Inmediatamente despois de terse celebrado na Coruña a gala de entrega dos premios Mestre Mateo aos mellores traballos do audiovisual, quixemos establecer contacto directo con persoas implicadas neste sector tan importante na cultura galega.
Primeiro -coa condución de Helena Valle- falamos con María Liaño, actriz, dobradora e produtora de longametraxes, documentarios e series televisivas. Ademais de conversarmos sobre o seu labor de dirección e xefatura de produción, tamén coñecemos a súa faceta de representante de actores e actrices. Así surxiron os nomes de Antonio Mourelos, María Bouzas, Nerea Barros, Manolo Cortés...
Mais aínda fomos alá! Antes da despedida, Maka Ledo púxolle voz a este texto literario da autoría de María Liaño.
Autobús urbano. 9 da mañá.
Todo o mundo serio, calado, cada un ao seu,
cando un bebé empeza a rir coas coñas que lle fai o pai. Escachaba coa risa e
cada vez ía subindo o volume.
Comezamos todos a mirarnos de esguello e a
sorrir polo baixo.
A medida
que o cativo berraba máis, o resto riamos con máis forza até que todo o bus
acabou rindo co pequeno.
Un
simple riso dun neno, cambiou o ánimo de todo un autobús cheo de adultos.
Que necesario é rir!!
Despois deste magnífico momento, escoitamos a música do Sonoro Maxín, nun tema moi acaído: "Estou feliz".
Felices estábamos porque acabábamos de ter o privilexio de conversar con María Liaño e felices estábamos porque, naquel momento, Matías Nicieza xa nos confirmaba que tíñamos comunicación con Marga Pazos Barcala.
Nós queríamos felicitala, en vivo e en directo, sen mediacións. Porque na recolla do Premio Mestre Mateo que a distinguiu como "mellor comunicadora de televisión" en 2015, a presentadora do Telexornal Mediodía fixo un discurso moi sentido e moi profundo. Por iso e porque nós fixemos nosas as súas palabras, puxémonos en contacto con ela para facerlle chegar o sentir da nosa audiencia e para testemuñarlle o noso aplauso.
Como foi a entrevista que lle fixo Maka Ledo?
A resposta é fácil: escoiten... e comenten sinceramente (que temos unha sección específica para iso).
INFORMACIÓN COMPLEMENTAR
Letra da canción
MATRIARCAS
Comezan as historias
con homes encumados.
Rematan sempre todas
con mulleres que os salvaron:
da morte do intelecto;
de insectos que os picaron;
de turbias lendas vellas,
que non queren nen lembrar.
E nós pouquiño a pouco
imonos situando
construindo barricadas
no país dos alalás.
Nós en corpo e alma;
nós comprando calma;
nós cousa por cousa
sen podernos despistar.
Nós aleitadoras;
nós conquistadoras
brillantes activistas
da vida cotián.
E nós que resistimos
a séculos de forza.
E nós as matriarcas
do país dun tal Breogán.
1) Unha visión sobre o audiovisual: http://praza.gal/opinion/2450/o-audiovisual-galego-reinventase/ (ARTIGO DE OPINIÓN DE X. A. PÉREZ LEMA)
2) Entrevista a Marga Pazos (publicada por El Progreso no día 5 de abril de 2015): elprogreso.galiciae.com/noticia/374302/non-perdo-de-vista-que-tvg-e-television-de-todos-os-galegos
3) Conversas con Marga Pazos: https://www.youtube.com/watch?v=TDIt64WgUJM (Telediver, do IES Chano Piñeiro de Forcarei).
4) Castelao, biografía dun ilustre galego (LONGAMETRAXE do DR. PÉREZ PRADO): https://vimeo.com/19333127
Sem comentários:
Enviar um comentário