Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

27/05/26

Proxecto Neo nº 492.15 Radio Saúde Burela - 40 aniversario do Hospital Públco da Mariña

Como cada semana, comezamos co noso espazo colaborativo: A Noticia do Día. 

Inmediatamente despois entramos nunha nova entrega de Radio Saúde Burela, nesta ocasión dedicado ao 40 aniversario do Hospital Público da Mariña. 

Falamos con Mª Remedios Eimil Castro, Técnico Especialista de Laboratorio; Francisco Muñoz González, Médico Especialista en Anestesioloxía e Reanimación; e Mª José Cortés Canay, directora do Distrito Sanitario da Mariña.


 

20/05/26

Proxecto Neo nº 491.15 - Antonio Vidueiro & Álvaro Crego Deán

Como cada semana, comezamos cos nosos espazos colaborativos: A Noticia do Día e unha pílula das ciencias 

Na primeira parte do programa, conversamos con Antonio Vidueiro Rodríguez, profesor de lingua e literatura galega. Con el falamos do xogo dos birlos, no que experto, e do seu labor de campo e investigación en torno aos topónimos dentro do proxecto Galicia Nomeada de recollida de microtoponimia. 

Na segunda parte do programa, recibimos a Álvaro Crego Deán, exalumno e actualmente profesor de Matemáticas. Con el, falamos do seu interese pola talasonimia, en particular dos nomes relacionados co mar na costa de Burela.  

Antonio Vidueiro

Álvaro Crego Deán


18/05/26

Presentación da Revista Galega de Educación con Proxecto Neo

 

A Revista Galega de Educación continúa a súa xeira de presentacións arredor do número 93, dedicado á radio escolar, cunha programación que levará o proxecto a diferentes puntos do país nas vindeiras semanas. 

O luns 25 de maio, ás 17:00 h, o Salón de Plenos do Concello de Burela acollerá a presentación baixo o lema “A radio escolar”, coa participación de integrantes do Proxecto Neo, representantes do Consello Editorial e alumnado do IES Perdouro, que será tamén o encargado de moderar e dinamizar o acto.

14/05/26

Proxecto Neo nº 490.15 - Especial Letras Galegas

 
Hoxe abrimos os micros para render homenaxe a unha voz imprescindible da cultura galega, unha muller que fixo da palabra un compromiso e da radio unha forma de entender o mundo: Begoña Caamaño. 
 
Recoñecida xornalista, escritora, feminista e activista política, Begoña Caamaño deixou unha pegada fonda nas ondas, convertendo a radio nun espazo de reflexión, pensamento crítico e defensa da cultura galega. Dende os estudos, coa forza da súa voz e a súa mirada lúcida, acompañou xeracións de oíntes, demostrando que a radio tamén pode ser memoria, conciencia e transformación. 
 
A súa traxectoria é exemplo de paixón polo xornalismo e de amor por Galicia, e por iso hoxe queremos lembrar non só a autora, senón tamén a profesional da radio que soubo informar, emocionar e inspirar.
 
Neste programa especial achegámonos á súa figura dende a admiración máis fonda, celebrando a quen fixo das ondas un lugar para pensar e sentir en galego. Porque falar de Begoña Caamaño é falar dunha voz que segue viva na nosa memoria colectiva. 
 
A escritora viguesa publicou dous libros : Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle. 
 
Na primeira parte do programa falaremos da nosa participación na xornada radiovisual interescolar organizada polo programa Ponte nas Ondas no auditorio do Vello Cárcere de Lugo. 
 
Inmediamente a seguir, o Club de Lectura A Xanela dos Ciclos preséntanos un audiorrelato de ficción que imaxina un encontro tan inesperado como fascinante entre dous seres máxicos da literatura galega. 
 
Na segunda parte do programa, conversaremos con María Liñeira, profesora de Lingua e Literatura Galega no IES de Foz. Doutorada pola Universidade de Oxford, onde foi profesora-bolseira de Lingua e Cultura Galegas. Con ela falaremos de Begoña Caamaño, da súa obra, da súa defensa do feminismo e do seu compromiso co galego. 
 


06/05/26

Proxecto Neo nº 489.15 - Oficios

 
Como cada semana, comezamos cos nosos espazos colaborativos: A Noticia do Día, Mulleres na historia e unha Pílula das ciencias. 
 
Co gallo do Día Internacional dos Traballadores, en Proxecto Neo poñemos o foco en profesións de sempre, oficios que forman parte da nosa vida cotiá e da nosa memoria colectiva, pero que hoxe afrontan tempos difíciles. 
 
Nun mundo marcado pola inmediatez, pola compra rápida e polo impacto da fast fashion e das vendas por internet, moitos traballos artesanais loitan por sobrevivir fronte a un modelo de consumo cada vez máis acelerado. 
 
Hoxe queremos abrir os micros para escoitar a quen segue apostando polo coidado, pola calidade e polo valor do feito con tempo e experiencia. Falaremos cun zapateiro, cunha modista e cunha deseñadora, profesionais que coñecen de primeira man os retos dun presente que cambia a gran velocidade. 
 
Porque detrás de cada oficio hai unha historia, unha identidade e tamén unha reflexión necesaria sobre o futuro do traballo. 
 
Recibimos no estudio a Álvaro Álvarez Rego, zapateiro de Burela. Con el falamos da formación recibida para ser zapateiro, da atención ao cliente, dos zocos e calzado tradicional galego e da súa reconversión laboral. 
 
Na segunda parte do programa, conversamos por vía telefónica coas deseñadoras téxtiles responsables de Antolinas Atelier. Sara Fernández Arias e Pili Arias Villajos son filla e nai e reuniron os seus saberes para dedicarse á alta costura no seu taller de Foz. Con elas falamos de deseño, de tecidos e da confección de vestidos de cerimonia, traxes tradicionais, traxes de Entroido, de época e mesmo de noiva. 
 

29/04/26

Proxecto Neo nº 488.15 - Especial Radio Saúde Burela

Como cada semana, comezamos co noso espazo colaborativo: A Noticia do Día, Mulleres na historia, a Palabra do mes e  a sección A micro Aberto.

Inmediatamente despois entramos nunha nova entrega de Radio Saúde Burela, nesta ocasión dedicado ÁS ALERXIAS.

A primeira entrevistada foi María González Rivas, alergóloga no Hospital Público da Mariña en Burela. Con ela falamos dos alérxenos, de como tratar as reaccións que estes provocan, das vacinas etc. 

Na segunda parte do programa, estivo Paula Rivas Cerdeiras, enfermeira na consulta de alerxias do Hospital Público da Mariña. Con ela conversamos sobre as probas diagnósticas que cómpre realizar ante unha reacción alérxica, as probas de función pulmonar ou o adestramento necesario ante unha urxencia.






24/04/26

Xornada radiovisual interescolar do programa de Ponte nas Ondas

Esta mañá participamos en riguroso directo na xornada radiovisual interescolar organizada polo programa de Ponte nas Ondas. O alumnado de 3º e 4º ESO PDC desprazouse ata o Vello Cárcere de Lugo, acompañado por Miruca Parga e Sonia Rey, para colaborar na emisión.

Durante a súa intervención, compartiron reflexións a partir de citas de Begoña Caamaño, figura homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano.

Podedes escoitalos no final da emisión, a partir de 4h12min.