Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

18/12/24

Proxecto Neo 440.14: Radio Saúde: Consellos para festas saudables (Maite Lanza; Montserrat Corral; José Luís Fernández)



Abrimos o programa cos espazos colaborativos: A noticia do DÍA e Horrografía.
Xusto a seguir iniciamos o último programa do mes cunha nova entrega de Radio Saúde Burela que esta tarde puxo o foco en orientarnos para podermos gozar dunhas festas responsables.
Ofreceunos a visión panorámica Maite Lanza, da Unidade de Drogodependencia, e colaboradora habitual do programa.
Con Maite Lanza falamos sobre o traballo que desenvolve esa Unidade no ámbito da Mariña.
Inmediatamente a seguir, falamos con Montserrat Corral Varela, profesora de Neuro Psicoloxía na faculdade de Psicoloxía, na Universidade de Santiago.
Coa Doutora Corral abordamos como afecta o consumo de drogas ao cerebro, principalmente na adolescencia.
Xa na parte final, tamén nos acompañou no estudio José Luis Fernández Fernández, médico de familia no Hospital da Costa.
O Doutor Fernández falounos dos riscos directos e indirectos para a saúde provocados polo consumo de diferentes drogas.



12/12/24

Proxecto Neo 439.11: Manuel Rivero; Ana Carreira; Xulio Oitavén


Como temos por costume, abrimos o programa cos espazos colaborativos: A noticia do DÍA e A pílula científica.
Comezamos o programa desta tarde conmemorando o mes da ciencia en galego nas bibliotecas escolares de Galicia cunha entrevista a Manuel Rivero. Con quen falamos sobre o seu libro “Universo Aurora Sampedro”, onde fai un repaso sobre a vida desta científica mariñá.
Inmeditamente a seguir estivemos con Ana Carreira, con ela conversamos sobre o obradoiro de escrita creativa que impartiu no pasado 16 de novembro no Perdouro.
O obxectivo dese obradoiro foi elaborar un manifesto que, xunto con outros, servirán de base para que Maria Lado redacte o manifesto final do Correlingua do ano 2025.
Xa na parte final do programa desta tarde acompañounos novamente no estudio, Xulio César Ares Oitavén. Con el conversamos hoxe sobre as súas prácticas deportivas: o enduro e a pesca submarina.

05/12/24

Proxecto Neo 438.14: VioXen; Alicia Lage; Xulio César Ares Oitavén.


Comezamos o mes de decembro facendo divulgación das actividades celebradas á volta do 25 de novembro (25-N). A primeira delas chegou do profesor Fernando Losada: unha crónica introducida por Miriam Beizena Vigo e realizada polo alunado de 1º de BAC que viaxou a Santiago de Compostela para participar nun acto institucional organizado pola Consellería de Igualdade.
Inmediatamente a seguir ouvimos unha entrevista con integrantes de VioXén, o Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero. Os alumnos de 4º PDC conversaron con María del Mar e Francisco Javier, que nos explicaron o seu labor neste ámbito.
A segunda parte do programa desta semana estivo dedicada á educación na diversidade. Para falarmos do tema, contamos no estudio con dous convidados: Alicia Lage e Xulio César Ares Oitavén.
Con eles conversamos sobre as súas funcións na atención á diversidade no ámbito da educación.