Seccións

20/04/16

Proxecto Neo, 158.- Sara Medrano; Marta Gómez Ocampo; Xabier Lago Mestre


O PROGRAMA DA EMANCIPACIÓN

No programa 158 coñecemos aquilo que Sevilla ten de especial; escoitamos unha reflexión sobre a política lingüística da administración galega; e mantivemos entrevista co historiador berciano Xabier Lago Mestre.
Na entrada puxemos unha música recén tirada do forno. A banda Gelría interpretounos un poema de Bernardino Graña e así coñecemos o ambiente dunha tasca mariñeira, con traballadores barulleiros, un gatiño á espreita -á espera de que lle caese algo- e cuns donos da tenda moi atentos a todo o que pasa.
Sara Medrano, que foi presentada por Alba Geada -que se afianza na locución-, levounos de paseo por Sevilla, falounos de aprendizaxe de idiomas e fíxonos promesa de nos visitar na Mariña, aproveitando a súa participación nos cursos de verán de Lingua e Cultura Galegas organizados polas universidades.
De Sevilla viaxamos rapidamente a Compostela para falarmos con Marta Gómez Ocampo. Fixémolo escoitando a música dos Poetarras. Obviamente, botamos uns risos.
A politóloga de Xove, representante da Mariña nos XVIII Encontros de Normalización Lingüística do Consello da Cultura Galegas fíxonos unha crónica dos contidos desenvolvidos naquelas xornadas formativas, moi especialmente da sesión en que participaron ela e Anik Nandi, baixo a moderación da profesora Tina Formoso.
Despois falounos das súas circunstancias sociolingüísticas, xusto antes de nos facer unha reflexión sobre a política lingüística aplicada pola administración galega.
A segunda media hora do programa concentrouse na intervención do historiador berciano Xabier Lago Mestre, que fixo exactamente o que lle pedíamos: un discurso moi pedagóxico, fácil de entender por todos os públicos. Así visualizamos unha magnífica panorámica sobre a súa comarca. Coñecemos os territorios en que se usa o noso idioma, o perfil das persoas que o usan, quen foron e quen son as persoas máis destacadas polo seu uso en ámbitos cultos e mesmo quen son as entidades que o promoven (Xarmenta, Grupo as Médulas...).

Sem comentários:

Enviar um comentário