Seccións

30/01/13

Proxecto Neo nº 41.2 - Lukas + Cándida + Séchu Sende

Nesta ocasión contamos coa colaboración de Begoña Martín, profesora que permitiu esta entrevista intercentro. Viaxamos ata Miño para falar con Lukas Esteban Silva Plaza, alumno de 4º ESO do CPI Castro Baxoi. Naceu en Santiago de Chile no ano 1995. Chegou á nosa terra por agrupación familiar no ano 2006. Antes chegou seu pai en busca de traballo. Despois viñeron a esposa e catro fillos - entre eles Lukas - A viaxe foi para ver se lles gustaba e quedaron. Forma parte do "Pelotón Linguístico" do seu centro. É admirable a súa integración e a súa fluidez na fala despois de 6 anos en Galicia.

Na segunda parte do programa, falamos con Dona Cándida Lorenzo, que tivo que emigrar ao Reino Unido nos anos 70 deixando a súa filla recén nacida no Valadouro. En canto puideron, o seu home e ela levaron a nena para o Reino Unido onde a educaron nos colexios inglés (na vila de residencia) e español (en Londres). Cándida é a avoa de Laura Ramos Cuba, ex-alumna do IES Perdouro, estudante de xornalismo que acaba de publicar na semanario Sermos Galiza unha magnífica reportaxe sobre o "Modelo Burela". Aproveitamos para transmitirlle a Laura as nosas felicitacións e agradecemento. Se alguén se quedou sen poder mercar o xornal, terá que esperar 2 meses a poder lelo na sección quiosque da web de Sermos Galiza.

O broche final tivémolo escoitando unha entrevista feita a Séchu Sende, escritor que estivo no centro o pasado venres. Podedes ver a reportaxe do encontro en Perdourando. 

Escoitade esta delicia de programa aquí

23/01/13

Proxecto Neo nº 40.2 - Ton Formoso + Rodrigo Pereira + Evinha

Chegamos ao número 40. Desta vez comezamos co ritmo da Sra. Condutora. Frenéticos. Por iso, para non desentoar, puxemos a música de Manu Chao. Con ela ambientamos as primeiras entrevistas, que lle dedicamos ao Servizo de Normalización do Concello de Carballo. Ton Formoso e Elísabeth presentáronnos un  vídeo cheíño de emoción e de cariño intercultural.

Despois, a música de Joaquín Sabina fixo de tránsito á entrevista a Rodrigo Pereira Trillo. Este mozo chegou a Burela en feliz reencontro coa terra da que marchara súa avoa á idade de 7 anos. Alentado por Aitor, Xoel e Gabi, Rodrigo falounos tamén de seu pai, ex-porteiro de fútbol na liga da primeira división uruguaia. A fonética, o ritmo da fala e os contidos da conversa merecen moito a pena.

Na última parte, escoitamos música orixinal de Ana Kiro e interpretada por Evinha Pedreira. Recomendóunola Xeila Villarino Coto, que se encargou de a presentar con estas palabras: 

A intérprete chámase Eva Cajide Pedreira, anda polos 21 anos e desde os 3 toca o piano (está rematando a carreira). Aos 17 comezou a dar as clases de Música. Colleulle o gusto e desde hai un ano rexenta unha academia, o centro Rossini en Lugo.

Evinha é unha das participantes no Recantos, o certame para novos intérpretes que organiza o Luar da TVG.
A modo de guinda, Aitor púxolle voz á mensaxe que nos fixo chegar o Doutor Bellino:

Ola!!! Hoxe enteireime de que están aí Xeila Vilariño Coto e Evinha!! Asi que facédeme o favor e saudádeme esas duas mociñas que son encantadoras e moi boas amigas miñas!! Que vaia todo moi ben.

A entrevista completa está aquí

 

16/01/13

Proxecto Neo nº 39.2 - Antón Crego

PROXECTO NEO cumpriu un ano e quixemos celebralo cun programa especial. Organizamos unha festa con música ao vivo.

Pedimos colaboración a Antón Crego e tivémola non só del. Con nós estiveron tamén Xabier Mazaira López (aos mandos dun violino) e Álvaro Crego Deán (nos teclados e co acordeón).
O que fora integrante do grupo A Quenlla durante trece anos (1984-1997), compositor e intérprete (guitarra, percusión e voz), evocounos o seu período de formación en Lugo e falounos da súa relación con escritores como Uxío Novoneira, Manuel María e Darío Xoán Cabana e co profesor Xesús Alonso Montero, de quen foi alumno.
Matías Nicieza púxolle voz ás mensaxes enviadas por Mero Iglesias, Francisco Piñeiro e María do Carmo Cociña. Xa na parte final, recollemos de viva voz o cariño de Marica Campo. A nosa escritora foi presentada por Xoel Xeada desta maneira:

Marica Campo é escritora. Deu clase en San Cibrao e en Xove. Viviu durante varios anos no lugar do Torrillón, na Regueira. É autora de numerosas obras de poesía, narrativa e teatro. Mais hoxe está con nós en calidade de trovadora ou o que é o mesmo: compositora de letras de cancións. Compuxo para Fuxan os Ventos, para a Quenlla, para Tino Vaz… e seguro que para moitos outros que nós non coñecemos.

Como complemento á introdución musical de J. Sebastian Bach executada por Xabier Mazaira, despedimos o programa coa maxia de Álvaro Crego aos mandos do acordeón. Foi unha magnífica homenaxe ao seu avó, que lle transmitiu en herdo o amor por ese instrumento.

Aquí o audio do programa nº 39.2 con Antón Crego. Que haxa bon proveito.

09/01/13

Proxecto Neo nº38.2 - Tania Iglesias & José R. Pichel

Primeiro programa de 2013. Con el completamos unha ducia da nosa segunda etapa, a que comezou no pasado mes de outubro. 

Por iso comezamos dun xeito especial: con síntese de poesía e música. Facémolo con dúas sereas. Porque na voz dunha muller de mar escoitamos a historia doutra muller de mar. Esta -a literaria, a de ficción- di que naceu no Berbés e preséntase con moita forza.

Na primeira parte do programa falamos con Tania Iglesias Pillado, licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela e titular dun Mestrado en Profesorado de ESO e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanza de Idiomas (especialidade en Servizos) pola Universidade da Coruña. Ademais de nos comentar a súa impresión sobre os estudos de Xornalismo, Tania compartiu con nós a súa experiencia na prensa escrita (fixo prácticas en El Progreso) e a radio (desde outubro de 2012 traballa en Radio Burela).

Nos últimos minutos puxémonos en contacto con José R. Pichel Campos, Enxeñeiro informático pola Universidade da Coruña. Actualmente é director da área de enxeñaría lingüística da empresa imaxin|software, da que foi un dos seus fundadores no ano 1997.

O audio do programa está neste enlace:  Proxecto Neo nº 38.2