Seccións

06/02/13

Proxecto Neo nº 42.2 - Julio Delgado

No programa nº 42 contamos coa colaboración de Simón Rodríguez Rouco e de Sergio Rivas Valiña. Eles ocupáronse da produción: falaron co convidado, explicáronlle o funcionamento do programa, marcaron a data e buscaron información sobre o seu currículo. Por se iso fose pouco, colaboraron magnificamente na locución, en vivo e en directo. Sentímonos orgullosos deles.

O convidado, Julio Delgado (responsábel da área deportiva do Burela F. S.) estivo colosal. Chegou con moito tempo e deunos todas as facilidades. Xoel presentouno con estas palabras:

"Nacido en Salamanca, Julio Delgado chegou a Pontevedra en 1994. Catro anos máis tarde, buscou o Norte. Orientouse cara a Burela. Antes, na cidade natal estudou nuns centros de nome moi literario. O ensino primario fíxoo no Gabriel y Galán e o bacharelato no Fray Luís de León. Despois ingresou na Facultade de Dereito combinou os estudos universitarios coa práctica do deporte de elite".

O contido da entrevista é para non perder, porque se tratan moitos contidos, mais todos eles con grande espontaneidade, coa máxima proximidade ao oínte.

Este é o enlace para escoitar a conversa.

2 comentários:

  1. Esta semana escoitei o programa Proxecto Neo, en Radio Burela, e quero con estas liñas felicitar os entrevistadores, a produción do programa e, en fin, a todos os que fan posible esta emisión de radio que chega a miles de fogares. Incluso a Londres, onde eu estou.
    Se abro o meu corazón e son sincero, debo dicir que me emocionei escoitando a entrevista a Julio Delgado, xa que este deportista é un referente para min. Crecín véndoo xogar no desaparecido Cefire F.S. e agora sígoo como adestrador dun clube -o Burela F.S.- do que formei parte nestes anos atrás e dos que gardo grande recordo e cariño.
    É ben certo que hai poucos anos que nos coñecemos, mais todas as veces que tiven a oportunidade de coincidir con el -dentro e fóra dun pavillón- foron realmente agradables e sobre todo valiosas, xa que de Julio pódese aprender moitísimo.
    Quero darlle as grazas polas palabras cariñosas que me dedicou e facerlle saber que a miña experiencia, primeiro no London United e agora no Baku United, está sendo satisfatoria e positiva. Unha das cousas que sempre admirei de Julio é a súa competitividade. Do pouco que o coñezo, sei que non lle gusta perder a nada; e a min pásame o mesmo. Cheguei cunha idea a Londres e agora pola miña cabeza non pasa outra cousa que non sexa ser campeón de Inglaterra.
    De verdade que moitas grazas a todos: a Julio Delgado, ao Burela F.S. e a Proxecto NEO.
    PROTAGONISMO NEO!

    Daniel Ladra Fernández
    (Adestrador do Baku United)

    ResponderEliminar
  2. As persoas que facemos Proxecto Neo sentímonos moi agradecidas ao comprobar que unha desas visitas/audicións que nos chega desde Londres corresponde a Daniel Ladra. Moitas grazas por facérnolo saber.
    Dani, queremos que saibas que nós tamén nos emocionamos ao ler as túas palabras, das que lle transmitimos copia a Julio Delgado.
    Sirvan tamén estas liñas para felicitarte a ti por esa vitoria do Bakun United. Ese 4-1 ao Helvecia, tantas veces campión da liga inglesa, fainos soñar coa posibilidade de que desta vez o título poda ter algo de acento galego.
    Faille chegar a Turero e a Girón o noso aplauso por eses éxitos deportivos na diáspora.
    Sentímonos orgullosos de vós.

    ResponderEliminar