Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

22/01/20

Proxecto Neo, 286.9: Valentín García (SXPL); Laura Santos ; Iván Sánchez (IES de Cambre); Fogar de Sta. Margarida




Esta nova edición de Proxecto Neo está dedicada aos “21 días co galego”. Para coñecermos o alcance desta iniciativa, abrimos o tratamento dos contidos cunha entrevista con D. Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística.
Inmediatamente despois, na voz das mozas e mozos protagonistas, recollemos diferentes impresións sobre a aplicación do programa. Desde Lugo, atendeunos unha moza do Caramiñal -Laura Santos-, que participou nesta experiencia cando comezaba (en 2014); e desde a área metropolitana da Coruña atendeunos Iván Sánchez, alumno de 1º de ESO no IES de Cambre.
Desde o centro da cidade herculina, conversaron con nós o profesor Carlos Medrano e o alumnado do Fogar de Santa Margarida.
Masa Coral do Fogar de Santa Margarida, da Coruña, colaboradores especiais desta edición de Proxecto Neo.
Lía (2º de Bac), Noa e Marcos (3º de ESO) e Rebeca (1º de BAC) estiveron acompañadas polo profesor
Carlos Medrano, que coordinou a entrevista.

15/01/20

Proxecto Neo, 285.9: Pilar Ponte; Christian Salles; CPI Suárez Marquier (O ROSAL)




Abre o programa un saúdo que nos enviou Pilar Ponte Patiño (A Profa). Inmediatamente despois recibimos unha entrevista realizada polo noso colaborador Christian Salles e que nós emitimos en homenaxe a Ricardo Carvalho Calero.

En colaboración co Colexio Integrado Suárez Marquier do Rosal, realizamos seis entrevistas: primeiro a cinco alumnas do programa radiofónico "The Famous five" e no final á profesora María Oca.

08/01/20

Proxecto Neo: 284.9: Xosé Ríos e Álex de Brito (Hotelaría-IES de Foz); Nacho Taibo; Miguel de Lira



O profesor Xosé Ríos e o alumno Álex de Brito estiveron no noso programa para nos dar a coñecer a oferta educativa da sección de Hotelaría do IES de Foz.
O escritor Nacho Taibo falounos de como se fixo neofalante en galego estando en Madrid. Tamén falamos dos seus estudos de Enxeñaría Naval e de Socioloxía, do traballo na banca e do proceso de incorporación ao ensino da Lingua e Literatura no ensino secundario.
Con Miguel de Lira conversamos sobre Eroski-Paraíso, o filme resultado da colaboración de Chévere e a produtora Ollovivo na que participa o director lugués Pepe Coira.

06/01/20

Coincidindo co oitavo aniversario (04-01-2012 a 04-01-2020), recuperamos a primeira emisión de Proxecto Neo

En primeiro termo, Félix Jorquera -director de Radio Burela-, a persoa que nos abriu as portas da emisora para poder emitir o programa. Ao fondo, a profesora María José Andión no momento da entrevista.

18/12/19

Proxecto Neo, 283.9: Roberto Catoira (ESCOLAPIOS -Coruña); Adela Figueroa (escritora); Paloma López (OMI); Diego Campo (Asoc. Fanto Fantini)




Abrimos o programa con ROBERTO CATOIRA , profesor no Colexio dos Padres Escolapios na Coruña. O tema da conversa: a radio como ferramenta educativa.
Inmediatamente despois tivemos poesía de temática ambientalista. Escoitamos un poema na voz da súa autora: ADELA FIGUEROA, premio ROSA DE CEN FOLLAS-2019.
A segunda parte estivo dedicada integramente á GALA
SOLIDARIA a celebrar en Burela o próximo día 28 de decembro. Primeiro conversamos con PALOMA LÓPEZ-LEITÓN, do Observatorio da Mariña pola Igualdade; e despois atendeunos Diego Campo, en representación da Asociación Fanto Fantini, outra das entidades implicadas nesta gala benéfica. Nos minutos finais conseguimos comunicar con Alex Djimmy, que nos atendeu desde Porto Mosquito, na Illa de Santiago (en Cabo Verde). Confirmounos a súa presenza no festival.

11/12/19

Proxecto Neo, 282.9: Isabel Fernández (Col. Sagrado Corazón-Ribadeo); Manuel Pumares; Mónica Ferreiro; Aida Tarrío



A profesora Isabel Fernández, do Colexio Sagrado Corazón de Ribadeo, presentounos o proxecto educativo "Na fronte unha estrela, no bico un cantar", gañador do Certame Irmán Reboiras para proxectos de normalización do idioma galego.
Manuel Pumares, actor da longametraxe Longa noite, de Eloy Enciso, falounos da súa participación neste filme e comentounos vivencias da gravación e da estrea.
Con Mónica Ferreiro falamos sobre Vida, a película de Rubén Riós, que continúa presente nas pantallas de diversas institucións empeñadas na inclusión social.
A última das entrevistas estivo protagonizada por Aida Tarrío, das Tanxugueiras, que nos presentaron o seu último disco: Contrapunto.

04/12/19

Proxecto Neo, 281.9: Carmen Viñas (IES San Clemente); Xurxo Souto (Diplomáticos)






A profesora Carmen Viñas, do IES San Clemente, falounos da oferta educativa do centro que dirixe. Falamos de formación profesional, de Eso e bacharelato a distancia, do ensino para a poboación reclusa dos cárceres da Lama, Monterroso, Bonxe e Teixeiro; e aínda doutros temas.Na segunda parte do programa o noso entrevistado foi Xurxo Souto, que nos falou sobre o 25º aniversario do Bravú. Durante uns minutos retornamos a 1994 e a partir dese momento fomos vendo a evolución musical e social propiciada por este movemento.