Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

02/10/19

Proxecto Neo, 272.9: Carme Vilariño (AS-PG); Chusé Raúl Usón; Antonio Ben





A profesora Carme Vilariño presentounos as bases do XVIII Certame "Tíralle da Lingua". Aproveitamos tamén para divulgar a convocatoria da nova edición do certame de Curtas ASPG e para dar a coñecer a iniciativa 70minutos.com, da que aínda falaremos máis nos próximos programas.
Desde Aragón, o escritor e editor Chusé Raúl Usón fíxonos unha radiografía da situación xeral da lingua aragonesa e inmediatamente despois presentounos a súa obra literaria.
Nos minutos finais, falamos con Antonio Ben, a quen transmitimos en vivo e en directo os parabéns polo magnífico resultado obtido polo seu fillo, o atleta Adrián Ben, nos campionatos mundiais de atletismo celebrados en Doha.

25/09/19

Proxecto Neo, 271.9: Conchi Pernas (Fondo Galego); Anxos Sobriño; Natalia Monje (Ecos do Sur); Milagrosa Ferrero (UNED)



O programa 271 comezou con dúas crónicas. A primeira foi de Conchi Pernas Díaz, Técnica de Atención á Inmigración do Concello de Burela, que nos resumiu o elenco de actividades desenvolvidas polo economista mozambicano Onofre Muianga en varios concellos galegos como resultado da iniciativa do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
A protagonista da segunda crónica foi Anxos Sobriño, presidenta da Coordenadora de Traballadoras e Traballadores da Normalización da Lingua (CTNL). Con ela repasamos os obxectivos dos premios Mil Primaveras e comentamos o desenvolvimento da cerimonia de entrega realizada no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Natalia Monje, de Ecos do Sur, presentounos un concurso de vídeo destinados en favor da convivencia entre persoas de diferentes razas e culturas. É o CibeRespect, do que ofrecemos cumprida información.
Para tratar o último dos contidos tivemos a colaboración de Milagrosa Ferrero, que nos atendeu en representación da aula da UNED en Viveiro para presentarnos as xornadas de portas abertas organizadas por aquela institución.


18/09/19

Proxecto Neo, 270.9: Andrea G. Corzo (Fondo Galego); Onofre Muianga; Manuel Fuentes (Deputación da Coruña)




A 9ª etapa comezou cun programa especial dedicado á cooperación e solidariedade internacional. A primeira entrevistada foi Andrea G. Corzo, do Fondo Galego, entidade promotora do programa "Vacacións con traballo".
Un dos participantes nese programa é o mozambicano Onofre Muianga, que iniciou en Burela un período de formación que o levará durante un mes por catro concellos galegos: o citado Burela, Cabanas, Outes e Moaña. Con el fixemos a entrevista central.
No último terzo do espazo puxémonos en contacto con Manuel Fuentes, funcionario da Deputación da Coruña, que nos comentou o resultado da súa experiencia en Mozambique, onde estivo como cooperante.

27/06/19

Proxecto Neo, 269.8: Alba Fernández (A Sacabeira-Sargadelos); Brais Costas Fragueiro; Dr. José Martínez-Romero; Adela Figueroa



Alba Fernández presentounos o Café Cultural A Sacabeira, situado na zona das vellas fábricas de Sargadelos. Falounos da decoración e do programa de actividades culturais entre as que están as exposicións de pintura e fotografía, as presentacións de libros e os espectáculos de música e teatro.
Neste programa tamén coñecemos o estudante Brais Costas Fragueiro, que alcanzou a máxima cualificación (13'94) nas probas de acceso á universidade celebradas hai dúas semanas. Durante a conversa soubemos que no próximo curso estudará Filoloxía Galega na Universidade de Santiago.
Co Dr. José Martínez-Romero falamos sobre a cerimonia do seu casamento, celebrado en Buenos Aires un 7 de xullo de 1967, pouco despois do Concilio Vaticano IIº (que abriu as portas á pluralidade lingüística).
Nos minutos finais conversamos coa escritora Adela Figueroa Panisse, representante da literatura galega no Encontro de Escritores e Escritoras dos países de raíz galega celebrado recentemente en Cabo Verde.

20/06/19

Proxecto Neo, 268.8: Gabriela Pedre Lastra; Irene Basanta Díaz; Miruca Parga; Territorio Verde









Programa en que se fala e se canta regueifas. Programa en que se fala de premios gañados por traballos sobre a obra da escritora Antía Yáñez. Programa de homenaxe aos 25 anos da revista Maruxía. Todo isto e aínda máis, como por exemplo a iniciativa de Territorio Verde.

12/06/19

Proxecto Neo, 267.8: Cándido Cosme Pichel; O salto e Sotaques; Vítor Lourenço (Casino de Carballo)



Con Cándido Cosme Pichel, do Restaurante Victoria, de Forcarei, falamos de produtos de proximidade, de gastronomía e tamén de publicidade.
A través da entrevista con Elena Martín Lores e Pablo Santiago, coñecemos o xornal O Salto (antes Diagonal) e a serie audiovisual Sotaques.
Nos minutos finais falamos con Vítor Lourenço sobre a recuperación social e patrimonial do Casino 1889 de Carballo.

06/06/19

Proxecto Neo, 266.8: Kalee Rose Prendesgarst; Lola Tourón; J. M. Iglesias (Carballo Vivo)




En 2014 Kalee Rose Prendesgarst entrou na nosa terra e a nosa terra e a nosa cultura entraron na esencia de Kalee Rose, que mesmo pasou a ser Katuxa.
A paisaxe, a gastronomía, as festas, a lingua e a literatura na nazón de Breogán pasaron a estar presentes na súa vida diaria e neste momento participa en seráns e foliadas, toca a gaita e mesmo aprendeu o baile tradicional na escola provincial de danzas da Deputación de Ourense.
Na segunda entrevistas falamos con Lola Tourón Río, que naceu nunha data moi sinalada -un 25 de abril- en Carqueixeda, nas terras de Samos; estudou na Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón en Lugo; e dedícase ao artesanato como Mestra de Cestería.
No último terzo falamos de dinamización cultural e económica das terras de Friol. O interlocutor foi José Manuel Iglesias, da Asociación Carballo Vivo.