Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

25/10/21

Proxecto Neo, 329.11: Cristian Gómez Mesa e Raquel Lopes Ramos




    Cristian Gómez Mesa estreouse en Proxecto Neo con 13 anos cando cursaba 2º de ESO. Despois de catro anos colaborando na locución e na produción, agora está aos mandos da realización técnica. Neste programa conversamos con el.

    Raquel Lopes Ramos é afrogalega. Chegou á nosa terra sendo unha nena de curta idade, retornou ao Atlántico africano, pasou alí uns anos e voltou de novo para Burela. Agora estuda o bacharelato. Con ela falamos dunha viaxe moi especial.

24/10/21

Proxecto Neo 328.11: Roberto Soto Santiago (IES PERDOURO)

 



Nacido na cidade de Ferrol, Roberto Soto Santiago estudou Enxeñaría Industrial nas ramas de Electrónica e Automatismos. A súa experiencia laboral, que comezou moito antes de alcanzar a licenciatura universitaria, pasou por ser autónomo no ramo da electricidade e a pintura industriais; na seguridade privada e na amplificación de concertos. Só despois entrou na docencia no nivel do Ensino Secundario.
Outra das facetas do noso convidado é a de músico, tamén a nivel profesional.

06/10/21

Proxecto Neo 327.11: Fernando Losada; Raquel G. Hermida; Aida Colmenero



Iniciamos a décimo primeira etapa cunha entrevista ao profesor Fernando Losada, docente de Bioloxía e comunicador radiofónico.
Raquel González Hermida presentounos o programa de actividades do Observatorio da Mariña pola Igualdade e convidounos a participar na xornada de dinamización artística "Ella Poema", dirixida por Aida Colmenero.
A propia Aida Colmenero concedeunos unha entrevista e nela conversamos sobre a formación artística que recibiu na Escola das Areas, no Senegal; do desenvolvemento profesional neste país; e tamén da experiencia de percorrer trece países do continente, o que lle serviu de inspiración para unha creación audiovisual que agora presenta en diversos lugares do mundo.

23/06/21

Proxecto Neo 326.10: F. Redondo (Fund. Neira Vilas); Manuel Núñez (Ed.Fervenza); Alejandro Piñeiro; Lois Alcayde Dans; Pepe Peinó

 


Neste programa final da décima etapa, tributamos unha homenaxe radiofónica a Balbino, o de Gres, con motivo da súa xubilación.
Abrimos a emisión en comunicación precisamente con Gres, desde onde nos atendeu o profesor Fernando Redondo, Presidente da Fundación Neira Vilas.
Inmediatamente despois, o protagonista da conversa foi Manuel Núñez, director da Editorial Fervenza, entidade organizadora do Certame Balbino de relatos e editora das obras gañadoras de cada convocatoria.
Tamén en relación co Certame Balbino de relatos, na terceira das entrevistas conversamos con Lois Alcayde Dans, gañador da primeira convocatoria -a de 2016-, coa súa obra “Camiños na sombra”.
Puxémoslle o ramo a esta etapa cunha conversa con Pepe Peinó, o autor de Bica de Montouto, a obra gañadora da máis recente edición do mesmo certame.

16/06/21

Proxecto Neo, 325.10: Juliet Ocampo; Ximena Piñeiro; Silvia Basanta; Beatriz Dourado




Desde a Terra Chá recibiunos Juliet OCAMPO, que nos falou do inicio da súa carreira literaria.
Inmediatamente despois de estarmos con Juliet Ocampo, falamos coa súa profesora Ximena Piñeiro Torres, do Instituto Trapero Pardo, de Castro de Ribeiras de Lea.
A terceira das entrevistas foi protagonizada por Silvia Basanta, filóloga das Terras de Meira e coordinadora das Sendas de letras, palabras e libros, unha actividade promovida pola Institución Libre de Enseñanza.
Na parte final do programa estivemos con Beatriz Dourado, que acaba de gañar o premio Avelino Diaz de poesía.

09/06/21

Proxecto Neo 324.10: Helena de Alfonso e J L. Lara (BARAHÚNDA); David Cortizo (Ed. CUARTO DE INVERNO); Teresa Bustamante (Asoc. de Migrantes- AMIGA)



Neste programa viaxamos a Rianxo para falarmos con Helena de Alfonso e José Luís Lara, músicos de Barahúnda, a formación que prepara un terceiro disco de música galega.
Despois de estarmos no norte da Ría da Arousa, coñecemos unha nova empresa editora: Cuarto de Inverno, que ten en catálogo obras de Teresa Moure, de Antḯa Yáñez, de Lorena Conde ou de Arantxa Nogueira.
Na terceira das entrevistas coñecemos unha AMIGA. Esa amiga é: A Asociación Migrantes Galicia, presidida por Dona María Teresa Bustamante.

Capa do cuarto disco de Barahúnda, o segundo da etapa 
da música galega

Catálogo inicial da nova editora Cuarto de Inverno




02/06/21

Proxecto Neo, 323.10: Ángel Mato Escalona (alcalde de Ferrol); Xoel Geada (xeógrafo e músico); Aurora Marco (escritora)





Con Ángel Mato Escalona (alcalde de Ferrol) falamos sobre o Concerto das Letras Galego-Portuguesas celebrado en homenaxe a Ricardo Carvalho Calero.
Neste mesmo programa, felicitamos o xeógrafo Xoel Geada, que acaba de recibir o premio á Calidade dos Traballos de Fin de Grao na USC por “O concepto de DECRECEMENTO aplicado a dúas iniciativas innovadoras na Mariña".
Nos minutos finais, a profesora Aurora Marco falounos tamén sobre premios; neste caso os dous últimos que recibiu: o da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza e o Follas Novas do Libro Galego.