Seccións

29/04/15

Proxecto Neo nº 124.- Nacho Pena (C. T. Noite Boemia); Andrea Álvarez (IES de Bande); Johannes Kabateck (Univ. de Zürick); Silvera V. de Oliveira (IES Perdouro)



Chámase Nacho Pena Maceda. Estuda no Instituto Menéndez Pidal -o que é coñecido como Zalaeta- da Coruña. Leva no teatro desde os tres anos. Estimulado pola familia, aprendeu técnica e fixo moita práctica no Colexio Andaina; despois pasou á Compañía Noite Boémia, coa que leva percorrido grande parte da Península.
Ese é o primeiro convidado do programa nº 124. En menos de vinte minutos contounos a súa experiencia do Tíralle da Lingua, falounos da súa formación artística e fíxonos rir mentres interpretou para nós un fragmento do espectáculo que protagonizara só uns días antes.
Despois do ritmo frenético de Nacho, entramos nunha fase de calma con Andrea Álvarez, a gañadora do Tíralle da Língua na edición de 2015. Estudante de 4º de ESO no Instituto Aquis Querquernis, esta moza que desprendía humildade foinos relatando punto por punto como fixeron a preparación e a selección para acudir ao certame. Falounos con inmenso cariño da dedicación profesional do seu profesor de Lingua e Literatura, Xoán Carlos Domínguez Alberte, de quen dixo que "xa me deu... e espero que me siga dando". 
Faltando 25 minutos para as seis da tarde, atendeunos desde a Universidade de Zürik o profesor Johannes Kabatek, que estaba acompañado polos seus alumnos e alumnas. Maka Ledo e Helena Valle preguntáronlle pola súa relación coa nosa terra, tamén pola súa experiencia como docente na Universidade e incluso polas vivencias nunha viaxe de estudos que os trouxo a terras mindonienses. O profesor falou non só de Mondoñedo e Cunqueiro. Comentounos que estiveron en Tui, na Coruña, en Santiago e en Pontevedra.
Antes de finalizar a entrevista, como sabíamos que estaba rodeado de alumnado, fixémoslle unha proposta: que aceptase colaborar na produción dun próximo programa de Proxecto Neo e que convidase algún ou algunha estudante a participar connosco. Pareceulle unha boa idea e xa se atreveu a suxerirnos un nome: David Paul Gerards.
Os cinco minutos finais estiveron protagonizados por Silvera Vicente de Oliveira. A alumna do Instituto Perdouro leunos en antena o seu relato intitulado "45 días en Dakar", que recolle a súa propia experiencia autobiográfica de ter que estar moito tempo na capital doutro país á espera da resolución de trámites burocráticos.

Sem comentários:

Enviar um comentário