompañounos Henrique Sanfiz, Director de Radio Fene e da Cadea de Emisoras Municipais Radiofusión.

entrevistas educación

09/06/22

Proxecto Neo, 354.11: Miguel González Somovilla; Umberto Corral; Pablo García Martín



Abrimos o programa cunha conversa co xornalista Miguel González Somovilla, que nos próximos días 1 e 2 de xullo estará en Mondoñedo para participar no IIº Encontro Cunqueiro.O berciano de Bembibre, Umberto Corral, adiantounos os contidos de Fálame Sempre, un filme do xénero documentario que describe en panorámica a situación da lingua galega naquela comarca.
Nos últimos falamos con Pablo García Martín, alumno de 3º de ESO, estudante no Conservatorio de Música de Viveiro e integrante da Asociación Dambara.

02/06/22

Proxecto Neo, 353.11: Martín Lestao (Asoc. Burela Floral); Shiva Alinda Nurhakim; Carmen Castro Novo; Armando Requeixo

 

Este é o programa das celebracións. Martín Lestao, da Asociación Burela Floral, convidounos a participar nos traballos de preparación da grande alfombra conmemorativa das festas patronais da localidade. Despois falounos dos vínculos entre as localidades galegas que manteñen esta tradición: Perbes, Ares, Ames, Ponteareas... Aínda tivemos tempo para coñecer como lle foi nun encontro internacional celebrado en México.
A protagonista do diálogo intercultural foi Shiva Alinda Nurhakim, estudante de 3º de ESO, con quen festexamos o seu premio no certame #eusonpilabot. A través das súas palabras, soubemos como se desenvolveu a cerimonia de entrega celebrada no Museu Pedagóxico de Galiza; e tamén viaxamos a Muxía, onde Shiva pasou varios anos, ao chegar á nosa terra desde Indonesia.
A profesora Carmen Castro falounos sobre outro certame -o de Educación Financeira, convocado por Abanca-, que foi gañado por un grupo de estudantes de 1º de ESO do Instituto Perdouro.
No cuarto dos contidos, coa colaboración do profesor Armando Requeixo, contribuímos á divulgación do IIº Encontro Álvaro Cunqueiro a celebrar en Mondoñedo durante os días 1 e 2 do próximo mes de xullo.