Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

28/10/20

Proxecto Neo, 295.10: Cándido Paniagua Pousa (escritor); Juan Carlos Alonso (párroco do Santo Cura de Arts-Vigo)



O programa 295, o terceiro da décima etapa, está protagonizado polo escritor Cándido Paniagua Pousa e polo sacerdote Juan Carlos Alonso Gómez.O escritor de Xinzo de Limia chegou a Radio Burela en calidade de coordinador do Equipo de Dinamización do Instituto Monte Castelo e nós aproveitamos para facer un programa de animación á lectura das súas obras narrativas, ambas incluídas no subxénero da "novela negra".
Co párroco do Santo Cura de Arts falamos de linguas feas, de linguas moi feas e tamén de educación e de sentido común.
O escritor Cándido Paniagua Pousa coa equipa de Proxecto Neo, reforzada coa incorporación de Beatriz Botelho e Anxo Díaz.

21/10/20

PROXECTO NEO, 294.10: Beatriz Botelho; Anxo Díaz; Antonio Reigosa

 

Segundo programa da décima etapa. Abrimos novamente en feminino singular con Beatriz Botelho, que fai de ponte entre a comarca da Mariña e o distrito de Viseu. A seguir, conversamos sobre a pesca no Gran Sol con Anxo Díaz, fillo e neto de mariñeiros. Na terceira parte do programa, o convidado foi o escritor Antonio Reigosa, que nos falou sobre o premio Mestras e Mestres da Memoria outorgado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

14/10/20

PROXECTO NEO, 293.10: María X. Fernández Amor "Pepa"; Xulio Xiz Ramil; Faustino Cela


A Masa Coral Modelo Burela no primeiro día de emisión da décima etapa. Ao fondo a Casa da Xuventude, o local en que están os estudios e a emisora de Radio Burela.



Proxecto Neo entra na décima etapa. Sete meses e dous días despois do "encerro", entramos en desconfinamento. Dun 12 de marzo, saltamos a un 14 de outubro e fixémolo con tres conversas: con Pepa Fernández Amor (do Colexio Virxe do Carme, de Burela); con Xulio Xiz Rami, de Galicia Dixital; e con Faustino Cela (neto de Ricardo Carvalho Calero).

12/03/20

Proxecto Neo, 292.9: Henrique Rabuñal; Natalia Irimia; María Alonso




Con Henrique Rabuñal conversamos sobre a Anxo da terra, obra poética de Ricardo Carvalho Calero editada con estudo introdutorio do escritor e profesor de Arteixo.
Natalia Irimia presentounos o programa de actividades do Equipo de Dinamización Lingüística do IES Perdouro.
Nos minutos finais, conversamos con María Alonso (profesora do IES Fernando Esquío de Neda).

04/03/20

Proxecto Neo, 291.9: Paulo F. Mirás; Consuelo Díaz (Col. Fondo-Nois); Alejandro Ramos


Continuamos coas nosas sesións didácticas dedicadas a Ricardo Carvalho Calero. Desta vez, alén da música da angolana Aline Frazão, conversamos con Paulo F. Mirás (biógrafo do autor homenaxeado nas Letras Galegas de 2020); coa mestra Consuelo Díaz, con quen tamén falamos sobre a celebración do 8 de marzo; e co pedagogo Alejandro Ramos, que nos deu a coñecer os contidos do seu TFM centrado na convivencia intercultural en Burela.

20/02/20

Proxecto Neo, 290.9: Belén Couto; Guillermina Domínguez Touriño; Sandra Rivas


En febreiro de 2020 en Irlanda dúas mulleres ocuparon as portadas dos xornais porque foron as primeiras en ter recoñecemento legal para o seu matrimonio. En Galiza iso mesmo ocorreu quince anos antes. Unha das protagonistas daquela boda entre mulleres estivo con nós no programa. A profesora Guillermina Domínguez Touriño evocounos aquel momento, reflexionou con nós sobre amor e lexislación e presentounos o seu libro Tres mulleres galegas de armas tomar: MAría Balteira, María Castaña e María Soliña.

13/02/20

Proxecto Neo, 289.9: Comunidade educativa do IES de Vilalonga; Naír García Abelleira (IES de TEIS)




A comunidade educativa do IES de Vilalonga colaborou connosco novamente. Desta vez, un grupo de alumnas e alumnos de 4º de ESO estiveron no programa acompañados polas súas profesoras Lidia Fernández Pastoriza e Carme Picallo.
Na segunda parte da emisión conversamos coa profesora Naír García Abelleira, unha das impulsoras da Radio Escolar do IES DE TEIS. Este é un fragmento da nosa conversa:

-Canto alumnado atende?
-Neste curso teño 70 alumnos e alumnas de FpBásica, 2º de ESO e Educación para Persoas Adultas.
-Dese total de alumnado, que porcentaxe pode ter o galego como idioma de comunicación espontánea?
- O cálculo é sinxelo, porque actualmente non temos ningún alumno nin alumna que empregue o galego como lingua habitual. Aínda máis: hai nenos e nenas que teñen verdadeiras dificultades para se expresar en galego dentro da aprendizaxe da propia materia ou noutras tarefas.
 No centro hai algunhas persoas que teñen o galego como lingua habitual -escóitanse na cafetaría ou nos corredores-, mais son persoas matriculadas nos ciclos formativos. Veñen doutros lugares estudar a Vigo e manteñen o seu primeiro idioma.
[Fóra desa excepción], na ESO e no Bacharelato non temos alumnado que use o galego a diario. Estamos no 0%. É unha cifra tremenda, mais así é o panorama”.